We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Movimiento estudiantil
O peche da facultade de Medicina: o estudantado galego esperto e empoderado
Crónica do día 5 de novembro, no que o alumnado da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela comezou unha folga indefinida. Ao longo do día sucedéronse concentracións, sentadas e asembleas. O estudantado aproba pecharse na Facultade ata que as súas reivindicacións sexan atendidas. Tras oito horas de reunión co Decanato, comezan a acadar os seus obxectivos.
En Santiago de Compostela, moi pretiño do Obradoiro, escóitanse berros acompasados dende dentro da Facultade de Medicina. Son as 12 da mañá. Asómome ao seu interior e rapidamente me reciben co canto de “non nos mires, únete”. Son os estudantes de Medicina, quizás 100 ou 200 ata onde me alcanza a vista, sentados na entrada, nas escaleiras e nos pasillos.
“A semana pasada [a folga] aínda estaba en cueiros. Non sabiamos se facer unha sentada, unha concentración, un peche, se facelo todo xunto ou algo diferente cada día” cóntame Lara, alumna de segundo. Agora mesmo, todas estas mobilizacións son unha realidade. Vestidos de negro e cun crachá verde pendurado do peito, todos os alumnos da facultade agardan impacientes a chegada do reitor, programada para as dúas da tarde.
A folga é indefinida porque se mañá finiquitamos isto, poñen catro parches e se esquecen de nós
“Eu creo que estoupamos pola cantidade de tempo que pasamos aquí. Chegamos a ter 46 horas á semana. A asistencia a clase é obrigatoria e acabamos fartos” cóntanos Alicia Seoane, encargada de comunicación do movemento. “Os horarios cambian da noite para a mañá, hai prácticas que coinciden con exames, clases que están programadas para despois do propio exame da materia, profesores que non aparecen, horas de recuperación obrigatoria pese a que caen en festivo… todo isto leva aos delegados, cunha carga de traballo impresionante, a reformular os horarios e xuntar ata 10, 11 ou 12 horas nun día”.
A campá da catedral repenica dúas veces. A imaxe é sobrecolledora: coa chegada do Reitor, Antonio López Díaz —que veu expresamente dende Madrid para seguir a folga—, os estudantes forman un corredor que recibe entre vítores os delegados, listos para a reunión no decanato.
“O máis significativo é ver hoxe aquí os alumnos de sexto. Practicamente remataron, pero veñen apoiarnos porque pasaron por isto e saben o que hai", di Alicia Seoane. "Bastantes profesores veñen de mostrarnos o seu apoio. Quen está dentro sabe o que pasa aquí”, continúa.
Julián Álvarez Escudero, o decano, sae de entre a multitude e inicia un discurso de conciliación. Finaliza cun “esta é a miña opinión”. E a resposta é contundente: alguén brama dende o público “non queremos a túa opinión, queremos solucións”, e estoupan os aplausos. Se unha imaxe vale máis que mil palabras, é esa.
As reivindicacións
Entre as críticas do estudantado atopamos o método de avaliación. Para aprobar algunhas materias precísase un sete, que no boletín se convirte nun cinco. Isto baixa a media do alumnado e supón unha desvantaxe para optar ás bolsas e á praza para Médico Interno Residente (MIR).O descontrol das prácticas no hospital é un tema recorrente, así como a saturación das aulas: hai clases prácticas nas que se xuntan 80 persoas. Como os profesores non dan abasto, reúnen a un grupo de alumnos —os monitores— o día anterior, para que estuden a materia a impartir ese día e lla expliquen aos seus compañeiros en grupos máis pequenos.
Fronte a isto, existe o outro lado da moeda: hai prácticas que, simplemente, non existen. “O primeiro ano de Bioquímica, o profesor alegou que as clases ‘non se imparten porque non hai material nin medios para facelo’”. conta Alicia.
A xornada de folga
A folga, sen dúbida, ten éxito. Achegámonos a aula 3, onde ás 15:30 se imparte a materia de Ética da medicina, e atopamos tan só un alumno. “Estou de acordo coas reivindicacións pero non coa folga. Veño de Latinoamérica e as cousas alí están bastante peor. Non me compensa unha folga indefinida” comenta.Dende a Asemblea Aberta de Medicina, explican que a folga é indefinida porque “se mañá finiquitamos isto, poñen catro parches e se esquecen de nós”, como asegura unha estudante de terceiro, Claudia. Martiño Loureiro, de sexto, cóntanos que hai uns anos o estudantado presentou un escrito ao decanato. “Prometéronse cambiar as cousas e non se fixo nada”. Con esta protesta non se buscan solucións rápidas, senón mellorar a calidade da educación a longo prazo.
Esta vez, a grande baza do movemento é a súa repercusión mediática. “Sinceramente, eu creo que teñen medo”,di Alicia Seoane sobre o decanato. “Levan todo o fin de semana sacando noticias, contestando tuits, hoxe saían a falar connosco cando chegaba a prensa…”. Algo moi significativo foi o intento de cambiar a reunión cos delegados. “Buscouse facela de imprevisto onte, no canto de hoxe, para evitar a repercusión mediática”, remata.
A Asemblea
Dan as 9 da noite. Introdúzome nun grupo de estudantes que me leva ao salón de actos. Agardo unha pequena xuntanza dos líderes, mais o que atopo déixame sen respiración: o auditorio está completamente cheo.O obxectivo é que os delegados transmitan ao resto os acordos e obxectivos logrados durante o día. Pero sete horas despois de entraren no decanato, os delegados seguen reunidos. Comeza entón unha asemblea de análise da folga ata o momento. Piquetes si, piquetes non, esa é a cuestión. Finalmente, a proposta queda descartada. “Se algo dá forza ao movemento, é que triunfa sen obrigar a ninguén a secundalo”, arguméntase.
Por maioría absoluta, elíxese tamén continuar coa folga e o peche indefinidos. Os aturuxos da xente que me rodea deixan unha mensaxe clara: isto vai en serio.
Se algo dá forza ao movemento, é que triunfa sen obrigar a ninguén a secundalo
Coa chegada dos delegados, o auditorio rebenta a aplaudir. Coreando “delegados, delegados”, os representantes comezan a enumeración de logros. Algunhas son recibidas cunha alegría desbordante: a práctica do sete convertido en cinco é ilegal e hase propor revisar as notas postas en anos pasados.
Non obstante, para outros logros escoito besbellos entre a multitude: “non se aportan solucións, todo son promesas baleiras”.
"O decanato funciona dunha maneira moi sinxela: se llelo das todo masticadiño, cómprancho" aseveran os delegados. “Se non, esquécete de que o solucionen”.
O peche
Son as 00:13 horas e, ao fin, remata a Asemblea, tras 4 intensas e pesadas horas. O activismo xa non é tan romántico tras todo un día de traballo.Ás 2:00 a.m, chega Julián Álvarez Escudero, o Decano. “Teñen razón os chavales?” pregúntalle o compañeiro Aníbal Malvar. “Nalgunhas cousas si. Nas formas, estou algo sorprendido, pero se está mantendo un exquisito respeto”.
O Decano asegura estar ilusionado para cumprir cos obxectivos marcados nestas reivindicacións, se ben non titubea cando se lle pregunta pola dimisión. “Son médico. Non estou aferrado á cadeira”.
O decano tamén se posicionou con respecto ao Plan Boloña, que tanto agobia ao alumnado pola excesiva presencialidade. “Ten fortalezas e debilidades, e non somos capaces de sacarlle proveito ás fortalezas. Ao fin e ao cabo, fixérono as universidades ricas. O Plan Boloña é de Oxford e de Cambrigde, non de Cádiz nen de Santiago de Compostela”. Por suposto, na facultade aínda queda a noite. A planta baixa está habilitada para durmir e xa se vén algunhas esteiras colocadas, se ben a vida volve comezar no primeiro andar. Na aula de segundo curso móntase un karaoke que remata en pogo, e no corredor a xente saca os xogos de mesa ou organízase (porque está demostrado que saben organizarse) para botar un escondite.
Non todo é festa: ás tres e cuarto da mañá, os delegados, coordinadores e varios voluntarios deciden reunirse de novo. A xornada do día seguinte abrirase con outra sentada ás 13:00 da tarde e todo debe sair perfecto, pero hei de admitir que, ante o abano de alternativas, unha servidora decidiu deixar esa xuntanza para crónicas futuras.
Relacionadas
Palestina
Palestina Yousef: “No cuentes lo que queremos ser, cuenta lo que nunca hemos dejado de ser: un pueblo que quiere la paz"
Andalucía
Educación Pública Las universidades públicas de Andalucía, en guerra contra la Junta por la infrafinanciación
Comunidad de Madrid
Universidad, bajo asfixia Advierten de la desmovilización en la universidad pública tras el anuncio de Ayuso de aceptar la ayuda estatal
Entretanto as universidades do grupo Coimbra reparten cartos da UE, ata 500 millons de € por universidade, unha vergoña.
Animo e moita siete.
Médico emigrado