O Goberno anula a condena a un dos últimos galegos fusilados polo franquismo

A familia de Xose Humberto Baena consegue que se aplique a Lei de Memoria Democrática e que conste como asasinado e non como asasino na documentación oficial.
Xosé Humberto Baena familia
Xosé Humberto Baena junto a su hermana, en una foto familiar.
13 ago 2025 17:25

A irmá de Xosé Humberto Baena Alonso conseguiu por fin que a memoria do seu irmán sexa restituída. Unha loita que comezou o seu pai, un ano despois de que fose fusilado: “O meu pai morreu coa impotencia de non poder demostrar a súa inocencia”, lamentaba Flor Baena fai quince anos en declaracións a Diagonal. “É o soño desta familia, poder rehabilitar o seu nome”.

Naquel momento, Baena denunciou que continuaba recibindo ameazas anónimas, aínda que mostrou a súa determinación para restituír a dignidade do seu irmán: “Eu non quero vinganza, simplemente quero que o rehabiliten. Que anulen a sentenza e que recoñezan que foi un xuízo inxusto: que non o podían xulgar polo militar, que a lexislación antiterrorista foi redactada cando el estaba en prisión, que non deixaron declarar a ningunha testemuña...”

Por mor da entrada en vigor da Lei de Memoria Histórica, dirixiuse ao Tribunal Constitucional, que declinou actuar por tratarse de feitos acaecidos antes de que se asinase a Constitución. A mesma resposta recibiu do Tribunal de Estrasburgo, xa que en 1975 o Estado español non asinara a declaración dos Dereitos Humanos.

Finalmente, esta semana o Goberno entregou á familia unha declaración de recoñecemento e reparación, unha figura contida na Lei de Memoria Democrática aprobada en 2022 á que teñen dereito as vítimas da Guerra Civil e a ditadura. Cincuenta anos despois do seu fusilamento, un dos cinco últimos que realizou o franquismo, o Estado recoñece que foron vítimas, así como oficializa que as condenas non teñen validez debido a que a propia lei anula todas elas “por vicios de forma e fondo”. A declaración vai rubricada polo ministro de Política Territorial e Memoria Democrática, Ángel Víctor Torres Pérez.

Baena foi executado á idade de 24 anos, por un pelotón de fusilamento composto por gardas civís, todos voluntarios, na mañá do 27 de setembro de 1975, no campo de tiro militar de Hoyo de Manzanares, en Madrid. Tanto a familia como os seus compañeiros de militancia, denunciaron desde o primeiro momento que Baena foi condenado á morte nun Consello de Guerra infestado de irregularidades e no que a sentenza estaba decidida de antemán, o 11 de setembro, no acuartelamento do Lambón.

Xunto a Xosé Humberto Baena Alonso foron fusilados tamén, no mesmo campo de Hoyo de Manzanares, os seus compañeiros José Luis Sánchez-Bravo e Ramón García Sanz, tres membros da Fronte Revolucionaria Antifascista e Patriota (FRAP), destacados na súa militancia contra a ditadura. Ese mesmo día tamén tamén foron fusilados dous militantes de ETA político-Militar, Jon Paredes Manot ‘Txiki’ e Ángel Otaegi.

Biografía dun militante antifascista

Xosé Humberto Baena Alonso realizou os estudos de Bacharelato superior e empezou a carreira de Filosofía grazas ao diñeiro que lle mandaban uns parentes próximos. Durante o primeiro curso universitario, en 1970, tiveron lugar unhas manifestacións estudantís, en Santiago, nas que participou. Foi detido, xulgado polo Tribunal de Orde Pública (TOP) e expedientado. As manifestacións celebrábanse por motivos académicos. Os estudantes reclamaban máis democracia. Deste proceso, Baena foi absolto en 1972, un par de anos máis tarde. A pesar de todo, estivo un mes no cárcere —en Santiago e na provincial da Coruña—, despois de pasar polas comisarías de Vigo e Santiago de Compostela. Foron os comezos da súa concienciación política.

Baena fusilado franquismo
Baena, en la esquina derecha, junto a su familia.

Desde entón a Baena negábanlle o certificado de boa conduta que pedía para poder traballar nas fábricas. Tivo que dedicarse a facer outros traballos para poder gañar algún diñeiro e sobrevivir: de camareiro, como vendedor de libros. Fixo o servizo militar en Colmenar Viejo (Madrid), xa fichado pola policía, estivo vixiado día e noite polos axentes do Servizo de Información Militar do cuartel. Baena tomou contacto co PCE (m-l) mentres facía a mili. Coñeceu a un militante e, ao terminar o servizo, quedou montada unha conexión para Galicia. Baena integrouse no partido en novembro de 1973. Unha das primeiras accións nas que participou foi no barrio de Berbés, en Vigo, en marzo de 1974, en protesta polo asasinato de Puig Antich. O grupo no que actuou Baena queimou a sucursal dun banco.

Foi detido o 22 de xullo de 1975 a punta de pistola. O 15 de agosto informáronlle de que lle acusaban da morte dun policía e que lle procesaban pola xurisdición militar

O primeiro de maio de 1975, o FRAP convocou manifestacións en Vigo. Nunha delas, un Garda Civil disparou contra Manuel Montenegro Simón, un obreiro de Fenosa que aquel día estaba de garda na fábrica pero que abandonou o seu posto para unirse á manifestación. A noite do 3 de maio, Baena non foi a durmir á súa casa. Os veciños avisáronlle de que a policía o estaba esperando desde primeira hora da mañá.

Foi detido o 22 de xullo de 1975 a punta de pistola. O 15 de agosto informáronlle de que lle acusaban da morte dun policía e que lle procesaban pola xurisdición militar. Baena chegou a relatar que ante a súa negativa para declarar, golpeáronlle e torturaron: “Lanzábanme dun extremo a outro da parede, golpeándome con porras e cos puños. Caín varias veces ao chan, pero levantábanme rapidamente para seguir golpeándome. Nunha ocasión, mentres me suxeitaban por detrás, agarráronme polo pescozo e golpeáronme a cabeza contra un moble metálico”. Finalmente, morreu fusilado na mañá do 27 de setembro de 1975.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.

Relacionadas

Cargando relacionadas...
Cargando portadilla...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...