Memoria histórica
A CRMH recorrerá a declaración de Meirás como Lugar de Memoria para reclamar que as vítimas sexan o eixo
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña recorrerá a declaración do Pazo de Meirás como Lugar de Memoria Histórica ao considerar que a resolución da Secretaría de Estado non fundamenta adecuadamente os motivos da declaración e deixa nun segundo plano ás vítimas da represión franquista.
A entidade memorialista anunciou a presentación dun recurso de reposición despois de estudar, xunto con outras organizacións, a argumentación empregada pola Secretaría de Estado. A CRMH lembra que foi precisamente unha das entidades que reclamou que o Pazo de Meirás recibise esta consideración.
O recurso defenderá que a declaración debe centrarse na represión exercida durante a ditadura e nas vulneracións de dereitos humanos sufridas polas súas vítimas. “Non estamos a falar dun plan de usos nin de aspectos culturais do Pazo de Meirás”, sinala a organización, que considera que a resolución debe atender exclusivamente, na súa xustificación, a “as vítimas, a represión e os atentados cometidos contra os dereitos humanos e a súa vulneración sistemática”.
Para a CRMH, Meirás constitúe un lugar de memoria pola súa relación coa represión franquista e o expolio, polo que non considera pertinente incorporar outros valores culturais ou literarios como elementos centrais da declaración.
Neste sentido, cuestiona especialmente a referencia á escritora Emilia Pardo Bazán incluída na resolución. A Comisión lembra que Pardo Bazán morreu en 1921, antes do golpe de Estado de 1936, e que, polo tanto, “non foi vítima do franquismo”. Ao seu xuízo, a súa figura non pode formar parte da fundamentación principal da declaración.
Ademais de reclamar que as vítimas da represión franquista constitúan o eixo da resolución, a CRMH pedirá recuperar a denominación de Pazo de Meirás, despois de que a palabra 'Pazo' desaparecese da declaración, algo que a organización cualifica de “sorprendente”.
O recurso solicitará así mesmo que se emenden varios erros que, segundo a entidade, contén a resolución en relación coa tipificación do expolio e o relato da represión. Tamén denunciará a “omisión absolutamente irregular” do papel desempeñado polas asociacións memorialistas que impulsaron a declaración.
A CRMH prevé presentar o recurso “proximamente” e conta co respaldo de diversas entidades, entre elas a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, a AAVV Atochas-Montealto-A Torre, a Asociación Veciñal da Agra do Orzán, a AC Eira Vella de Betanzos, a Agrupación Cultural O Galo de Santiago e a asociación viguesa Memoria, Verdade e Xustiza.
Tamén apoian a iniciativa o Comité pola Memoria Histórica do Val do Limia e o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, ambos de Ourense, así como Vía Galega, Fundación Galiza Sempre, Fundación Moncho Reboiras e a CIG, ademais doutras organizacións memorialistas de fóra de Galiza.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!