Un novo parque eólico ameaza un castro de 2.000 anos de antigüidade na Costa da Morte

Catro aeroxeradores instalaranse a menos de 700 metros de vivendas no municipio de Dumbría, o quinto concello galego con máis potencia eólica instalada.
pedra cabalgada
Pedra do Brazal, no Concello de Dumbría.

En pleno día de Noiteboa, mentres boa parte da cidadanía estaba pendente das celebracións, o Diario Oficial de Galicia publicaba o acordo polo que se sometía a información pública o proxecto do parque eólico Carboal, promovido por EDP Renovables España no concello coruñés de Dumbría. Catro aeroxeradores de case 120 metros de altura e 162 metros de diámetro de rotor que se sumarían á longa listaxe de instalacións que xa abundan a rexión da Costa da Morte.

Dende a plataforma ecoloxista Vendaval Costa da Morte alerta de que o novo parque estaría localizado en solo rústico de uso forestal e rural, en zonas próximas a núcleos de poboación, camiños tradicionais e espazos cun alto valor paisaxístico. Trátase ademais dunha área xeográfica que xa foi sometida a numerosos procesos de avaliación ambiental, con alegacións da cidadanía e mesmo declaracións de impacto ambiental negativas.

O parque consta de catro aeroxeradores e un orzamento de máis de 18,5 millóns de euros. Dous instalaranse moi preto dos núcleos de Carboal e Vilar do Paraíso, mentres que os outros dous situaranse nas proximidades de Anseán, O Brazal e Xestosa.

Os dous aeroxeradores de Anseán atópanse a menos de 700 metros das vivendas, segundo explica Suso Tuñas, veciño afectado, quen denuncia a falta de información sobre o proxecto: “As fincas afectadas son privadas, pero non sabemos se van ser expropiadas nin cal será o procedemento”. Segundo explica, non houbo contacto cos propietarios das parcelas e a única actuación coñecida foi a instalación dun catador de vento nunha das leiras, que permanece no lugar desde hai máis dun ano.

A localización insírese nun espazo xeográfico que xa foi obxecto de numerosos proxectos eólicos rexeitados: Codesos, Sembra, Paxareiras II, Alto da Croa, Alto da Croa II e Monte da Tella foron avaliados negativamente nos últimos anos nos concellos de Dumbría, Cee e Vimianzo. As declaracións de impacto ambiental desfavorables recoñeceron a saturación eólica extrema da zona, o efecto barreira continuo para a avifauna, a afección ao Camiño de Santiago e ao patrimonio arqueolóxico, así como a proximidade inasumible a vivendas habitadas.

Unha das principais críticas do escrito de alegacións que ven de presentar a plataforma Vendaval Costa da Morte ten que ver coa metodoloxía, xa que o proxecto se avalía de forma illada, como se non existisen outras instalacións ao seu redor. “A Administración vén permitindo unha tramitación fragmentada de proxectos eólicos nunha mesma área funcional, impedindo avaliar o impacto territorial global, a acumulación de aeroxeradores e liñas eléctricas, e a perda progresiva da conectividade ecolóxica”, denuncian.

Afeccións ao patrimonio cultural

Segundo sinalan as alegacións, o Instituto de Estudos do Territorio xa advertiu noutros proxectos da zona da “incidencia visual acumulada e sinérxica”, criterio que resulta plenamente aplicable ao parque Carboal. 

Ademais, o estudo de impacto ambiental recoñece a presenza de “varios elementos patrimoniais catalogados pola Consellería de Cultura”, entre os que se citan a Mámoa de Pedras Canteiras e o Cruceiro do Marco de Couto. Pero a proximidade de dous aeroxeradores ao Castro do Logoso e á Pedra Cabalgada non parece merecer unha atención acorde coa súa importancia patrimonial.

O Castro do Logoso é un xacemento arqueolóxico excepcional que permanece case intacto despois de dous mil anos de abandono. Situado nunha posición estratéxica ao carón do Camiño de Santiago, o castro érguese no alto dun monte aproveitando as defensas naturais do terreo. 

Conserva edificacións circulares adosadas ás murallas e nunca foi obxecto de escavacións nin intervencións arqueolóxicas. Ademais, non presenta sinais de romanización, o que incrementa notablemente o seu valor histórico.

A Pedra do Brazal é outro elemento patrimonial de relevancia na contorna. Trátase dun gran bloque de granito de decenas de toneladas que se mantén en perfecto equilibrio sobre outra rocha cunha superficie de apoio moi reducida, algo que sorprende pola estabilidade e pola súa conservación ao longo de millóns de anos de erosión natural por chuvia, vento e outras agresións xeolóxicas. 

A instalación de aeroxeradores de ata 200 metros de altura nas inmediacións do Castro do Logoso e da Pedra Cabalgada suporía unha transformación profunda do seu contorno histórico e paisaxístico. As infraestruturas alterarían de maneira significativa a percepción da implantación estratéxica do castro no territorio e desvirtuarían a lectura da paisaxe cultural na que tamén se insire a formación granítica. 

Avifauna: efecto barreira e mortalidade

As declaracións ambientais desfavorables de proxectos veciños, citadas nas alegacións, recoñeceron explicitamente o efecto baleiro e barreira sobre a avifauna, o incremento de colisións e a afección a especies como o miñato común. O parque Carboal contribúe a pechar aínda máis ese corredor ecolóxico que se estende ao longo de máis de trinta quilómetros, aumentando o gasto enerxético das aves, a mortalidade directa e a fragmentación dos hábitats.

O propio estudo de impacto ambiental confirma esta realidade ao indicar que “se retirarán todos os animais mortos no parque e as súas proximidades, dada a importancia de aves esteparias nos páramos nos que se ubica o parque eólico”. 

Doutra banda, a Costa da Morte está catalogada como destino Starlight e posúe un valor crecente en turismo astronómico. Segundo as alegacións, o balizamento obrigatorio dos catro aeroxeradores xerará unha contaminación lumínica persistente que afectará a insectos, aves e quirópteros, ademais de degradar un recurso turístico emerxente. 

Mentres tanto, a comarca segue sendo obxecto dunha presión territorial que pon en risco o seu patrimonio, a súa biodiversidade e a calidade de vida da súa poboación. Os catro aeroxeradores do parque Carboal son unha pequena parte dun modelo enerxético que, segundo as organizacións ecoloxistas, está a transformar irreversiblemente o territorio sen garantir nin a participación cidadá nin a preservación dos valores ambientais e culturais. Un modelo que ameaza desde castros milenarios ata os ceos escuros que deron renome a esta comarca como destino de turismo astronómico.

Os datos de potencia instalada evidencian a intensidade da presión eólica sobre a Costa da Morte. Segundo o mapa de instalacións eólicas por municipio de Red Eléctrica de España, Dumbría é xa o quinto municipio galego con maior potencia eólica instalada, con 118 MW repartidos en oito instalacións. A zona concentra unha densidade extraordinaria de parques: o veciño Mazaricos ocupa o terceiro posto con 146 MW, mentres que Vimianzo figura no cuarto lugar con 126 MW. Os 19,8 MW do proxecto Carboal sumaranse a unha comarca que xa acumula preto de 400 MW só nestes tres concellos limítrofes, unha potencia superior á de moitas provincias españolas. 


Medio ambiente
A guerra do vento
Fracturas sociais e fendas medioambientais na implantación descontrolada da enerxía eólica en Galiza.
Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...