Miles de traballadores secundan a primeira xornada de folga do metal na provincia de Pontevedra

A manifestación máis grande percorreu o centro de Vigo en protesta polo bloqueo na negociación do convenio provincial, que afecta a uns 30.000 empregados. Os sindicatos anuncian novas paradas para os días 13, 14, 19, 20 e 21 de maio.
Folga Metal Pontevedra 07/05/2026 - 16
Cabeceira da manifestación en Vigo pola folga do metal na provincia de Pontevedra. Miguel Núñez

O metal da provincia de Pontevedra amosou este xoves o seu músculo na rúa. Varios miles de traballadores secundaron a primeira xornada de folga convocada por CIG, CCOO e UGT en protesta polo estancamento que arrastra a negociación do convenio provincial, un acordo que regula as condicións de traballo de preto de 30.000 persoas en sectores como os estaleiros, a automoción, as industrias auxiliares do naval, a fontanaría e a electricidade.

A marcha máis grande, que tivo lugar en Vigo, arrincou desde a zona de Beiramar, onde se concentran os grandes estaleiros da cidade, cun amplo dispositivo policial de orde pública. Ao berro de “convenio do metal, solución!”, a columna foi medrando ao seu paso pola praza de América e o cruzamento de Gran Vía con Venezuela, onde se incorporaron os piquetes do comercio. A manifestación transcorreu sen incidentes graves, aínda que un peón sufriu unha ferida leve nun brazo pola explosión dun petardo e rexistráronse danos por lume en dous contedores na rúa Venezuela.

Antes de que partise a manifestación, o responsable comarcal de CIG Industria, Xulio Fernández, valorou a xornada como “un total éxito” segundo os datos trasladados por delegados e piquetes desde os centros de traballo de toda a provincia. Instou á patronal a “abandonar a sinrazón” e a “sentarse a negociar de xeito leal e honrado”. Rodolfo Otero, de CCOO, incidiu na especial vulnerabilidade do sector en materia de seguridade laboral, sinalando o naval como unha industria de “alto risco” de accidentes. Cristian González, portavoz de UGT na mesa de negociación, lembrou que o convenio do metal de Pontevedra “sempre foi un referente” e advertiu do avance da precariedade e de riscos como o estrés térmico nos postos de traballo.

A presión esténdese a Navalia

Ao rematar a marcha na praza da Estrela, unha asemblea de traballadores refrendou a continuidade dos piquetes durante o resto da xornada co obxectivo de manter os centros pechados. Os sindicatos cualificaron a oferta da patronal de “insulto” e anunciaron cinco novas xornadas de folga: os días 13, 14, 19, 20 e 21 de maio. A coincidencia destas últimas tres datas coa celebración da Feira Navalia non pasou desapercibida. “Alí teremos que estar”, advertiu Fernández.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...