Laboral
O metal volve colapsar Vigo, mentres a patronal ameaza con non negociar ata que se desconvoque a folga

Cuarto día de folga do sector do metal en Pontevedra e cuarto día de negativas da patronal Asime a aceptar as demandas das miles de traballadoras e traballadores da provincia. Segundos as tres principais centrais sindicais (CIG, CC.OO. e UXT), a folga rexistrou novamente “un seguimento practicamente total”, con milleiros de persoas percorrendo dende primeira hora da mañá os principais polígonos industriais e “visitando as empresas máis belixerantes co seu persoal”. Logo dos piquetes informativos de primeira hora, as rúas de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía acolleron marchas multitudinarias que transcorreron sen incidentes malia estar escoltadas todas elas por fortes dispositivos policiais: “Outra vez organizados por unha Delegación do Goberno español máis preocupada por defender os intereses da patronal que por garantir o dereito de folga e de manifestación”, denuncian dende o sindicato maioritario do sector, a CIG.
“Instamos ao empresariado a reconsiderar a súa postura e a sentarse a negociar unha mellora efectiva das condicións laborais porque do contrario, chegaremos até onde faga falta para garantir os nosos dereitos”, avisaron os delegados e delegadas durante a mobilización. Entre tanto, as asociacións empresariais que conforman a patronal do metal na provincia de Pontevedra, Asime, Atra e Instaelectra, insistiron en ”esixir“ o fin da folga para retomar a negociación do convenio cos sindicatos e reiteraron que estudarán accións legais contra as centrais polo prexuízo económico que as protestas ocasionaron á feira Mindtech celebrada a pasada semana. Neste senso, a CIG censurou os comunicados “fascistas” que está a facer públicos a patronal e quixo deixar claro que non desistirán á hora de reivindicar as súas lexítimas demandas.
Hoxe acompañamos a cuarta xornada da folga do metal en Vigo, no que unha multitude de obreiros e obreiras encheron as rúas do centro da cidade na demanda dun convenio xusto pic.twitter.com/HdNADjnjM0
— Galiza Contrainfo 🔥 (@gzcontrainfo) June 28, 2023
Malia a violencia policial sufrida polos traballadores e traballadoras nas mobilizacións da semana pasada, a patronal di estar ”estudando accións xudiciais que permitan reclamar os elevados danos económicos e a varios dos visitantes e expositores, mesmo con responsabilidades de carácter penal e civil no ámbito colectivo e/ou individual". Algo que parece máis ben deixar lonxe un potencial acordo.
Entre as reinvindicacións do sector, salientan o mantemento da cláusula de revisión salarial conforme ao IPC real para compensar a perda de poder adquisitivo dos últimos anos e a redución da xornada anual en 24 horas. Así como garantir a subrogación do persoal entre empresas privadas. Tamén reclama unha suba salarial xusta, fronte ao 2% para 2023, do 3% para 2024 e do 3% para 2025 que ofrece a patronal, cunha cláusula de revisión salarial topada ao 1%, sen carácter retroactivo e sen atrasos. En cambio, as centrais sindicais demandan un incremento do 4% para cada un dos anos.
Ante a ausencia de acordo, os tres sindicatos que promoven as mobilizacións aproveitaron a xornada para anunciar dúas novas xornadas de folga, previstas para os vindeiros días 12 e 13 de xullo, que se veñen sumar ás convocadas xa para o xoves 6 e o venres 7. “Teñen que ter moi claro que non imos dar un paso atrás e que continuaremos coas mobilizacións até que se atenda o que reclamamos”, rematan dende a CIG.
Laboral
A protesta do sector do metal en Vigo bótase ao monte para esquivar a violencia policial
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!