A CIG, primeiro sindicato de Galiza, súmase á folga xeral que demanda o movemento pola vivenda

A central sindical convoca a mobilización das súas bases para a primeira semana de novembro como resposta á suba dos prezos e á falta de medidas para garantir unha vivenda digna.
Folga Metal Pontevedra 13/05/2026 - 11
Manifestación en Vigo en maio de 2026 durante a folga do metal de Pontevedra. Lucía Otero
6 oct 2026 19:44

A Confederación Intersindical Galega (CIG) decidiu hoxe convocar folga xeral en Galiza en resposta á “insoportábel” suba dos prezos, que está afondando no empobrecemento da clase traballadora, e á falta de medidas dos gobernos para garantir unha vivenda digna.

A central sindical chama o conxunto do tecido social e sindical á mobilización e a que se faga efectiva a convocatoria de folga xeral na primeira semana de novembro. Con ela reclama medidas que garantan de xeito inmediato o dereito á vivenda, a intervención nos sectores estratéxicos, a suba do SMI, unha maior protección social e o reforzo dos servizos públicos.

Unha campaña con dez propostas

A decisión chega despois de que a CIG puxese en marcha a finais de setembro a campaña A suba dos prezos que a pague o capital. Queremos vivir dignamente, con dez propostas para que sexa o capital quen asuma as consecuencias da actual carestía da vida e en demanda dunha “vida digna” para a maioría social.

Dentro desta iniciativa, o sindicato esixe que tanto a Xunta de Galiza como o Goberno do Estado inclúan nos orzamentos de 2027 un Plan de Choque con medidas para frear o deterioro das condicións de vida da clase traballadora e garantir o acceso a unha vivenda digna.

“O medre constante e imparábel dos prezos da electricidade, dos combustíbeis, dos produtos de primeira necesidade e da vivenda está levando o pobo e as clases traballadoras á ruína; unha situación que empeora pola deterioración dos servizos públicos e o retroceso nas políticas sociais”, alertou o secretario xeral, Paulo Carril, no acto de presentación da campaña.

Críticas ao Goberno español

A CIG considera que as accións promovidas polo Goberno español en materia de vivenda e para conter a alza dos prezos, que ameaza con colapsar as economías das familias, son “tardías, escasas e insuficientes”. Fronte a isto, defende unha maior intervención pública nos prezos e nos mercados considerados básicos, así como o reforzo dos servizos públicos e das medidas de protección económica.

En canto á vivenda, aposta tamén pola intervención pública no mercado para limitar os prezos, evitar desafiuzamentos e aumentar a oferta de vivenda accesíbel, especialmente para as persoas con menos recursos.

Principais reivindicacións

En materia de alimentación, a CIG reclama prezos populares para os produtos básicos e prezos xustos para as persoas produtoras, ademais de medidas contra a especulación e contra determinadas empresas enerxéticas e do comercio alimentario.

No eido da vivenda, esixe a prohibición dos desafiuzamentos, a protección das persoas con dificultades para pagar o alugueiro ou a hipoteca e a conxelación tanto das rendas dos alugueiros como das subas dos xuros hipotecarios. Para a vivenda social, demanda a posta á disposición inmediata de persoas e colectivos necesitados das vivendas da SAREB, o establecemento de límites máximos aos alugueiros dos grandes propietarios e a creación dun Banco Galego de Vivenda destinado ao alugueiro social.

Na electricidade, propón crear unha empresa pública galega e unha Tarifa Eléctrica Galega, xunto con cambios no sistema de prezos e na composición da factura. Respecto dos combustíbeis, pide fixar un prezo máximo para a gasolina e o diésel mentres non se estabilicen os prezos.

Por último, en mobilidade, a central defende reforzar o transporte público con máis frecuencias, horarios máis amplos, maior acceso aos descontos e unha ampliación dos traxectos gratuítos.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...