Xuristas de toda a Galiza denuncian o traslado forzoso de Villares e piden ao CGPJ que investigue posibles irregularidades

A Asociación Xustiza e Sociedade de Galiza sinala como “gravísimos feitos” os acordos adoptados o 12 de marzo de 2026 pola nova Presidencia da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.
Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Un colectivo de xuristas galegos alzou a voz contra o que considera unha das decisións máis graves adoptadas nos últimos anos contra a independencia xudicial na Galiza. A Asociación Xustiza e Sociedade de Galiza denunciou publicamente o traslado forzoso de varios maxistrados da Sección 3ª do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), entre eles o maxistrado Luís Villares, apartado dos asuntos de autorizacións eólicas, contratación administrativa e procedementos de especial transcendencia pública.

Os acordos, adoptados o 12 de marzo de 2026 pola nova Presidencia da Sala do Contencioso-Administrativo, terían sido tomados, segundo a asociación, sen criterios obxectivos aprobados pola Sala de Goberno —tal e como esixe o artigo 198.1 da Lei Orgánica do Poder Xudicial— e sen dar audiencia aos maxistrados afectados. Para os xuristas que asinan a denuncia, isto constitúe unha alteración irregular do funcionamento xurisdicional da Sección e unha posible vulneración das garantías constitucionais de independencia e inamovibilidade xudicial recollidas nos artigos 117 e 122 da Constitución Española.

Presións previas e ausencia de motivación

A Sección 3ª estivo sometida durante meses ao que a asociación describe como presións políticas, empresariais e mediáticas, ligadas ás súas resolucións en materia de proxectos eólicos e contratación pública. Para Xustiza e Sociedade de Galiza, a coincidencia temporal entre esas presións e os traslados, sumada á falta dunha motivación reforzada, xera a aparencia de que a reorganización podería responder a intereses alleos ao servizo público da xustiza. A entidade cualifica a situación de posible desviación de poder.

Segundo os denunciantes, as consecuencias son de enorme calado: desfaise unha unidade xudicial altamente especializada, apártanse maxistrados con experiencia acreditada en materias de grande complexidade técnica e ábrese a porta a que as presións externas condicionen, no futuro, a composición dos órganos xurisdiconais. “Isto é absolutamente incompatible cun Estado de Dereito sólido e digno de tal nome”, sinala a nota de prensa da organización.

Escrito ao TSXG e petición de investigación ao CGPJ

Ante a gravidade dos feitos, a asociación adoptou unha dobre vía de actuación. Por unha banda, remitiu un escrito formal á propia Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG esixindo a revisión urxente dos acordos do 12 de marzo, a súa rectificación e a plena restauración dos principios de legalidade, motivación e transparencia.

Por outra, dirixiu unha comunicación ao Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) na que solicita a apertura dun expediente informativo, a suspensión cautelar dos traslados, a emisión dun informe oficial sobre a conformidade legal do procedemento e, no caso de confirmarse a existencia de irregularidades ou desviación de poder, a adopción de medidas correctoras ou disciplinarias.

Xustiza e Sociedade de Galiza instou a ambas as instancias a actuar “con contundencia, transparencia e responsabilidade”, protexendo os maxistrados afectados e garantindo que ningunha decisión interna poida interpretarse como unha interferencia na independencia xudicial. “A xustiza non pode quedar exposta a presións externas. A cidadanía merece institucións independentes e cribles”, conclúe a asociación.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...