Jazz
A Costa Ártabra recupera o chifro do capador galego que inspirou a Miles Davis a cen anos do seu nacemento
José María Rodríguez é un capador e afiador de Nigueiroá, unha pequena aldea de San Miguel do Campo, unha parroquia de Nogueira de Ramuín (Ourense) e toca con destreza o chifro, unha frauta de pan, agora en desuso. A melodía é sinxela, fermosa. Hai quen lle chama Alborada de Vigo, pero o etnomusicólogo Alan Lomax, que é quen o está a gravar en novembro de 1952, anótao como Toque de chifro. Así pasa á historia nese inmenso arquivo do maior compilador de música popular da época de Europa —tamén dos Estados Unidos, do Caribe e do norte de África.
Aquelas gravacións de Lomax viron a luz en 1955 e o histórico trompetista e probablemente un dos músicos máis influíntes da historia do jazz, Miles Davis, non tardou en acceder a elas. Daquel toque de chifro de José María, daquela gravadora de Lomax, dos ouvidos de Miles, daquela aliñación improbable naceu a terceira corrente do jazz contemporáneo e unha nova ponte coa música europea clásica e tradicional. Naceu Sketches of Spain (Columbia, 1960) un traballo de estudo que sentou as bases para esa terceira vía do xénero e que tiña un oco especial para a José María Rodríguez e Alan Lomax, The Pan Piper, a interpretación que Davis fixo desa simbiose.
Xusto cando se cumpren cen anos do nacemento do trompetista estadounidense, do prince of darkness, o festival Jazz de Ría recupera, na súa décima edición, a memoria dese triángulo de transvase de coñecemento que chegou, en forma de disco, a tódolos recunchos do mundo. Explícao, en conversa c'O Salto, a súa directora, Aitana Cuétara: “A historia é absolutamente fascinante. Ademais de que unha das persoas máis influíntes da historia da música estea interpretando a melodía dun capador dunha aldea de Nogueira de Ramuín, un tempo despois, Alan Lomax escribiulle unha carta a José María dicíndolle que ía incluír o seu toque nun destes discos recompilando as súas recollidas e, ademais, enviáballe un diñeiro. Con eses cartos, José María puido mercar o billete de barco para emigrar a Venezuela”.
Na carta que escribe, Lomax amosa xenerosidade “e unha mirada que non é en absoluto colonialista”, explica Cuétara. Algo que, a priori, escapa á intuición se se compara o estoupido cultural dos anos sesenta nos Estados Unidos coa miseria material e a escuridade social do nacional-catolicismo español.
Aínda que entre as investigadoras e investigadores da música tradicional é unha historia ben coñecida, non o é tanto para o público xeral. Esa vontade de divulgación e a de seren acompañadas dunha historia con fondo, foi o que levou á organización do Jazz de Ría a escollela como leitmotiv para o que tamén é o seu décimo aniversario na Costa Ártabra.
Toda a programación do 12 ao 16 de agosto
A programación desta edición de Jazz de Ría volve apostar por levar a música a diferentes espazos da comarca e por combinar nomes consolidados, propostas emerxentes e proxectos especialmente pensados para o territorio. Durante cinco xornadas, Cedeira, Valdoviño, Narón e Neda converteranse en escenarios dunha celebración do jazz aberta á creación, á paisaxe e á participación do público.
A programación arrinca o mércores 12 en Cedeira, cunha dobre proposta. Ás 19h, DJ Mil poñerá música á tarde mentres o público poderá participar na observación da eclipse, nunha actividade que une música e contemplación do ceo en San Antón de Corveiro. Ás 20.45h será a quenda de Xabier Díaz, nunha actuación que servirá para abrir o festival cunha das voces máis recoñecibles da música galega e cunha proposta nada recorrente na súa traxectoria: “Un espazo cara a improvisación e o diálogo entre a música das nosas avoas, o jazz e o folk. Unha proposta que procura novas formas de expresión para estas melodías, entendidas como unha exploración aberta, na liña das grandes aventuras de Armstrong, Hillary ou Amundsen”.
O xoves 13, o festival trasládase a Valdoviño, cunha programación que dialoga directamente coa paisaxe costeira. Ás 19h, na praia de Pantín, Balcóns ao Atlántico combinará roteiro e intervención artística no Castro do Rodo coa participación de Marina Vigo, Luis Bolón e Sandra Pérez. A actividade continuará na praia do Baleo, onde ás 21h actuarán Alejandro e María Laura, nunha proposta que reforza unha das características fundamentais de Jazz de Ría: a vontade de sacar a música dos escenarios convencionais e situala en lugares singulares da comarca.
O venres 14, a programación chega a Narón, ao Pazo da Cultura, cunha proposta especial: Ensemble 100xMILES, un espectáculo concibido como unha homenaxe aos cen anos de Miles Davis. A partir das 21.30h, o ensemble revisará o legado dunha das figuras fundamentais da historia do jazz, nunha noite pensada para celebrar a súa influencia e a capacidade do xénero para seguir reinventándose.
O sábado 15 será unha das xornadas máis intensas do festival. En Mosteiro do Couto, ás 11h, haberá unha visita guiada ao Mosteiro de San Martiño de Xuvia, integrando patrimonio e cultura nunha mesma experiencia. Ao mediodía, ás 12.30h, Quico Cadaval ofrecerá a súa proposta no Parque do Río Freixeiro, “ceibará a súa capacidade para o improviso jazzístico sen máis instrumento que a memoria, a imaxinación e a elocuencia. Isto é O eco do chifre: como o simple asubío dun capador, puido inspirar a un dos maiores músicos do século XX”. Xa pola tarde, a música tomará protagonismo coa actuación de Sara Dowling Meets Michael Kanan Trio, ás 19h. Ás 20.30h chegará Albert Cirera & Tres Tambors, e a xornada pecharase ás 22h co Yosvany Terry Quartet, nunha noite que promete unha ampla viaxe polas distintas linguaxes do jazz contemporáneo e as súas conexións internacionais.
Finalmente, o domingo 16, Neda acollerá o peche do festival na Ribeira de San Nicolás. Ás 13h, Manu Sija será o encargado de poñer o punto final a esta edición, nun espazo especialmente axeitado para despedir uns días nos que música, natureza, patrimonio e territorio se dan a man.
Así, Jazz de Ría consolídase como unha experiencia cultural que percorre diferentes concellos, descobre espazos singulares e crea vínculos entre artistas, público, paisaxe e memoria. A diversidade de propostas permite construír unha programación plural e dinámica, capaz de achegar o jazz a públicos diferentes e, ao mesmo tempo, reivindicar o norte da provincia da Coruña como territorio de creación, encontro e cultura.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!