Incendios
A Xunta tenta enviar unha mensaxe de “melloría” con sete lumes descontrolados e 70.000 hectáreas queimadas

A cousa “vai un pouquiño mellor”. A frase é de Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galiza, que nunha entrevista esta mañá na Cadena Ser tratou de comezar a debuxar un escenario de melloría no nos incendios forestais que están arrasando a provincia de Ourense. É optimista o Goberno galego, pero os datos non acompañan a súa esperanza. Neste momento, as hectáreas calcinadas xa son 70.000, as casas destrozadas cóntanse por decenas e hai polo menos catro bombeiros en estado grave ingresados no hospital da Coruña.
Igual ca o seu antecesor, Rueda sinala a uns supostos “incendiarios”. “A maldade humana” é, ao seu xuízo, a causa fundamental desta catástrofe. Sinala a “xente que queima sabendo o dano que vai causar, atendendo a cando vai ser máis difícil extinguilos (os incendios)” e dixo que traballará para que “se detecte os culpables e caia sobre eles o peso da lei”.
A superficie abrasada non deixa de medrar
A Consellería do Medio Rural debuxa este martes un mapa sombrío en Ourense, onde varios incendios permanecen activos e continúan devastando miles de hectáreas. O lume que comezou en Requeixo e Parafita, no concello de Chandrexa de Queixa, uniuse ao foco reactivado en Mormentelos, en Vilariño de Conso, e xuntos deron lugar a unha única fronte descomunal que xa supera as 17.500 hectáreas arrasadas, afectando ademais a territorios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. A magnitude deste incendio obriga a despregar unha resposta sen precedentes, con decenas de técnicos, máis dun centenar de axentes e brigadas, unha frota aérea reforzada de helicópteros e avións, maquinaria pesada e o apoio ininterrompido da UME. Pero aínda non se parou.
A outra gran ferida permanece aberta na fronteira de Oímbra e Xinzo de Limia, onde dous lumes que estouraron case ao mesmo tempo o pasado día 12 evolucionaron cara a un único coloso. Hoxe a superficie calcinada arredor das 15.000 hectáreas e alcanza tamén a Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Trasmiras, Castrelo do Val e Baltar. Os traballos de extinción son igualmente descomunais, con decenas de cuadrillas sobre o terreo, máis de 90 motobombas, maquinaria especializada e un dispositivo aéreo que se renova constantemente para tentar frear un avance que segue sen estar controlado.
A situación en A Mezquita tampouco ofrece tregua. Alí, na parroquia da Esculqueira, un incendio declarado o día 12 continúa activo e achégase ás 10.000 hectáreas, coa particularidade de que o operativo conta ademais con medios terrestres do país veciño, Portugal, que se sumaron á labor de brigadas galegas, avións, helicópteros e efectivos da UME. A fronte permanece viva e sen estabilizar, o que aumenta a preocupación en toda a comarca.
En Vilardevós, o lume non dá descanso. Na zona de Vilar de Cervos contabilízanse xa arredor de 900 hectáreas queimadas, mentres que en Moialde a reactivación do xoves estendeu as lapas a medio milleiro máis. Ambos puntos manteñen despregados a técnicos, axentes, brigadistas e medios aéreos que traballan contrarreloxo nunha xeografía agreste e con condicións meteorolóxicas desfavorables.
O concello de Larouco vive unha das situacións máis críticas da xornada. O incendio iniciado en Seadur devastou arredor de 20.000 hectáreas e esténdese de maneira incontrolada por diferentes concellos de Valdeorras e a comarca adxacente. O seu perímetro é tan amplo que require un esforzo loxístico: decenas de brigadas, máis dun centenar de motobombas, maquinaria pesada e un dispositivo aéreo que traballa case sen descanso desde hai días.
Tamén preocupa o avance das lapas en Carballeda de Avia e Beade, onde unha fronte que se iniciou de forma simultánea en Vilar de Condes e nas Regadas calcina xa unhas 3.500 hectáreas. Alí, a coordinación entre axentes, brigadas, maquinaria e frota aérea converteuse na única barreira de contención posible fronte a un lume que segue vivo.
Fronte a este escenario devastador, os responsables do Medio Rural confirmaron algúns avances. O incendio de Maceda, iniciado nas parroquias de Santiso e Castro de Escuadro, logrou estabilizarse tras arrasar 3.500 hectáreas. O mesmo ocorreu en Vilardevós, na zona de Fumaces e A Trepa, onde un centenar de hectáreas quedaron baixo control e en Riós, na parroquia de Trasestrada, onde o balance provisional é de apenas vinte hectáreas queimadas. San Cibrao das Viñas tamén respira algo máis tranquilo desde que se estabilizou o lume que ameazaba a parroquia de Rante, con 60 hectáreas danadas, mentres que en Montederramo, na zona de Paredes, o traballo acumulado permitiu frear definitivamente unha fronte que destruíra 120 hectáreas.
Outros focos pasaron xa á categoría de controlados, aínda que os equipos de extinción manteñen a vixilancia activa para evitar que o vento reactive as brasas. É o caso da Fonsagrada, onde o lume na parroquia de Monteseiro quedou baixo control tras afectar a 150 hectáreas. En Cervantes, en Vilarello, a superficie danada alcanza cifras similares e o risco de reactivación aínda obriga a despregar vixilancia. Máis reducido foi o alcance no Saviñao, na parroquia de Chave, con 60 hectáreas queimadas, e en Muxía, na zona de Nosa Señora da Ó, onde o lume apenas afectou a 23.
O balance desta xornada debuxa un Ourense esgotado, con frontes activas que seguen devorando miles de hectáreas e outras que apenas comezan a ofrecer unha tregua. A mobilización de medios humanos e materiais é xa dunha magnitude extraordinaria, pero a batalla contra o lume aínda está lonxe de concluír.
Sen trens entre Galiza e Madrid ata novo aviso
Os incendios forestais que azoutan Galiza desde hai máis dunha semana obrigaron a Adif e Renfe a suspender por completo a conexión ferroviaria con Madrid durante toda a xornada do martes. A decisión responde á crítica situación que atravesa o territorio galego, onde a oleada de lumes continúa xerando graves riscos para a seguridade do transporte e poñendo en perigo tanto as infraestruturas como aos propios viaxeiros.
Ante esta circunstancia excepcional, Renfe puxo en marcha medidas de flexibilidade para minimizar as molestias aos usuarios afectados, permitindo a cancelación gratuíta de billetes ou o cambio de data e hora sen penalizacións económicas. A compañía ferroviaria mantén informados aos pasaxeiros sobre a evolución da situación e recomenda consultar o estado do servizo antes de acudir ás estacións, nunha mostra da gravidade que alcanzou esta crise ambiental que mantén en vilo a toda a rexión.
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!