A Xunta gastou 5,2 millóns en campañas publicitarias “contra incendios” nos seus medios afíns dende 2018

O Goberno galego, primeiro con Alberto Núñez Feijóo e despois con Alfonso Rueda, licitou catro grandes contratos de 1,3 millóns cada un para pagar insercións publicitarias na prensa conservadora de xeito opaco.
rueda incendios caridade
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Caridade, Ourense. Foto: Xunta.

A estratexia inaugurouna Alberto Núñez Feijóo e o seu sucesor ao fronte da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda, replicouna: gardarse unha copiosa partida orzamentaria da loita contra incendios para encher as contas da súa prensa máis afín. Os contratos son de 1,3 millóns cada un e executaron polo menos catro desde decembro de 2018. O concepto? “Servizo de desenvolvemento dunha campaña publicitaria, durante os anos 2025 e 2026, para a promoción da prevención, concienciación e sensibilización social contra os incendios forestais”, din todos eles cambiando o período ao que afectan.

A dinámica é similar á doutras campañas opacas do Goberno galego para financiar medios de comunicación baixo as súas directrices, pero neste caso o pretexto e os fondos son da loita “contra incendios”. As campañas son opacas por unha sinxela razón. Ningún cidadán ou cidadá, malia a Lei de Transparencia, pode ver realmente onde foron parar exactamente cada un deses 5,2 millóns de euros de diñeiro público —a suma dos catro contratos executados dende 2018—. A estratexia é licitar a campaña como un gran contrato, sacalo a concurso e unha empresa presuntamente especializada e independente decide a quen lle reparte o diñeiro.

Casualmente, os únicos diarios nos que se observan as campañas son os máis complacentes coas xestións forestais da Xunta: La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Progreso e La Región, entre outros. As empresas que se encargan de facérllelo chegar son Imaxe Intermedia (2025-2026), Proximia Havas (2023-2024), Proximias Havas (2021-2022) e Proximia Havas de novo para os anos 2019-2020.

Polo momento, a Consellería de Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, encargada de executar estas abundantes partidas —tamén as de incendios en xeral—, non respondeu a O Salto cales foron todas as empresas beneficiadas nin tampouco o importe exacto que recibiu cada unha nin por exactamente que servizo.

Que supoñen cinco millóns de euros no monte galego?

Facerse unha idea do que significan as cifras millonarias no concreto, no monte, e non nas empresas de comunicación, é complexo. Con todo, hai partidas similares executadas este mesmo ano pola propia Consellería de Medio Rural que aterran a idea de ata onde podería chegar. Son 5,4 millóns de euros o que o departamento de Gómez Rodríguez investiu en “subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e agrupacións forestais de xestión conxunta”, segundo se reflicte no Diario Oficial de Galiza (DOG) do 24 de xaneiro deste ano. Aínda non os executou, segundo denunciaron BNG e PSdeG esta mesma semana.

A información que facilitou Medio Rural á oposición é que, malia que 480 comunidades de montes solicitaron a axuda, aínda seguen agardándoa. A Xunta estabeleceu a nova orde reguladora co obxectivo de fomentar a prevención de incendios forestais mediante subvencións dirixidas aos titulares de Montes Veciñais en Man Común (MVMC) e as agrupacións forestais de xestión conxunta co mesmo orzamento. Con todo, os incendios chegaron e arrasaron a provincia de Ourense sen que as comunidades puidesen acceder a eses fondos.

A finalidade principal desta orde é promover a realización de traballos de silvicultura preventiva que contribúan a reducir as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais poden provocar sobre a capacidade de desenvolvemento e produción destes montes, que teñen unha importancia fundamental en Galiza. Con todo, as comunidades seguen agardando e o monte ardendo.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.

Relacionadas

Cargando relacionadas...
Cargando portadilla...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...