Ana Ponton: “Rueda debe dimitir polo seu fracaso na prevención e na xestión da crise dos incendios”

A líder do Bloque Nacionalista Galego comeza o curso político pedindo a dimisión de Alfonso Rueda pola súa xestión na vaga de incendios deste verán e asumindo a complexidade de manter a xestión forestal na axenda política durante todo o ano.
ponton 05/09/2025
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no Parlamento de Galiza.

Entre as cinzas da vaga de lumes máis devastadora que lembra Galiza —máis de 150.000 hectáreas arrasadas, centos de vivendas e explotacións destruídas e un dispositivo de extinción superado pola magnitude da traxedia—, a líder da oposición e portavoz nacional do BNG, Ana Pontón (Sarria, 1977), esixe a dimisión de Alfonso Rueda como presidente da Xunta por “fracasar na prevención, na xestión e na protección da cidadanía”, denuncia manipulación mediática para minimizar a crise e presenta un plan como alternativa para un cambio estrutural na política forestal e rural galega.

Sabemos que as causas dos incendios son complexas, diversas e non teñen unha resolución en absoluto sinxela. Así que vou por partes. Onde cres que fallou a xestión da Xunta de Galiza durante a vaga?
Eu creo que isto é a consecuencia de 16 anos dun goberno do Partido Popular que tomou medidas que realmente van en contra da protección e da loita contra os lumes. Non debemos esquecer a incompetencia do Partido Popular á hora de dinamizar o noso medio rural e poñer en marcha un modelo forestal que teña futuro.

Estes lumes que nos deixan máis de 100.000 hectáreas arrasadas, centos de casas queimadas e centos de explotacións agrarias e gandeiras afectadas son a consecuencia da incapacidade do PP de darlle futuro a este país. En 16 anos, literalmente tomaron medidas para reducir a protección do noso territorio, recortaron as medidas de loita contra os incendios e deterioraron o funcionamento do propio dispositivo.

O BNG denunciou en repetidas ocasións que estabamos ante un verán que podía ter un maior risco, que o abandono do rural facía posible que houbese lumes de gran magnitude

Polo tanto, creo que o que está pasando é algo que moitas persoas tiñamos denunciado. O BNG denunciaba que estabamos ante un verán que podía ter un maior risco, que o abandono do rural facía posible que houbese lumes de gran magnitude. Deuse unha combinación que deu como resultado a maior catástrofe ambiental, social e económica que temos vivido por causa dos incendios.

Creo que ante uns feitos tan graves, o presidente da Xunta debe asumir as responsabilidades en primeira persoa presentando a súa dimisión, porque é evidente que fracasou na prevención, fracasou á hora de anticiparse e prever un dispositivo que puidese facer fronte a estes grandes lumes, e fracasou tamén na xestión onde vemos como se intenta minimizar o impacto dos maiores lumes da nosa historia.

Precisamente esa petición de dimisión foi tratada dun xeito un pouco mediocre polos medios de comunicación públicos.
Os medios de comunicación directamente censuráronnos. Levo denunciando moito tempo a manipulación da CRTVG. Non deixa de indignarme como é posible que o principal partido da oposición pida a dimisión de Alfonso Rueda e no Telexornal do Mediodía os galegos e as galegas non coñezan esa solicitude de dimisión. É un auténtico escándalo que só demostra que o Partido Popular necesita da manipulación para manterse no poder. Imaxina o escándalo que montaría o PP se Feijóo pide a dimisión de Pedro Sánchez e a TVE non o emite. Pero o que fan en Galiza neste sentido é un auténtico escándalo, aínda que ao mesmo tempo é síntoma da súa debilidade.

Tamén aconteceu algo similar cos medios privados —ou semipúblicos— na cobertura das manifestacións pola xestión da Xunta durante a vaga de lumes.
Foron quen de dicir que protestaban contra os concellos cando a cidadanía estaba pedindo a dimisión de Rueda. O evidente é que a falta de credibilidade dos medios públicos fai que moita cidadanía estea a informarse por outras vías. Os galegos e galegas merécense unha CRTVG, que nos custa máis de 100 millóns de euros cada ano, que non sexa unha ferramenta máis do aparato de propaganda do PP.

Como é posible que o principal partido da oposición pida a dimisión de Alfonso Rueda e no Telexornal do Mediodía da TVG os galegos e as galegas non coñezan esa solicitude de dimisión

Cal consideras que é a clave para manter na axenda o problema da xestión forestal durante o outono e o inverno?
Creo que non o podemos evitar, entre outras cousas porque se esta catástrofe non é un punto de inflexión, dentro duns anos imos ter unha catástrofe aínda maior. Polo tanto, a nosa responsabilidade, máis alá do que publiquen os medios, é analizar que fallou e que se tomen as medidas para que algo así nunca máis poida suceder.

Por iso presentamos un plan ao que chamamos Plan da cinza á vida que recolle un cambio de rumbo nas políticas forestais, na política de ordenación do noso territorio, na dinamización do noso medio rural e tamén no funcionamento do dispositivo contra os incendios. Cremos que ou se actúa de maneira importante neste momento ou imos ver como o que hoxe vivimos é a antesala dunha catástrofe moito maior.

Credes que houbo faltas na xestión dende o Goberno español?
O que nos resulta curioso é que en 2017 os medios que pedían á Xunta eran moi inferiores dos que pediu en 2022. O que hai de fondo é unha utilización partidista por parte de Rueda, que quere facer deste tema un elemento máis da súa campaña electoral. Cando Feijóo era presidente da Xunta non dicía en 2017 que a culpa era de Mariano Rajoy.

Como pode ser que estivera dicindo que o gran problema era asimilar centos de efectivos do exército cando ten 200 prazas sen convocar, que as convocou no medio da vaga de lumes?

Todo isto é un capítulo máis da política da lama e da confusión. A responsabilidade sobre a xestión do monte é da Xunta, a responsabilidade sobre o desenvolvemento rural é da Xunta, a responsabilidade sobre o servizo de extinción é da Xunta, a responsabilidade sobre as emerxencias é da Xunta.

Como pode ser que a Xunta cando empezan estes incendios non mobilizara dispositivos que ten no territorio? Como pode ser que estivera dicindo que o gran problema era asimilar centos de efectivos do exército cando ten 200 prazas sen convocar, que as convocou no medio da vaga de lumes desmantelando algunhas brigadas e obrigando a xente a incorporarse nas brigadas da Xunta?

Todo isto non é máis que unha cortina de fume para tapar a inmensa responsabilidade política que ten Rueda e o Partido Popular na xestión desta crise, que evidenciou o caos, a descoordinación e un servizo absolutamente superado e desbordado.

Cando pasa algo tan grave, cando arde unha parte tan importante do noso territorio, cando temos os lumes máis grandes da nosa historia e ademais non se actuou preventivamente sabendo que isto podía pasar, Rueda ten que asumir a súa responsabilidade en primeira persoa.

O que nos demostra é que non podemos confiar nel para xestionar o noso territorio nin para protexer a xente. Se non o fixeron en dezaseis anos, non o van facer agora. Van facer a propaganda de sempre, anuncios baleiros, pero logo na práctica non queren cambiar absolutamente nada.

Creo que non é casual o abandono do medio rural: é unha concepción deliberada para favorecer intereses especulativos

Cres que hai unha estratexia de fondo?
Para o Partido Popular funciona o abandono do medio rural porque isto permite que poidan seguir co expolio eólico, que se implanten proxectos de megaminería e que o noso rural deixe de ser un espacio produtivo para converterse nun espacio para que catro multinacionais se forren á costa de deixar destrución do noso territorio. Por iso creo que non é casual o abandono do medio rural: é unha concepción deliberada para favorecer intereses especulativos.

Desde a vosa perspectiva, se nalgun momento o BNG chega a gobernar este país, cal é o plan? Catro anos serían suficientes para desfacer máis de trinta dun modelo semellante?
É evidente que un cambio estrutural non se fai dun día para outro, pero hai que sentar as bases dese cambio. Por iso estamos poñendo sobre a mesa propostas moi concretas. Temos que cambiar o modelo forestal apostando polas madeiras de calidade e polas segundas e terceiras transformacións. Hai que apostar por un monte multifuncional. Temos que poñer en marcha unha moratoria na plantación de eucalipto porque non podemos permitir que esa especie siga invadindo zonas do noso país, especialmente coa situación de cambio climático.

Temos que apostar por outro modelo de desenvolvemento rural onde realmente se aposte a que a xente manteña actividades agrarias e outro tipo de actividades no rural, porque se non é imposible a xestión do territorio. Hai que ir a outra ordenación do noso medio rural, hai que ordenar o caos no que estamos neste momento, porque está poñendo en risco a vida das propias persoas que viven no medio rural.

Creo que necesitamos un gran acordo de país para un novo modelo forestal e un novo proxecto de desenvolvemento rural, aínda que vexo difícil facelo co Partido Popular

Demostrámos despois da vaga de lumes de 2006 que tiñamos propostas estruturais de cambio. Lamentablemente, o PP cortou toda esa política por sectarismo, porque non podían permitir que en Galiza se vira que unha política que iniciara o BNG era unha política de éxito.

Creo que necesitamos un gran acordo de país para un novo modelo forestal e un novo proxecto de desenvolvemento rural, aínda que vexo difícil facelo co Partido Popular, pero creo que a sociedade temos que ser capaces de articular ese consenso.

Se lle explicamos aos cidadáns de Galiza que é necesario unha moratoria na plantación de eucalipto, todo o mundo vai entender que é necesario apostar máis polas especies autóctonas que nos protexen fronte aos lumes, que volvamos en certa maneira ao que se facía tradicionalmente, onde ao lado das casas había prados e non plantacións de especies tan perigosas cando hai incendios como os piñeiros ou os eucaliptos.

Cales van ser os cabalos de batalla do BNG para o novo curso político?
A primeira cuestión que temos que poñer sobre a mesa é a loita contra os incendios e un novo modelo forestal e de desenvolvemento rural. Ou facemos desta crise un punto de inflexión ou nos próximos anos o problema será maior. A nosa responsabilidade é anticiparnos, denunciar o que se fai mal e achegar propostas.

En segundo lugar, imos poñer o foco no sistema de financiamento. Acaba de aprobarse o instrumento para a condonación da débeda e espero que Rueda non faga que Galiza perda a condonación do 30% da débeda. Sería unha tremenda irresponsabilidade que por seguirlle o xogo político a Feijóo lles faga pagar isto aos galegos e galegas.

No debate do financiamento non é só a débeda, senón tamén o modelo de financiamento en si. Creo que Galiza ten dereito a ter a chave dos seus cartos, como a ten Euskadi e como vai ter Cataluña

En terceiro lugar, imos seguir poñendo acento na necesidade de defender os servizos públicos e os dereitos das persoas. Temos unha crise habitacional, un problema moi grande no funcionamento do noso sistema sanitario e un problema moi grave na atención á dependencia.

No debate do financiamento non é só a condonación da débeda, senón tamén o modelo de financiamento en si. Creo que Galiza ten dereito a ter a chave dos seus cartos, como a ten Euskadi e como vai ter Cataluña. Isto permitiríanos ter máis recursos para atender aos galegos e galegas.

Lamentablemente hoxe hai unha maioría en Galiza que está traballando simplemente para reformar un sistema que nos discrimina e iso va significar máis discriminación, que Galiza sexa a única nación histórica que non ten un concerto económico.

Quedan tres anos, non sei se longos ou curtos, para as próximas eleccións. O Bloque está en máximos históricos de votos e a súa hexemonía na esquerda agora parece indubidable. Pode aspirar a conseguir ampliar máis esa base?
Levo moito tempo escoitando que o BNG tiña teito. Nas últimas eleccións conseguimos que un de cada tres galegos votaran connosco, o noso máximo apoio electoral de toda a nosa historia. Temos a convicción de que non temos teito porque somos unha forza que busca hexemonía política en Galiza.

Creo que os galegos e galegas que senten este país poden coller perfectamente a papeleta do BNG porque somos a súa alternativa. Imos seguir no rumbo trazado que nos levou até aquí para conseguir esa hexemonía social e conseguir darlle a este país o futuro que merece.

Vai ser a costa de moderar o discurso?
A xente vota en cada elección o que considera porque os votos non son dos partidos. Nós dirixímonos á maioría social deste país. Cando vexo aos galegos e galegas, vexo xente á que lle quero explicar o meu proxecto. Debemos seguir traballando con rumbo certo, presentando unha alternativa e demostrando que este país pode ter un goberno alternativo como tivo co BNG.

Ante cada crítica, unha proposta. Imos seguir así porque creo que os galegos e galegas teñen que ver que o BNG representa un proxecto que vai mellorar as súas vidas, fronte a quen está empeorando as condicións de vida dos galegos e das galegas.

En boa parte do espectro europeo vese un cambio cara á dereita, pero en Galiza parece que vai por outro camiño.
Isto lévanos a outra reflexión: por que unha parte da sociedade acaba optando por fórmulas que poden parecer extremistas? Creo que o que podemos ver é que cando hai unha forza que representa realmente esas maiorías sociais, a xente mantense.

Quizais a reflexión que ten que facer unha parte da esquerda europea e estatal é por que un sector da sociedade que os apoiaba deixou de facelo. Se es un traballador e o teu salario chega a menos, cada vez é máis difícil acceder a unha vivenda e quen sentía que durante moito tempo non chegaban solucións, creo que responsabilizar ás persoas non axuda a entender a problemática.

Ao ver os niveis de auga dos encoros con este tipo de vagas de calor e secas que se aveciñan non podo evitar volver falar de Altri. Veñen datas decisivas neste ano. Cal vai ser a estratexia de presión do BNG para parar a fábrica?
A clave aquí é a mobilización social. Temos que continuar coa presión social para que ese proxecto, que constitúe unha hipoteca para o noso futuro, non vaia adiante. Creo que temos que tomar nota do que pasou este verán e do que está pasando en Portugal, onde vemos a situación que teñen cada ano provocada polos incendios e o eucalipto.

Temos que ser responsables con nós mesmos e co futuro. A clave vai ser a mobilización e o traballo social, sen esquecer toda a presión institucional para que ese proxecto non vaia adiante. Non só non debe recibir apoio público, senón que non podemos permitir que se instale unha macrocelulosa que vai condenar a unha parte do país á contaminación e destrución. Son optimista e creo que esta batalla podemos gañala, pero hai que seguir mantendo a presión social.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.

Relacionadas

Cargando relacionadas...
Cargando portadilla...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...