We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Honduras
Karina Aguilar, activista ambiental: “A empresa perséguenos, non podo saír coa miña familia tranquilamente”
Karina trae unha camiseta dun bebé Ioda e un sorriso cálido. Fóra, un típico día compostelán nos que o orballo traballa e o sol descansa. Abre a fiestra e asómase cara as Brañas de Sar, pero Karina non ten frío.
Medrou en Namasigüe, Honduras. 34ºC de temperatura media e 315 días de sol ao ano. Aos seus 18 tiña “unha vida tranquila” e foi nai da súa primeira filla. Era “feliz”, di. A calma acabou cando a noruega Scatec Solar comezou a colocar paneis solares. Os recursos naturais esvaeceron e ducias de veciñas das comunidades decidiron defender a terra. Entre elas, Karina, disposta a parar o proxecto.
Polo de agora, foron quen de deter seis dos nove parques, non sen consecuencias. Honduras é o país do mundo con máis asasinatos a defensoras ambientais. Só neste proxecto, hai ducias de acusadas e varias tentativas de asasinatos, dúas delas a Karina, polo que se atopa nun programa de protección a defensoras. Forte, perseverante e intelixente, Karina tamén é humana, e tamén ten medo.
Por todo e malia todo isto, Karina visitou Galiza en compañía das activistas Adolfina Contreras e Coralia Argentina, dentro do proxecto Mulleres Bravas, de Amigos da Terra e Enxeñería sen Fronteiras. Falamos con Karina Aguilar do proxecto en Namasigüe e da súa viaxe por Galiza.
Tes 23 anos, a túa filla maior ten seis e xa levas anos sendo defensora ambiental. Como decide unha adolescente defender a terra? Foi algo pensado ou imposto?
Tiña 18, e a verdade é que xurdiu. Eu nunca pensei estar aquí, pero en 2016 chegou unha empresa estranxeira con fondos noruegos para facer un parque fotovoltaico con 186 ‘manzanas’ de paneis solares. Eu quixen defender a nosa terra, o sitio onde vivimos, porque estaban atropelando o noso medio, a nosa auga e os nosos dereitos humanos. E así xurdiu a miña loita.
Sobre todo á auga. Os paneis solares están nunha zona por onde pasa unha corrente de auga que vai as nosas comunidades. Na miña xa case non hai auga; o pozo que temos abastece dúas comunidades e só temos auga cada oito días. É o principal impacto que sufrimos por culpa do megaproxecto fotovoltaico.
Aquí en Galiza, unha das queixas con este tipo de proxectos é a falta de información. Como vos enterastes nas comunidades de Namasigüe?Os proxectos chegan ás autoridades, que deberían consultarnos a nós se estamos de acordo ou non, pero iso non aconteceu. A empresa púxose de acordo coas autoridades municipais, pero nunca nos informaron de que ían facer nin do tamaño que ía ter. Na comunidade ninguén sabía nada, só cinco ou dez persoas pagadas pola empresa. Foi cando comezamos a buscar información.
Moitas familias chegáchedes a acampar nove meses para parar o proxecto.Mira, cando escoitamos que andaban talando árbores de centos de anos, árbores que daban a vida na nosa zona, os campos verdes... decidimos ir alí e protestar para obter máis información, e marcharon. Despois entraron unha segunda vez e aí posicionámonos claramente en contra do proxecto. Fixemos un campamento para que ninguén puidera entrar traballar. As mulleres de día e os homes de noite; así pasamos nove meses. A maioría era xente maior, non había moita xente nova. De feito eu era a máis nova e agora son a voceira da comunidade.
Estes proxectos adóitanse presentar en chave positiva: “progreso, “enerxía renovable”, “sostibilidade”... Entre a veciñanza de Namasigüe había diferentes visións con respecto ao proxecto? Opositoras e defensoras?Ao principio, a empresa pagou a varias persoas da zona, que comezaron a dicirlle á veciñanza que nós estabamos tolos. Foi difícil convencer á maioría das persoas do que estaba pasando e concienciar á xente de que tiñamos que loitar. E houbo moito máis: durante os nove meses que estivemos acampados, a empresa esforzouse en romper o tecido social, entre amigos, irmáns, veciños... Pagaban a xente para dicir nos seus círculos que a empresa era boa. Moita xente e eu dixemos que a nosa dignidade non tiña prezo. Como vou a dicir que a empresa ten razón? Temos que ser conscientes de todos os danos ambientais que causan e que xa sufrimos nas nosas comunidades.
Resultouvos útil a radio da comunidade?Si, a radio xurdiu da propia loita contra o proceso, da loita contra a empresa. As organizacións decidimos facer unha radio comunitaria, Radio Stereo Namasigüe, para que a xente que non estaba na loita escoitara a nosa visión.
Cal é o risco de opoñerse a estes proxectos? Honduras é dos países con máis represión cara defensoras ambientais, especialmente mulleres.Aféctanos máis ás mulleres porque nós, ademais de defensoras, temos que ser amas de casa, e sempre estamos alí. É duro compaxinar as dúas cousas. Con respecto aos riscos, poden chegar a asasinarte, porque estás moi exposta. Polo menos, eu estouno, e estou baixo un programa de protección. Con todo, para min non é unha seguridade real, porque a empresa perséguenos: non podo saír soa, non podo ir coa miña familia tranquilamente... (silencio) porque teño medo deles. As empresas buscan a maneira de intimidarte, e non necesariamente a min, senón ás persoas cercanas, como pode ser o meu home ou os meus fillos. A min tentaron asasinarme despois dunha persecución horrible. Un día ía pola cidade e unha moto perseguiume ata que me puiden agochar. Este é un dos riscos que corremos as defensoras ambientais en Honduras, porque non é un país que protexa os dereitos humanos. Máis ben, violéntaos.
Eu podo ir coa moto soa pero vou con medo de que me fagan algo, pero se mo fan, fanmo a min. Pero coa miña familia...
Estes casos de represión son responsabilidade da empresa ou das autoridades?
Diría que dos dous. Ás veces a relación entre as autoridades e a empresa é moi cercana, e ata teñen accións na empresa, entón non lles convén que falemos do que está pasando, e queren tapalo. A empresa deu 6 millóns de lempiras -uns 220.000€- que se supoñía que ían ser repartidos entre as comunidades. Supoñíase que polo menos un millón ía ser para dúas comunidades. E o alcalde dixo que ía coller os 4 millóns prestados porque estaba en pleno proceso de remodelación da alcaldía e que xa despois pagaría cando o Estado aprobase os orzamentos anuais. Pero nunca máis se soubo.
Houbo tres casos. No primeiro, un requerimento fiscal que acusaba a 33 persoas. Despois, outro contra 24 persoas e, por último, un porque houbo un desaloxo. Despois do segundo requerimento, un xuíz comprado pola empresa dictou o desaloxo. Un ano despois, houbo unha orde de captura contra catro mulleres e catro homes, entre as que estaba eu. O meu fillo tiña sete meses, detivéronme e estiven case un día detida. Acusábannos de coaccionar e de ameazas no primeiro caso, de usurpación no segundo e de danos á propiedade privada no terceiro, aínda que non fixeramos mal ningún. A zona do proxecto estaba pechada e nós xa non entrabamos alí para evitar estas cousas, pero eles dixeron que entrabamos e roubabamos material, que non é certo, porque nós estabamos fóra.
A inseguridade constante da que falabas e o feito de estar nun programa de protección ten que ser duro, especialmente tendo fillos pequenos. Cambiou o teu plan de vida por culpa deste proxecto?É duro nalgunhas cousas, a verdade... Ás veces gustaríame poder pasar un tempo agradable cos meus fillos, saír, levalos ao parque, e ás veces fágoo. Eu podo ir coa moto soa pero vou con medo de que me fagan algo, pero se mo fan, fanmo a min. Pero coa miña familia... cústanos moito saír de noite, e se saio, saio co temor de que me están seguindo ou de que me fagan fotos ou calquera cousa. E iso pásame, e pásanos todos os días. Todos os días. Psicoloxicamente é duro.
Como era un día normal antes de que este proxecto chegara?Pois antes a miña vida era... moi tranquila. A miña vida era tranquila. Totalmente tranquila. Eu non tiña que pensar en nada. E desde os 16 anos estou psicoloxicamente mal, porque vou á cama e penso: que vai pasar mañá con isto? Porque estamos nun proceso con moitas denuncias, tanto en organismos nacionais como internacionais, e queremos que se verifique cos nosos argumentos que a instalación desta empresa foi ilegal.
Como valoras o papel dos diferentes gobernos de Honduras?Nós non temos ningunha axuda dos gobernos. Nós estamos aquí e chegamos ata aquí con vida, e grazas a iso estou contando a miña historia a organizacións internacionais. Por exemplo, hoxe estou aquí grazas a elas, e grazas a que hai unha rede de defensoras de dereitos humanos que nos axudan, e grazas a elas non estamos presas. Son mulleres avogadas moi capacitadas en dereitos humanos. Hai moitas organizacións e sería difícil mencionalas, pero o noso goberno non nos apoia, nunca apoia as loitas sociais. Xamais.
Honduras non é un país que protexa os dereitos humanos. Máis ben, violéntaos.
Como pensas e como che gustaría que acabara isto?
Encantaríame que o proxecto marchara. Algúns dicían que se iso pasase, nós iamos pagar o que a empresa tiña investido alí. Pero nós temos a fe de que dalgún ou doutro xeito isto vaia rematar, que rematen ben todos os procesos, todas as denuncias, todos os argumentos que deixan claro que isto está mal. Eles fixérono mal. Espero que marchen e que o proxecto remate.Estás nunha xira por Galiza xunto as activistas Adolfina Contreras e Cora Argentina. Como vos axuda vir aquí e coñecer outros colectivos?
Axúdanos de varias maneiras. Unha delas é que se nos escoite en medios de comunicación e en redes sociais para que se vexa o que está pasando. E a outra é ver a organización dos colectivos galegos, que pode axudarnos a organizarnos nós. Tamén ver que este tipo de problemas non só pasan en Honduras
Alguén dicía durante a xira que as loitas son similares, pero con diferencias. En Honduras, ser defensora ambientalista para moita xente é un delito, aínda que é un deber de toda a cidadanía defender o medio ambiente, sufrimos represión, acoso, asasinatos... E iso aquí non pasa, pero hai moitas cousas en común, a verdade, e todas estamos pelexando para que todos estes procesos sexan máis democráticos e transparentes.
Pensas, vendo as loitas de aquí, “bah, pois non é para tanto”? Como o imaxinabas?Nós cando viñamos non nos imaxinabamos que había este tipo de loitas en Europa. Pensabamos que todo era perfecto e que non había estes problemas, pero agora temos outra perspectiva. Vemos que aquí hai loitas sociais e persoas que defenden os bens comúns. Isto que chamamos bens comúns tense que defender, porque aínda que os impactos non se vexan agora, ímolos ver a longo prazo, no futuro. Marchamos motivadas porque vemos que aquí tamén sementades nas vosas hortas, algo que nas nosas comunidades xa non se pode facer porque a contaminación que temos é inmensa. Imos con ánimo de seguir loitando.
A túa filla maior ten seis anos. Xa se vai dando conta do que fas?Dase conta un pouco. Cando me ve saír ou falo co meu home de que vou facer, do que quero estudar, porque quero estudar dereito, ela dime: “Mami, cuando yo esté grande, quiero ser como usted”. A min iso motívame moito máis, porque sinto que son un orgullo para ela, unha ‘mamá’ exemplar , a ‘mamá’ exemplar que ela quere. E quero que ademais de sentir orgullo, sexa loitadora coma min, que defenda o medio ambiente, o entorno onde vivimos, porque se cadra algún día eu non vou estar, e quedará ela, pero a terra seguirá precisando quen a defenda.
Seguro que si. Moitas, moitas grazas.Karina volve a Honduras pola tarde. Despídese algo menos tímida, poñendo en perspectiva o xa conseguido: “En Namasigüe fixemos unha consulta e o 97% das persoas dixemos non aos proxectos mineiros e fotovoltaicos.”
Marcha co mesmo sorriso sabedor de que volve a unha vida que non é exactamente a que lle gustaría, pero coa fonda certeza de que haberá quen loite para que o sol volva poñerse da súa parte.