César Caramês: “A Revolución galega de 1846 foi moito máis ca un pronunciamento militar”

Interpretada habitualmente como un mero pronunciamento militar, para César Caramês a revolución de 1846 situou Galiza no centro das correntes políticas e ideolóxicas máis avanzadas da Europa do seu tempo.
César Caramês
César Caramês.

O pasado mes de abril César Caramês presentou o documental 1846 – Revolución Galega e o libro El Porvenir e o pensamento do soberanismo galego primixenio (Tempo Galiza, 2026). Quen vexa o documental dificilmente sairá indiferente. A sensación é a de asistir á redescuberta dun acontecemento revolucionario que durante décadas foi narrado como un simple pronunciamento militar. Pero tamén á constatación de que naquel 1846 se truncou un fío vermello da historia galega que, talvez, aínda pode iluminar o presente. A Revolución de 1846 revela unha memoria soterrada: que os galegos e as galegas participaron, con voz propia, nos movementos políticos e ideolóxicos máis avanzados do seu tempo. Lonxe de ocupar un papel periférico, Galiza participou, con pleno dereito, do gran ciclo revolucionario europeo que culminaría en 1848. Cal é, 180 anos despois, o legado da Revolución galega? Que promesa quedou interrompida en 1846?

Como comezou a túa paixón investigadora pola revolución galega de 1846?
Foi arredor do 2014. O médico de Moraña, Xosé Casal, atopou nun arquivo municipal unha orde na que se reprendía o alcalde do concello por participar nos “sucesos políticos de abril” de 1846. Aquilo fíxome preguntarme como era posible que un alcalde dunha pequena vila estivese implicado nuns feitos que a interpretación tradicional describía como un simple pronunciamento militar. Ao tirar dese fío comecei a situar a Revolución de 1846 no contexto europeo. Coincidía coa Revolución de María da Fonte en Portugal, cos motíns de subsistencia en Galiza e coa crise da pataca que desembocaría na Gran Fame irlandesa. Custábame encaixar todo iso coa idea de que non existira un verdadeiro levantamento popular. A revisión da prensa da época acabou de cambiar a miña perspectiva. Aparecían alcaldes implicados, referencias a un importante apoio social e mesmo noticias que falaban de sectores partidarios da independencia de Galiza e comparaban a súa causa coas de Polonia, Italia ou Irlanda.

Nesa investigación, El Porvenir desempeña un papel fundamental, non si?
Si, xunto con El Recreo Compostelano e La Situación de Galiza. Son as publicacións nas que escribe Antolín Faraldo. Cando as les a interpretación da Revolución de 1846 cambia por completo. Outro paso decisivo foi consultar a prensa internacional. Resulta sorprendente a repercusión que tiveron os feitos de 1846 en xornais do Brasil ou dos Estados Unidos. Iso xa cuestiona a idea dun simple pronunciamento militar de alcance local. Nos fondos do Goberno Civil aparecen informes que identifican, parroquia por parroquia, quen participou na revolución, quen tomou as armas e cal era o seu oficio. Só na zona de Tomiño, Salvaterra e Salceda hai arredor de douscentos labregos perseguidos por apoiar o movemento.

Cal era o estado da cuestión antes da túa investigación? En que discrepas das interpretacións tradicionais da Revolución de 1846?
O principal referente é Xosé Ramón Barreiro, cuxa interpretación marcou boa parte da historiografía posterior. A interpretación dominante tende a presentar 1846 como un pronunciamento militar apoiado por un reducido grupo de provincialistas. O problema é que, cando se revisan as fontes primarias —a prensa da época, os boletíns revolucionarios ou os textos dos propios protagonistas— aparecen reiteradamente referencias á soberanía, á nacionalidade e mesmo á independencia de Galiza.

E que fai Barreiro?
Barreiro sostén que as referencias á independencia de Galiza presentes nas fontes primarias non deben interpretarse literalmente. Ao seu xuízo, responden sobre todo á visión de Juan do Porto, autor da Reseña de los últimos acontecimientos de Galicia, a quen nas súas últimas obras chega a identificar co propio Faraldo. Ao meu ver, esa hipótese presenta dificultades importantes. Faraldo critica abertamente a Reseña e ambos polemizan publicamente, polo que resulta difícil aceptar que fosen a mesma persoa. Ademais, do Porto reprocha á Xunta revolucionaria ter lexislado en vez de concentrar os seus esforzos en apoiar militarmente a Solís. Se esa identificación non se sostén, tamén perde forza unha parte importante da interpretación de Barreiro sobre o significado político da Revolución de 1846.

Esa interpretación empeza a esborrallarse cando se acode ás fontes da época.
Exactamente. O propio poder político promove unha resposta á Reseña de los últimos acontecimientos de Galiza, o que xa demostra a importancia que se lle atribuía. Ao mesmo tempo, Faraldo, Romero Ortiz e outros protagonistas polemizan na prensa con Juan do Porto, mentres este continúa sendo moi crítico coa actuación da Xunta revolucionaria. Todo iso fai moi difícil soster que ambos fosen a mesma persoa. Juan do Porto foi un personaxe real, identificado na documentación como un avogado compostelán con actividade pública. Se esa hipótese deixa de sosterse, tamén perde consistencia a idea de que a dimensión nacional da Revolución de 1846 procedía unicamente da visión dun autor illado. Máis aínda cando a propia prensa da época recolle referencias explícitas á independencia e á emancipación de Galiza. Xornais como El Católico cualificaban o movemento de “bullanga” e chegaban a afirmar que pretendía que ”los proletarios se enriqueciesen robándole a los propietarios“, mentres outros identificaban, con retintín, a Faraldo como o ”secretario de la patria de los suevos“. Todo iso indica que os contemporáneos percibían no movemento un alcance moito maior do que despois se lle atribuíu.

As discrepancias esténdense tamén á interpretación de Justo Beramendi.
Si. A liña interpretativa iniciada por Barreiro e continuada por autores como Justo Beramendi ou Ramón Villares presentan dificultades. Beramendi sostén que a Revolución de 1846 foi un movemento esencialmente progresista e sen un programa político especificamente galego. Porén, os documentos da propia Xunta revolucionaria amosan outra cousa: anúlanse disposicións do Goberno de Madrid, transfírese o poder ás xuntas locais, reformúlase o sistema tributario, suspéndense impostos e suprímense a Garda Civil e a policía. Máis alá do seu alcance efectivo, estamos diante de medidas que poden interpretarse como auténticos actos de soberanía. Tamén sorprende, por exemplo, como se propón unha reforma educativa a partir das doutrinas do libre ensino kraussistas. Ao mesmo tempo, publicacións como El Porvenir obrigan a reconsiderar a idea de que aquel primeiro grupo provincialista carecía dun proxecto político propio.

Tamén cuestionas a interpretación dos sucesos de 1843.
Si. Barreiro rexeita a idea de que Faraldo chegase a defender a independencia de Galiza no seo da Xunta de Lugo por considerar que non existe base documental. Porén, cando revisas a prensa de 1843 atopas noticias, publicadas apenas uns días despois dos feitos, nas que xa circulan rumores sobre a intención de determinados sectores de “proclamar a independencia de Galiza”. Iso non resolve definitivamente o debate, pero si demostra que esa hipótese estaba presente.

E todo isto obriga tamén a reinterpretar o papel de El Porvenir.
Si. El Porvenir tivo unha difusión e unha repercusión moito maiores do que adoita pensarse. Circulaba por distintos lugares da Península, distribuíase en París e recibía atención de publicacións como El Genio, de Barcelona, onde escribía Víctor Balaguer, unha das principais figuras da Renaixença catalá. Todo iso indica que o grupo de Faraldo estaba conectado cos grandes debates políticos europeos. Ao mesmo tempo, o xornal nace nun contexto de forte censura e acaba sendo clausurado. Pouco despois, Faraldo responde ás críticas dos seus adversarios cunha frase que resume moi ben a súa posición: “Non somos O'Connell; somos Espartaco”. Esa linguaxe indirecta, chea de referencias históricas e literarias, era tamén unha forma de expresar ideas políticas que non podían formularse abertamente. Cando reivindica a Espartaco fronte a O'Connell está suxerindo que a emancipación non pasa só pola negociación, senón tamén pola insurrección. Por iso creo que a Revolución galega de 1846 formaba parte do mesmo ciclo revolucionario que atravesaba Europa. Non foi un episodio illado, senón un movemento integrado nas grandes dinámicas políticas e emancipadoras do continente.

Falas da conexión coaYoung Ireland, pero tamén hai paralelismos moi claros co proceso de unificación italiana.
Si. O exemplo italiano é fundamental. A loita pola independencia e pola unidade de Italia convértese nun referente para moitos movementos europeos, e Faraldo recorre continuamente a esas referencias. Como a censura lle impide falar abertamente de determinadas cuestións políticas, exprésase a través da literatura. Cando menciona autores como Silvio Pellico ou Ugo Foscolo, vencellados ao movemento independentista italiano, está utilizando unha linguaxe que os seus lectores podían interpretar, pero que resultaba moito menos evidente para os censores.

E como chegaban todas esas ideas a Galiza?
As comunicacións terrestres eran moi deficientes, pero había unha innovación decisiva: o barco de vapor. Entre 1820 e 1850 revolucionou as comunicacións internacionais e converteu os portos galegos en puntos de entrada de persoas, libros, xornais e ideas. A través das rutas marítimas e dos correos comerciais, Galiza estaba conectada con Inglaterra, Francia ou Bélxica e seguía moito máis de preto os debates europeos do que adoita pensarse.

Iso cuestiona tamén a idea dunha Galiza periférica e illada.
Exactamente. A mediados do século XIX, Madrid aínda non ocupaba a posición central que lle atribuímos hoxe e, nalgúns casos, resultaba máis doado conectar por vía marítima con outros portos europeos que desprazarse ao interior peninsular. Esta xeración lía os libros que Ramón de la Sagra traía de París, seguía os debates do socialismo europeo, coñecía as discusións sobre a emancipación das mulleres e estaba ao tanto do que sucedía en Italia. Galiza, lonxe de ser un espazo illado, participaba activamente nos grandes debates políticos e culturais da Europa do seu tempo.

E quen eran, socialmente, os protagonistas da Revolución?
Na súa maioría eran fillos da pequena burguesía. Un aspecto chamativo é que moitos procedían de familias chegadas a Galiza a finais do século XVIII ou comezos do XIX. Nos arquivos aparecen con frecuencia apelidos de orixe vasca ou catalá entre os estudantes e mozos que difundían as ideas revolucionarias. Un caso significativo é o deRuiz Pons, que ilustra ben esa diversidade de procedencias.

E nese contexto, a Revolución de María da Fonte ocupa un lugar central.
Si. A Revolución de María da Fonte é anterior aos sucesos galegos: comeza en marzo de 1846. O interesante é que, segundo algunhas interpretacións, adquire un carácter político máis definido cando en Galiza xa está en marcha o proceso revolucionario. Incluso hai autores que sosteñen que a influencia puido ir de Galiza cara a Portugal, e non ao revés. Nun primeiro momento, María da Fonte era un movemento de forte base popular, alimentado polo malestar fronte a determinadas políticas do Estado liberal portugués. Un dos detonantes foi a prohibición dos enterramentos arredor das igrexas e a obriga de utilizar cemiterios situados fóra dos núcleos de poboación. A ese conflito sumouse o impacto da praga da pataca, unha crise cuxos efectos en Galiza, ao meu ver, foron maiores do que tradicionalmente se admitiu.

As conexións entre Galiza e Portugal eran, polo tanto, moito máis intensas do que se adoita pensar.
Si. Esa conexión mantívose tras a derrota de 1846. Parte da resistencia reorganizouse desde Portugal, onde os exiliados atoparon refuxio e continuaron a súa actividade política. Os arquivos militares documentan accións guerrilleiras a través da fronteira e distintas fontes confirman a existencia de redes de apoio entre revolucionarios galegos e portugueses. O chamado Clube do Porto converteuse nun dos principais espazos de reorganización do exilio, mentres que a prensa europea chegou a falar de sociedades secretas que facilitaban a fuxida de revolucionarios cara a Portugal. Co triunfo dos setembristas, moitos dos galegos presos en Peniche —entre eles Faraldo— recuperaron a liberdade e estableceron a súa residencia en cidades como Lisboa.

Non é esaxerado falar de “revolución”?
Eu creo que non. A palabra revolución aparece xa nos textos dos propios protagonistas, nos dos seus inimigos e tamén na prensa internacional da época. É certo que na década de 1840 o concepto non tiña aínda as connotacións que adquiriría máis tarde, pero estamos diante dun movemento cun programa político definido que intenta levalo á práctica. As medidas que a prensa española ridiculiza como a “Constitución gallega” non eran simples declaracións retóricas, senón decisións adoptadas pola propia Xunta revolucionaria. Anúlase o sistema tributario, expropíanse os fondos do Banco de San Fernando e créase un novo corpo armado, os Defensores del Pueblo, cuxos integrantes reciben un salario e unha ración diaria de pan para as súas familias. É dicir, existen tamén incentivos materiais para incorporarse ao movemento.

Agora ben, que exista un apoio popular moi amplo non significa que a maioría da poboación compartise unha conciencia política plena. Sería tan inxenuo pensar que un labrego galego deixaba a súa casa para defender a independencia de Galiza como imaxinar que un campesiño ruso participou na Revolución de Outubro porque tiña como horizonte a futura Unión Soviética.Quería “paz, pan e terra”. Nese sentido, non podemos imaxinar unha opinión pública nin unha conciencia política de masas como as actuais. Os principais dirixentes elaboran un discurso político e nacional cada vez máis definido, mentres que boa parte dos sectores populares participan movidos por agravios sociais, expectativas de cambio e os efectos concretos das medidas adoptadas pola Xunta.

E quen fai circular a revolución polo territorio?
Principalmente o estudantado. Están documentados moitos, máis por referirnos a algún, temos o caso dun mozo da zona de Vila de Cruces, José Carral, que xunto con outros compañeiros, consegue armas, le un manifesto revolucionario na feira da Bandeira e impulsa a formación dunha partida armada. Iso permite cuestionar a idea dunha revolución impulsada exclusivamente polos militares. Xunto a eles existía unha rede de estudantes, intelectuais e activistas locais decisivos na difusión do movemento.

Hai outro aspecto que tamén consideras pouco explorado: a influencia dos movementos xuvenís europeos.
Si. Hai unha cuestión que me parece fundamental. Na década de 1830, Giuseppe Mazzini impulsa a  aGiovine Italia como alternativa ao modelo das sociedades carbonarias. Máis que unha organización conspirativa clásica, pretendía mobilizar a mocidade arredor dun proxecto político e revolucionario. Desa experiencia xorden movementos como Xove Polonia, Xove Irlanda e, en conxunto, unha rede internacional coñecida como Giovine Europa. O interesante é que El Porvenir se presenta como “Periódico de la Juventud Gallega”. Esta expresión aparece repetidamente nas súas páxinas e tamén na correspondencia que mantén con outros círculos políticos. Sabemos, ademais, que este grupo coñecía o que estaba a acontecer en Italia e en Irlanda, incluída a ruptura dunha parte do nacionalismo irlandés coas posicións de O'Connell. Iso resulta especialmente significativo porque, cando observamos como se estende a Revolución de 1846, atopamos un patrón moi semellante: son estudantes os que levan as noticias desde Santiago ás súas comarcas, difunden os manifestos e articulan boa parte da mobilización. Como me comentaba Manolo Gago, un nivel de implantación territorial como este resulta difícil de explicar se non existía previamente algún tipo de rede capaz de organizar a circulación de persoas, información e recursos.

Outro dos teus argumentos é que a dimensión popular da revolución foi moi superior ao que adoita admitirse.
Si. Máis alá da francesada, resulta difícil atopar naquel tempo un nivel de resposta popular semellante. A documentación mostra unha mobilización popular extraordinaria para a época. Nos boletíns oficiais e nos arquivos provinciais aparecen centos de persoas perseguidas por apoiar activamente a revolución ou por tomar as armas. Só na zona de Tui hai referencias a arredor de catrocentos voluntarios armados cara ao final do conflito. Hai que lembrar o que iso significaba daquela: abandonar a casa, deixar atrás a familia e asumir riscos enormes.

Iso tamén obriga a revisar o papel que tradicionalmente se lle atribuíu a Solís.
Si. Solís adoita presentarse como o gran líder da revolución, pero a documentación apunta a unha realidade máis complexa. Na declaración do seu propio xuízo insiste en que non é o dirixente político do movemento e explica a súa participación tamén por motivos persoais e militares, relacionados coa súa situación tras os sucesos de 1843 e coa súa confrontación con Narváez. Iso obriga a matizar a imaxe dun levantamento articulado exclusivamente arredor da súa figura.

E o apoio popular tampouco se limitaba ao mundo rural.
Nas cidades tamén atopamos unha importante mobilización. Na Coruña, por exemplo, as fontes falan da participación de artesáns e dos chamados xornaleiros, é dicir, traballadores asalariados urbanos. Non se trata de xornaleiros agrícolas, senón do termo co que na época se designaba boa parte da clase obreira. Cando Solís se aproxima á cidade, conta con que se produza unha sublevación desde o interior. Sabemos que as autoridades tiveron que intervir para sufocar un levantamento protagonizado por xornaleiros e outros sectores populares. Tamén en Pontevedra atopamos indicios dese protagonismo urbano.

Ao redor de El Porvenir e doutras publicacións vinculadas ao provincialismo aparece un discurso cada vez máis atento ás condicións de vida das clases traballadoras. Un exemplo é un poema publicado en Misterios de Pontevedra, atribuído a José María Santos, que reivindica o barrio da Moureira, os mariñeiros e os traballadores fronte aos abusos que padecían. Xunto ás reivindicacións políticas, aparece xa unha crítica aos desequilibrios económicos que sufría Galiza, denunciando unha presión fiscal que non se traducía en investimentos nin en infraestruturas.

Resulta chamativo como este conxunto de intelectuais artellaban a cuestión social coa nacional.
Si. Cando les El Porvenir atopas expresións como “ata que Galiza ocupe o lugar ao que está chamada” ou referencias aos “parias”. Hai unha identificación moi clara entre a condición galega e a condición dos sectores populares, vinculando subordinación nacional e subordinación social. Isto tamén se reflicte nos boletíns da Revolución de 1846. No segundo, por exemplo, o chamamento diríxese expresamente aos labregos, algo moi pouco habitual na linguaxe política da época. Mentres boa parte do liberalismo apelaba de forma abstracta ao pobo, aquí identifícase un suxeito social concreto. Existía unha vontade consciente de incorporar os sectores populares ao proxecto revolucionario.

Ese discurso insírese nun ambiente intelectual europeo no que autores como Ramón de la Sagra entran en contacto con figuras como Adam Mickiewicz e con correntes que relacionan a emancipación das nacións sometidas coa transformación social. A diferenza doutros autores contemporáneos, como Engels, estes pensadores consideran que o impulso máis avanzado da transformación histórica pode proceder precisamente dos pobos dominados. Nese sentido, resulta inevitable pensar no Marx dos últimos anos, cando, nas súas reflexións sobre Rusia, admite que comunidades como oMir podían abrir unha vía cara ao socialismo sen reproducir necesariamente todo o desenvolvemento do capitalismo. Evidentemente, estamos a falar de contextos distintos, pero a intuición de fondo —que os pobos subordinados poden desempeñar un papel histórico propio na transformación social— aparece formulada aquí varias décadas antes.

Que nos din os boletíns revolucionarios sobre a evolución da Revolución de 1846?
Hai que lelos no seu contexto, porque non responden ao mesmo momento nin expresan exactamente a mesma posición política. O segundo boletín paréceme especialmente revelador. Nel descríbese o exército enviado desde Madrid como unha forza invasora. Recorre á imaxe dos galos saqueando Roma, pero invirte a metáfora habitual: Galiza aparece identificada coa Roma agredida e o exército centralista cos bárbaros que veñen someter o país. O texto chama á resistencia “val por val” e, algo moi pouco frecuente na época, apélase expresamente tanto aos homes como ás mulleres para defender a revolución. Nese mesmo texto multiplícanse as referencias a Italia, Polonia e Irlanda, presentando a revolución galega como un exemplo a seguir. Mesmo se afirma que un pobo pequeno pode alterar o curso da historia. Non me parece casual que parte da prensa española, como El Imparcial, interpretase ese discurso en clave nacional e chegase a falar de independencia.

O primeiro boletín responde a un momento distinto. Nel conviven os sectores militares e o núcleo político galeguista, polo que aparecen referencias á raíña e ao liberalismo español xunto con medidas claramente impulsadas pola Xunta, como a anulación das disposicións do Goberno de Madrid ou a afirmación da autoridade das xuntas revolucionarias. O terceiro nace xa nun contexto de emerxencia militar: Solís regresa para defender Compostela e a Xunta concéntralle practicamente todo o poder. Lémbrame, salvando as distancias, á figura do ditador na República romana, cando se lle conferían poderes extraordinarios para afrontar unha ameaza excepcional. Iso reflíctese tamén no texto: reaparecen referencias ao patriotismo liberal español e ao 2 de Maio que apenas estaban presentes no segundo boletín. Cada un dos boletíns reflicte un momento moi distinto da revolución, así como as tensións entre o núcleo galeguista e a dirección militar.

A intensidade da represión tamén di moito sobre a dimensión que chegou a ter a revolución.
A documentación está chea de ordes de busca e requirimentos contra persoas que apoiaran a revolución. O exilio cara a Portugal puido superar as dúas mil persoas, unha cifra á que habería que engadir quen permaneceu agochado durante meses ou nunca chegou a ser localizado polas autoridades. Juan do Porto sinala que as cárceres chegaron a estar desbordados pola cantidade de detidos. Nos fondos do Goberno Civil de Pontevedra aparecen tamén casos concretos de persoas mortas durante a represión. Hai, por exemplo, o dun preso trasladado pola zona de Mos que intentou escapar e foi abatido dun disparo polas costas. Dificilmente se mobilizan tantos recursos para facer fronte a un movemento marxinal.

Que consecuencias tivo o fracaso da Revolución de 1846 para o galeguismo da época?
O fracaso do ciclo revolucionario de mediados do século XIX provoca un retroceso xeral dos movementos máis avanzados. Ábrese unha etapa de reacción conservadora, fortalécense os sectores moderados e figuras como Napoleón III simbolizan o peche das expectativas revolucionarias abertas na década anterior. A represión foi moi intensa e boa parte dos principais dirixentes víronse obrigados a abandonar Galiza. Como explica Xurxo Martínez na súa biografía de Faraldo, este, Romero Ortiz ou Figueroa tiveron que permanecer durante anos fóra do país e non puideron regresar até o bienio progresista. Faraldo nin sequera chegou a facelo: morreu en 1853. A expulsión das principais cabezas do movemento tiña tamén unha funcionalidade política evidente: impedir que a revolución puidese reorganizarse.

A partir dese momento cambia tamén o perfil dos espazos de sociabilidade. Antes da revolución existira a Academia Literaria, unha especie de universidade paralela onde se debatía sobre socialismo, feminismo, a abolición da pena de morte e outras cuestións extraordinariamente avanzadas para a época, sorteando en boa medida os límites impostos pola censura e pola Igrexa. Coa derrota de 1846 ese ambiente desaparece: o seu relevo tómase desde posicións moito máis moderadas a través doLiceo de la Juventud, impulsado por figuras como Martínez Padín, que tamén escribira en El Porvenir, aínda que desde posicións menos radicais. É un espazo que intenta conciliar o galeguismo coa nova realidade política isabelina e onde comezan a coincidir nomes como Murguía, Rosalía ou Aguirre. A actividade política deixa paso, en boa medida, á intervención cultural e literaria.

Sucédese un movemento pendular que recorda ao sucedido no século XX, dende o político ao cultural.
Con todo, iso non significa que o proxecto nacido arredor de 1846 desapareza. Hai un fío de continuidade moi claro. Boa parte dese ambiente evoluciona cara ao progresismo, o republicanismo e, posteriormente, o federalismo. Nese sentido resulta moi significativa unha carta de Murguía a Vicetto, na que lle escribe, aproximadamente: “convéncete, Vicetto; a nosa independencia só se pode garantir co federalismo”. Tras a derrota da revolución, a vía insurreccional deixa paso a estratexias máis gradualistas e culturais, pero a reflexión sobre Galiza como suxeito político non desaparece. Simplemente cambia de linguaxe, espazos e protagonistas. O Rexurdimento non xorde da nada: nace tamén sobre o legado político e intelectual da Revolución de 1846.

E nese proceso o federalismo acaba adquirindo un papel central.
Si. Pero o federalismo de Faraldo era distinto do que defenderían os republicanos das décadas seguintes. Non estaba pensando prioritariamente nunha reorganización federal do Estado. O federalismo sérvelle, sobre todo, para pensar politicamente Galiza. Nos seus textos presenta a Galiza céltica como unha nación federal, unha federación de cidades libres que se unen voluntariamente. A súa preocupación é como construír unha comunidade capaz de gobernarse a si mesma. Por iso tamén reflexiona sobre a ausencia dunha gran cidade que articule o país: mentres Barcelona desempeña ese papel en Cataluña, considera que Galiza carece dun centro político e económico capaz de favorecer a formación dunha cidadanía propia. Nese contexto aparecen expresións como “conquistar a nacionalidade”. O federalismo funciona aquí como unha maneira de pensar a organización interna do país.

É na xeración posterior cando esa idea comeza a reinterpretarse. O debate entre Vicetto e Murguía amosa ben ese desprazamento. Vicetto mantén posicións máis próximas ao legado político de 1846 e emprega con máis naturalidade a idea de independencia. Murguía, pola súa banda, procura integrar esa tradición dentro do republicanismo federal, convertendo o federalismo nunha vía para pensar a cuestión galega nun marco político máis amplo.

Aí sucédese tamén unha disputa pola memoria do 1846.
Exactamente. Iso reflíctese nas primeiras conmemoracións dos Mártires de Carral. A mediados da década de 1850, Vicetto critica que a revolución se interprete desde unha perspectiva española e lamenta que se dilúa a súa dimensión especificamente galega. Pola súa banda, a xeración de Murguía procura integrar o legado de 1846 dentro do novo horizonte do republicanismo federal e do Rexurdimento, harmonizando esa herdanza co contexto político da época. Desa tensión nacerá boa parte da cultura política do galeguismo das décadas seguintes.

Cal é a idea de nación defendida por Faraldo?
Con frecuencia interprétase a Faraldo desde categorías que pertencen a un momento histórico distinto. Tanto Barreiro como Beramendi tenden a lelo á luz do historicismo alemán e dunha concepción da nación máis próxima a Herder, baseada no espírito do pobo (volkgeist), na lingua ou na identidade cultural. Esa non é a mellor maneira de entendelo. Faraldo é un home da Europa revolucionaria da década de 1840. A súa idea de nación é, sobre todo, política. Enténdea como unha vontade colectiva de constituírse e gobernarse, máis que como unha realidade étnica ou cultural preexistente. Cando recorre ao Reino de Galiza non o fai por nostalxia historicista, senón porque ve nel unha continuidade institucional sobre a que construír cidadanía.

Se, por exemplo, identificamos o nacionalismo exclusivamente coa lingua, entón tampouco poderiamos considerar nacionalistas outros movementos desa época. Estamos nun momento histórico anterior, no que esas categorías aínda están en formación. O mesmo ocorre coas referencias de Faraldo aos celtas ou aos suevos. Non deben interpretarse nun sentido etnicista. Funcionan como unha linguaxe política. Cando describe a sociedade céltica faino para salientar valores como a igualdade, a liberdade das comunidades ou a federación de cidades. Nese aspecto paréceme máis próximo ás correntes socialistas da súa época, que recorrían con frecuencia á imaxe dun pasado igualitario —unha sorte de comunismo primitivo— para lexitimar un horizonte revolucionario futuro. É unha estratexia moi habitual no século XIX. Trátase de atopar na historia exemplos que permitan imaxinar unha sociedade máis libre e igualitaria.

E esa reflexión política vai acompañada dunha análise da realidade económica.
Si. Moitas veces preséntase este grupo como un conxunto de idealistas/radicais que lanzaban proclamas abstractas. Pero, cando les os seus textos, atopas análises materiais moi concretas. Un caso especialmente significativo é Ramón de la Sagra. Tras o peche de El Porvenir, publica artigos noutros medios, como La Armonía, nos que analiza con detalle a crise da industria do liño e propón medidas concretas para revitalizar ese sector. Non se limita á denuncia: formula alternativas precisas para recuperar a produción e fortalecer unha actividade que considera estratéxica para o país. Isidro Dubert, no documental, explica moi ben que a construción do Estado liberal español tivo importantes consecuencias económicas para Galiza. Segundo estes autores, a liberalización dos mercados e determinadas políticas centralizadoras prexudicaron actividades como a industria téxtil ou a do coiro. Nalgúns textos atribúese esa situación á falta de protección fronte á competencia británica; noutros, ás políticas uniformizadoras do Estado, incapaces de responder ás particularidades económicas de Galiza.

Quería propoñerche agora un pequeno xogo de asociacións. Provincialismo.
O soberanismo da época.

Solís.
Un militar progresista que morre coherentemente polas súas ideas.

Enrique de Borbón.
Curmán de Isabel II e candidato progresista ao seu matrimonio. Renega da revolución no propio 1846 e chega a reunirse con Narváez en Francia en pleno proceso revolucionario.

Antolín Faraldo.
O líder político da revolución. Como dicía Risco: “O primeiro independentista galego”.

Rúa Figueroa.
Un socialista e revolucionario que morreu demasiado novo.

El Porvenir.
O primeiro periódico socialista e independentista do Estado español e o que formula as consignas feministas máis radicais da primeira metade do século XIX.

Benito Vicetto.
Historiador, escritor e independentista galego da xeración de Faraldo. É o último representante desa xeración que mantivo coherentemente as súas ideas.

Juan do Porto.
Avogado compostelán e autor da
Reseña de los últimos acontecimientos de Galicia.

Ramón de la Sagra.
O pai do socialismo galego. É a opinión de investigadores como Ascensión Cambrón, Dionisio Pereira ou Eliseo Fernández. É unha das figuras máis precoces do socialismo no conxunto do Estado español e, probablemente, o intelectual máis importante de todo este movemento. O problema é que parte da historiografía non traballou directamente algúns dos seus textos fundamentais, escritos entre 1843 e 1845, precisamente cando reafirma posicións próximas ao socialismo europeo e entra en contacto co pensamento de Proudhon. Hai un texto especialmente revelador,
La caldera de vapor, no que emprega a máquina de vapor como metáfora da revolución social, presentada como unha forza histórica destinada a transformar a sociedade. Non é casual que o grupo compostelán apareza citado nalgunhas publicacións da época como “La Escuela socialista de Santiago”.

Xoana de Veiga.
A gran líder do progresismo na Coruña e unha figura fundamental no artellamento do pronunciamento inicial. O propio capitán xeral acúsaa de manter na súa casa reunións cos cónsules de Francia e Inglaterra e de estar en contacto cos esparteristas. Esas redes explican episodios como o do barco cargado con miles de fusís mencionado pola prensa e por distintas fontes da época.

Mártires de Carral.
Unha construción memorial elaborada posteriormente para harmonizar o relato da Revolución de 1846 co progresismo e o republicanismo español. Esa resignificación contribuíu a diluír parte do contido do movemento e a integrar a memoria da revolución nun relato máis amplo e conciliador.

Juan de Villalonga.
Un asasino. Esmagou a Revolución de 1846. A documentación atribúelle unha actuación extraordinariamente dura contra os revolucionarios e tamén contra a poboación civil. A represión dos motíns de subsistencia posteriores foi especialmente violenta: entre outros episodios, morreu unha muller embarazada na Coruña, un feito que as autoridades acabaron imputando aos propios revolucionarios.

Un personaxe que che causase especial simpatía.
Manuel Buceta. Sen Buceta non se entende a Revolución. Participa na toma de Pontevedra, contribúe decisivamente á sublevación de Vigo e doutras vilas do sur e convértese nun dos grandes protagonistas militares do 46. Procedía dunha orixe humilde, ascendera no exército cazando absolutistas e acabou amosando unha capacidade militar extraordinaria. É un dos artífices da sublevación na ponte do Burgo, participa na captura de numerosos prisioneiros e, en Ferrol, protagoniza un episodio épico: no seu intento de propiciar a sublevación, lánzase practicamente só, a cabalo, cara ás portas da cidade, onde lle disparan un canonazo. Son escenas que explican a reputación case lendaria que adquiriu entre os propios revolucionarios.

Tras a derrota non abandona a loita. Organiza a resistencia desde a raia portuguesa, dirixe partidas guerrilleiras e chega a disparar contra o Duque de Ahumada, fundador da Garda Civil, durante a revolta progresista de 1848 en Madrid. Durante anos a prensa sitúao á fronte de pequenas partidas que aparecen e desaparecen por distintos puntos de Galiza, alimentando unha imaxe moi próxima á dun Robin Hood. A súa biografía demostra que 1846 non foi un episodio pechado, senón o inicio dun percorrido revolucionario que continúa coa revolta de 1848 e coa Vicalvarada de 1854, na que chega a tomar Cuenca cun grupo moi reducido de homes. Precisamente por iso, cada vez que se producía un intento revolucionario en España, as autoridades detíñano preventivamente.

Hai un episodio especialmente revelador. Tras unha nova amnistía decide regresar, pero é detido en Madrid e négaselle inicialmente o beneficio da medida. O seu caso provoca un intenso debate no Congreso. Os seus detractores argumentan que seguía implicado na actividade revolucionaria, lembrando a súa participación en 1849 e afirmando que percorría Madrid berrando “Viva a República”. Mesmo se dicía que era imposible capturalo porque cambiaba constantemente de domicilio. Finalmente, tras varios meses no cárcere, acabou sendo posto en liberdade. A partir dese momento a súa vida entra nunha etapa moi distinta. Reincorpórase ao exército e é destinado a Melilla, Cuba e á República Dominicana, onde combate os movementos independentistas. É a parte máis contraditoria da súa biografía: o antigo revolucionario galego acaba loitando, como oficial do exército español, contra outros procesos de emancipación nacional. Segundo a tradición dominicana, chegou a popularizarse a expresión “ser máis malo ca Buceta”.

Unha escena mítica.
Unha das máis coñecidas é a da suposta reunión conspirativa baixo o Carballo de Santa Margarida, na Coruña. Segundo esa versión, alí terían coincidido Rubín, José María Santos, o infante Enrique de Borbón e outros dirixentes para preparar o levantamento. É unha imaxe moi poderosa, pero a documentación conservada dificulta sostela. Conservamos informes do comandante militar de Pontevedra, correspondencia oficial e mesmo un informe asinado por Manuel Buceta apenas dous días antes de sumarse á revolución, no que comunica ás autoridades o levantamento de Compostela e informa das medidas adoptadas pola Xunta. Existen tamén comunicacións de Rubín nas que manifesta a súa lealdade ás autoridades militares. Esa escena foi reconstruída posteriormente para dotar a revolución dun relato máis coherente e heroico: os conspiradores reunidos baixo unha árbore, o infante progresista, os militares patriotas... Ademais, despraza o protagonismo cara a figuras como Enrique de Borbón, contribuíndo a unha lectura en chave española da revolución.

E un personaxe decepcionante.
RubínSegundo as fontes coas que traballei, actúa con enorme pasividade nos momentos decisivos da revolución. Cando as tropas de Concha avanzan cara a Santiago mantén as súas forzas practicamente inmóbiles, dispersa os seus homes e deixa pasar oportunidades para reorganizar a resistencia. Hai episodios especialmente chamativos: mentres as súas tropas permanecían despregadas pola zona da Caniza, marchou a Vigo para visitar á súa muller. Segundo relata Juan do Porto, mesmo desanimaba a quen pretendía incorporarse ao movemento, asegurándolles que a causa estaba perdida. Finalmente abandona os seus homes e cruza a Portugal, onde responde ás durísimas acusacións de Faraldo e Romero Ortiz, que chegan a responsabilizalo directamente da derrota. Tras a derrota de Compostela aínda existía marxe para reorganizar a resistencia desde o sur de Galiza e desde a fronteira portuguesa. Outros revolucionarios intentárono; Rubín non. Por iso considero que a súa actuación foi decisiva no fracaso da revolución e que boa parte da xeración de 1846 acabou véndoo como un traidor á súa causa.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...