Fútbol
Avoa, o feo e o malo. Arxentina 1978. O outro mundial

Capítulo 3: O Malo. A noite do 21 de xuño de 1978, Juan Alemann recibiu unha advertencia que nunca máis esquecería. Ás 20:20, no mesmo intre no que Leopoldo Jacinto Duque marcaba o cuarto gol contra Perú, que clasificou á selección arxentina para a final do Mundial '78, unha bomba cun quilo e medio de explosivos estourou fronte á súa casa.

Arxentina 78_foto1
O ditador Videla entrega a Copa do Mundo ao capitán arxentino.
19 abr 2020 13:00

O 6 de xullo de 1966, Arxentina foi escollida como sede para organizar o mundial de fútbol de 1978. O país xa quería ser sede moitos anos antes. Tras longas negociacións logrou ser anfitrión do Mundial de Fútbol 1978. Ninguén imaxinou, entón, que sería a ditadura máis sanguenta do país a que acabaría recollendo os froitos. “O do poder sacando proveito do deporte é tan vello como a humanidade”, lembraba nunha entrevista hai poucos anos César Luis Menotti. Sen dúbida, a propaganda é un dos instrumentos máis importantes que teñen as ditaduras para a actividade publicitaria da súa ideoloxía. Ademais, o deporte foi unha ferramenta útil para ocultar manobras políticas ilegais. E o Mundial 1978 disputado e gañado pola Arxentina permitiu silenciar por meses o que acontecía no país coa Xunta Militar e os seus crimes de lesa humanidade.

En maio de 1974, durante a súa terceira presidencia, Perón creou a Comisión Nacional de Apoio ao IX Campionato Mundial de Fútbol de 1978 dentro da órbita do Ministerio de Benestar Social, dirixido por José López Rega. En 1975, Jorge Rafael Videla ascendeu a Tenente Xeneral, e xa pensaba xunto a outros militares un golpe de Estado na Arxentina, un máis. Hai un dito que di que tódolos camiños conducen a Roma; en Arxentina semella que tódalas historias de morte, as memorias de torturas e desaparicións conducen ao 24 de marzo de 1976. Nesa data, a Xunta Militar encabezada por Jorge Videla, Emilio Massera e Orlando Agosti, deu un golpe de Estado e asumiu o poder absoluto do país. Cando levaban dous meses no poder, en xuño de 1976, a Xunta Militar creou o Ente Autárquico Nacional (EAM 78) e ademais declarou de interese nacional a realización do XI Campionato de Fútbol FIFA. O EAM 78 entrou en funcións un mes despois, en agosto de 1976; o Ente era un organismo creado coa finalidade de xestionar a organización do campionato de fútbol no país. O EAM 78 estaba integrado por un presidente, o Xeneral Omar Actis, e un vicepresidente (Carlos Lacoste) dos que dependían 6 xerencias repartidas entre as tres Forzas Armadas.

O 24 de marzo de 1976, a Xunta Militar encabezada por Jorge Videla, Emilio Massera e Orlando Agosti, deu un golpe de Estado e asumiu o poder absoluto do país

Jorge Rafael Videla nomeara a Omar Actis á fronte do organismo, un xeneral austero e de baixo perfil. Pola súa banda, Emilio Massera, vía no EAM 78 unha plataforma para alimentar as súas aspiracións presidenciais. Pero a escolla de Actis voou polo aire os planes de Massera. Con Actis polo medio, enxeñeiro militar e interventor da empresa YPF, o acceso á caixa con liberdade para manexar ao seu xeito, quedaba restrinxido. O 19 de agosto de 1976, o Xeneral Actis atopábase no seu auto Chevy. Dirixíase á construción dun complexo de vivendas para as Forzas Armadas. Cando, de súpeto, foi interceptado e desde unha camioneta Chevrolet foi cosido a balazos. Na camioneta viaxaban 2 persoas diante e 3 detrás, na parte traseira. Os asasinos botaron panfletos de Montoneros con consignas que non correspondían coas utilizadas pola organización. Utilizaron un vehículo pesado e lento, como se non estivesen preocupados pola fuxida. Un comunicado oficial do Exercito informou que Actis fora interceptado por subversivos que, despois do atentado, fuxiran. A operación sempre tivo un cheiro raro e as dúbidas, aínda hoxe, apuntan contra Massera. Un dato: nin Massera, nin Lacoste acudiron ao enterro; Videla si que o fixo.

Omar Actis foi substituído por Antonio Merlo como presidente do EAM 78. Se ben, o poder de facto quedou en mans do vicepresidente Lacoste, home de confianza do Almirante Massera. 5 días despois do asasinato de Actis, Lacoste deu unha conferencia de prensa, que debía dar o presidente falecido. O mariño informou que o Mundial 78 tería dous desafíos: “Un, o da infraestrutura, e outro, o da organización (...) o gran rédito do Mundial está en poñer ao país nunha pantalla de televisión con dous mil millóns de espectadores, e os xornais de todo o mundo”. A partir de aquí, o EAM 78 fixo o contrario do que propoñía Actis. Construíron novos estadios en Mendoza, Córdoba e Mar del Plata; remodelaron tres xa existentes (River, Velez e Rosario Central); levantaron un novo edificio para a emisora encargada de transmitir o Mundial, Argentina 78 Televisora (A78TV); concederon créditos brandos para o financiamento da edificación de novos hoteis; e construíron rutas e novos sistemas de comunicación. Os gastos comezaron fluír sen control, en poucas palabras. “O que facemos para o 78, queda para despois do 78”, celebraba a ditadura na propaganda oficial do réxime. O Mundial 78 foi un acontecemento político para a ditadura, que lle deu a popularidade no plano interno e onde debía enfrontar no plano externo o que chamaban unha “campaña antiarxentina” pola violación dos dereitos humanos. Pero esas vantaxes políticas non eran prezadas por todo o Goberno.

O Xeneral Actis dirixíase á construción dun complexo de vivendas para as Forzas Armadas. Cando, de súpeto, foi interceptado e desde unha camioneta Chevrolet foi cosido a balazos

Un ano despois, en 1977, a Xunta Militar firmou o decreto 1261/77, co que outorgaba fondos de libre dispoñibilidade ao EAM78, manexados en último termo por Carlos Lacoste. A Xunta Militar calculara a redor dos 70 e os 100 millóns de dólares o custo das obras para o Mundial, pero o decreto dotaba ao Ente para que este orzamento fose abandonado rapidamente. “Aínda que custe 100 millóns, non hai problema”, comentou nunha xuntanza de ministros Jorge Rafael Videla. E o alto nivel de gasto prendeu conflitos que enfrontaron aos funcionarios do EAM78 co equipo económico do Ministro José Martínez de Hoz. En febreiro de 1978 estes conflitos chegaron ás primeiras páxinas dos xornais, Juan Alemann, Secretario de Facenda, denunciou que a inflación medraría por efecto dos gastos do Mundial, e cualificaba o torneo como un custoso erro e unha ostentación de luxo. “Dubido moito que a Xunta adoptase a mesma decisión se soubesen que todo isto podería chegar a custar preto de 700 millóns de dólares”, dixo Alemann por aqueles días. A resposta do Xeneral Merlo foi contundente: “Alemann debe dimitir para criticar despois”.

Lacoste, pola súa banda, lembrou que a realización do torneo era unha decisión política que a Xunta Militar fixo consciente. Pola polémica, o EAM ensaiou unha resposta cara a opinión pública, o número oficial de gasto recoñecido foi 521 millóns de dólares. Isto quere dicir: un 350% máis que os 150 millóns de dólares que custou a organización de España '82; outra comparativa, o total recoñecido representaba a quinta parte das reservas externas de libre dispoñibilidade. “Podería mencionar moitos casos de dilapidación de fondos públicos, pero penso que o noso país está tan acostumado á mentira, que a verdade pode provocar reaccións violentas”; sentenciaba Alemann no final das súas alegacións, sen saber que estaba anticipando algo que lle sucedería.

“No marco desta confrontación definida pola cortesía, e no marco da amizade entre os homes e os pobos, baixo o signo da paz declaro oficialmente inaugurado este onceavo Campionato Mundial de Fútbol 78”, a tarde do 1 de xuño de 1978 Jorge Rafael Videla estaba no centro do palco en plena cerimonia de apertura do Mundial: á dereita de Videla estaba Emilio Massera, Orlando Agosti berrou os goles de Arxentina o día despois tamén xunto a el. No palco estaba tamén João Havelange, presidente da FIFA, que sentenciara uns días antes como mostra de apoio á ditadura: “Arxentina está máis apta que nunca para ser a sede do torneo”. A estas alturas era evidente que os custodios do gasto foron derrotados polos defensores do malgasto. Un día despois, o 2 de xuño de 1978, foi o debut de Arxentina fronte a Hungría no Monumental; gañou 2-1. No segundo partido gañou a Francia co mesmo marcador e pasou á segunda rolda. Porén debía enfrontar a Italia que dobregou á albiceleste, deixándoa no segundo posto do grupo. Arxentina tivo entón que xogar os partidos da segunda fase na cidade de Rosario.

Pola polémica, o EAM ensaiou unha resposta cara a opinión pública, o número oficial de gasto recoñecido foi 521 millóns de dólares. Isto quere dicir: un 350% máis que o que custou a organización de España '82

Non pasaron nin cinco minutos desde que o Boeing no que viaxaba desde os Estados Unidos sobrevoaba Buenos Aires, cando comezou seguir o plan debía cumprir naqueles días de xuño de 1978. Dixo aos xornalistas que cubrían a súa viaxe: “Sempre quixen coñecer Arxentina. Polo pronto, vexo que Buenos Aires é, sinxelamente, excepcional”. Henrry Kissinger medía cada unha das súas palabras, era o convidado de honra de Videla e sabía que ía facer. Iso si, dixera unha verdade e unha mentira. A verdade era a súa paixón polo fútbol; desde 1970 acomoda a súa axenda para presenciar algún partido da Copa do Mundo; pero documentos desclasificados hai poucos revelan que xa coñecía Arxentina, e que en 1976 Kissinger viaxara ao país para apoiar ao golpe de Estado e a chamada guerra contra a subversión. Incluso premeu á ditadura para que rematase rápido o seu traballo. Xa en Rosario, Arxentina gañou a Polonia 2-0 e empatou contra Brasil cun 0-0. Para gañar o pase á final Arxentina debía gañar a Perú por máis de tres goles de diferenza no último partido do grupo.

O partido entre Arxentina - Perú foi un dos momentos do Mundial 78. Un símbolo que inclúe de todo; suspicacias, rumores, acusacións. O equipo arxentino necesitaba gañar polo menos por catro goles de diferenza. 6-0 foi o resultado final. “Ese partido lamentábel é indelébel”, lembra Héctor Chumpitaz, capitán peruano dese equipo. Os xogadores peruanos confirman que Videla entrou no vestiario na previa do partido; estaba acompañado por Emilio Massera e Henry Kissinger. A axenda do ex secretario de Estado de Nixon fora organizada pola Xunta Militar tivo un fondo contido político, viu os partidos decisivos desde o palco oficial a carón dos membros da Xunta. Os mitos arredor do partido contra Perú, aínda hoxe, multiplicábanse: desde os cargamentos de cereal de agasallo, pasando polos donativos monetarios non reembolsábeis que están documentados, até unha estratexia que formaba parte do Plan Cóndor que deixara un regueiro de sangue en toda América Latina. Mentres Arxentina avanzaba cara a final, Perú era recibida no seu país con insultos.

Os mitos arredor do partido contra Perú, aínda hoxe, multiplicábanse. Pero para un país que desaparecía aos seus cidadáns, xestionar estas suspicacias era un tema menor

A noite do partido contra Perú, o 21 de xuño de 1978, os peores vaticinios de Juan Alemann transformáronse en realidade. Foi cando Luque entrou na portería con pelota e todo, marcando o cuarto gol de Arxentina. Nese mesmo intre unha bomba estourou na porta da súa casa; casualidade ou non, o artefacto detonou no mesmo momento que Arxentina clasificaba para a final. O atentado nunca foi reivindicado por ninguén, pero Alemann asegura saber quen estivo detrás: Emilio Massera. Aínda hoxe, Alemann repítese unha pregunta: E se non metesen catro goles, que facían, volvían a casa coa bomba? O partido decisivo entre Holanda e Arxentina xogouse en Buenos Aires no Estadio Monumental, o 23 de xuño de 1978. Mario “El Matador” Kempes marcou o 1-0, pero a poucos minutos o final Dick Nanninga marcou o tanto holandés que empatou o partido. No tempo suplementario, volveu marcar “El Matador” e logo Daniel Bertoni selou o marcador de 3-1 final. Arxentina conseguía a súa primeira Copa do Mundo de Fútbol. Cando nas rúas comezaban os festexos, Kissinger felicitou a Videla, a Massera e deixou a Arxentina en silencio. O traballo estaba feito.

Argentina 78_fotoFinal

Os beneficios políticos que tivo para a ditadura a Copa do Mundo víronse de inmediato. Concluído o torneo Clarín na súa editorial dicía: “Arxentina debe marchar cara un destino de realizacións e vitorias”, mentres o xornal La Nación advertía que “despois do Mundial debemos seguir reconciliándonos en torno a grandes obxectivos comúns. O presidente Videla sinalou que “o país vive un auténtico clima de festa que sorprendeu a moitos visitantes que tiñan unha imaxe deformada pola campaña antiarxentina internacional”. “A festa do Mundial foi fantástica”, debeu aceptar, finalmente dobregado, Juan Alemann o 30 de xuño de 1978. O certo é que ninguén pode dubidar que a Xunta Militar empregou o Mundial para manipular, agochar, desviar, como unha cortina de fume por un lado, e como operación popular para o establecemento dun novo consenso polo outro. Os berros de gol no Monumental semella que taparon outros berros, estes últimos de 'desgarro', da xente que apenas a un quilómetro sufrían torturas na Escola Superior de Mecánica da Armada, baixo mando de subordinados de Emilio Massera. A ESMA, aínda que foi o máis coñecido e grande campo de concentración da ditadura, non foi o único; houbo uns 20 campos de concentración funcionando ata que a ditadura rematou.

“Non estou aquí para defenderme, ninguén ten que se defender por gañar unha guerra xusta”, con estas palabras, con esta arrogancia, o almirante Emilio Massera comezou a súa alegación final no chamado Xuízo ás Xuntas, en 1985, rematada xa a ditadura. Finalmente, o 9 de decembro de 1985, foi condenado a cadea perpetua e inhabilitación para ocupar cargos públicos por (entre outras cousas) 83 homicidios demostrados; entre eles o xornalista e escritor Rodolfo Walsh, “El Jefe”. En 1990 recen chegado á presidencia, Carlos Menem indultouno e permitiu que a vida de Massera, e dos outros membros da Xuntas, fose tranquila ata 1998. O indulto concedido por Menem completou o combo de impunidade comezado coas Leis de Obediencia Debida e Punto Final decretadas uns anos antes. En 1998 a xuíza Servini de Cobría determinou que os delitos eran de lesa humanidade e, polo tanto, non prescriben. Massera foi ao cárcere pero no ano 2000 comezou gozar de prisión domiciliaria. No 2002 Massera comezou padecer problemas de saúde, que se foron complicando ata o punto de ser declarado incapaz por demencia en 2005. Finalmente, faleceu en 2010, co sentimento de impunidade como agasallo e levando consigo o paradeiro de milleiros de persoas desaparecidas durante a ditadura. Orlando Agosti faleceu en 1997 sen ser xulgados novamente, trala nulidade das Leis de Punto Final. A sorte de Jorge Videla foi semellante á de Emilio Massera; a parca atopouno no cárcere Marcos Paz, o 17 de maio de 2013. Mario Alberto Kempes era coñecido como “El Matador”; Jorge Rafael Videla e Emilio Massera van ser lembrados sempre como asasinos.

O indulto concedido por Menem completou o combo de impunidade comezado coas Leis de Obediencia Debida e Punto Final decretadas uns anos antes

O 12 de agosto de 2014, con 83 anos de vida, Estela de Carlotto recibiu a ledicia de recuperar ao neto número 114; e non era un neto máis, a líder das Avoas da Praza de Maio atopara ao seu neto, Guido Carlotto, como era chamado pola familia, pois era coñecido como Ignacio Hurban. Un día de marzo de 2018, o barrio porteño de Parque Patricios amenceu anubrado en xeral; enriba do Decó, o estadio de Huracán, as nubes eran particularmente negras, negro loito. Ese día, o 22 de marzo de 2018 morría René Houseman, vítima dun cancro que non puido superar, como os seus pais. Cinco anos antes do Mundial, en 1973, Henry Kissinger recibiu un desvalorizado Premio Nobel da Paz. Que un tipo, como Kissinger, titor e colaboracionista de tódolos xenocidas da América Latina teña un Nobel da Paz; e hoxe, en 2020, as Avoas da Praza de Maio non, tamén é un crime contra a humanidade.

Epílogo

Todo comezou en 1962, o Mundial disputado en Chile foi o primeiro que tivo canción oficial. En 1978 xa era inimaxinábel un Mundial sen canción oficial. Ennio Morricone, unha estrela de nivel internacional, foi o escollido para compoñer a de Arxentina 78. Morricone é un dos grandes compositores de bandas sonoras da historia do cinema; a partir do seu aporte á triloxía dirixida por Sergio Leone, e protagonizadas por un mozo Clint Eastwood. Na Arxentina hai quen di que o gran Ennio deixou unha canción (“El Mundial”) lonxe dos seus mellores momentos como compositor. Hai quen di, tamén, que é un paradoxo que dentro do carácter ultranacionalista dos militares, o escollido fose un estranxeiro. Ennio Morricone é coñecido por crear músicas para personaxes malditos, foraxidos e mercenarios. As súas bandas sonoras embelecen relatos violentos cheos de asasinos, homes armados e pistoleiros. Tendo en conta isto, eu prefiro pensar que Ennio era a persoa acaída para compoñer a canción oficial dun mundial organizado por xenocidas.

O Salto Galiza
Avoa, o feo e o malo. Arxentina 1978. O outro mundial
As Avoas da Praza de Maio son un movemento que loita por atopar aos centenares de fillos e netos que foron secuestrados durante a ditadura militar arxentina de finais dos anos 70 e comezos dos 80
Fútbol
Avoa, o feo e o malo. Arxentina 1978. O outro mundial
Capítulo 2: O feo. Na versión arxentina, un guapo é un tipo “echao pa'lante”, un tipo bravo, un valente. A esta categoría pertencía René Houseman. Villero. El Loco de Baixo Belgrano. O Wing.

Relacionadas

Coronavirus
Buenos Aires endurece su cuarentena tras 100 días de confinamiento

El Área Metropolitana de Buenos Aires (AMBA) en Argentina endurece hasta el 17 de julio la cuarentena obligatoria para reducir el crecimiento de los casos de contagio y muerte por coronavirus y evitar el colapso del sistema sanitario. 

Argentina
La patronal se revuelve por la intervención de una de las principales empresas en Argentina

El decreto presidencial confirmó la intervención por 60 días del grupo agroexportador Vicentin, uno de los más grandes del país. La cerealera, acusada de evasión de impuestos y lavado de dinero, está en quiebra y mantiene una deuda millonaria con el Estado argentino. La derecha habla de “venezualización” del país.

Argentina
Mendoza lucha por su agua aún en medio de la pandemia

En esta provincia del oeste argentino la sequía ha reavivado la conciencia social sobre la importancia de proteger el agua. El covid-19 ha reabierto el debate de los últimos meses.


0 Comentarios

Destacadas

Racismo
Un estallido antirracista en medio de la pandemia
La ola antirracista que ha desbordado ciudades en todo el mundo bebe de mareas preexistentes: una memoria múltiple de violencias policiales que quedaron impunes, años de resistencia contra el racismo institucional que dicta la exclusión de una parte de la población, y la conciencia de las clases trabajadoras racializadas de su condición desechable en las lógicas capitalistas. 
Sanfermines
San Fermín: una mundanidad imposible

Por primera vez las fiestas de Iruñea se han suspendido por motivos sanitarios, ya que el coronavirus es incompatible con el roce del festejo.

Cuando volvamos a encontrarnos
Vivir en las ciudades más afectadas por el coronavirus

Esperanza Balaguer y Javier Abella residen en dos de las ciudades más golpeadas por la pandemia. Desde Nueva York y San Pablo, comparten su experiencia como emigrantes en medio de la crisis del covid-19.

Últimas

Ley Trans
Confluencia Trans exige una ley estatal que garantice la autodeterminación de género
Una treintena de colectivos integrados en Confluencia Trans se movilizan en Madrid por los derechos de las personas trans y para que se apruebe la normativa que garantice la autodeterminación de género.
Costas
Contra el hotel de La Tejita y su mundo: rastros de una lucha ganada

Las que aquí hablan son solo unas pocas voces de las miles que gritaron en La Tejita. El texto bien podría ser anónimo. Esperamos recoger parte del sentir común.