Opinión
Tellado, o maquinador
Non sería un disparate aventurar que o noso home, subxugado por unha pregunta atravesada, embate dun xornalista destemido, se vise obrigado a cumprir esa fantasía tan conservadora de poñer fin a unha rolda de prensa mandando pasar os antidisturbios.

Obsérvase en Miguel Tellado un atributo moi estendido entre as xentes de orde, ese lustre facial que converte a súa idade nunha incógnita, nadando entre dúas augas, e nos deixa coa dúbida de se aínda están no colexio maior ou presiden xa un consello de administración. Trátase dunha cualidade, acompañada dun mirar calibrador e inquisitivo, que revela a profunda satisfacción de quen sabe que nunca lle pasará nada se vai dereitiño polo seu rego, pero na que se adiviña esa inquietude anubrada propia dos cabezas de aparato cando ventan perigos no ambiente. Non sería un disparate aventurar que o noso home, subxugado por unha pregunta atravesada, embate dun xornalista destemido, se vise obrigado a cumprir esa fantasía tan conservadora de poñer fin a unha rolda de prensa mandando pasar os antidisturbios.
Pertence o secretario xeral do PPdeG á estirpe dos apoderados da dereita que semellan vivir ambiguamente escandalizados, na divisoria entre os mandamentos máis estritos da doutrina e unha disipación mal explorada, medio tráxica. Protexidos acotío detrás da carraspeira nerviosa e o sorriso incerto, sempre a medio gas, cuxa fraqueza delata unha adolescencia que lles negou o soño de seren delegados de clase. Coma se aínda non se recuperasen do susto daquel topless fallido de Rita Maestre no asalto á capela da Complutense, con exhibición de alegrías feministas e poderes clitorídeos, pero ao tempo quixesen experimentar o pracer de vela repetir unha actuación semellante na misa do peregrino, agochados nun recuncho coa expresión doente de Fernando Rey en Tristana cando relouca por Catherine Deneuve.
Pertence o secretario xeral do PPdeG á estirpe dos apoderados da dereita que semellan vivir ambiguamente escandalizados, na divisoria entre os mandamentos máis estritos da doutrina e unha disipación mal explorada, medio tráxica.
Ten Miguel Tellado sona merecida de competente polemista, hábil no corpo a corpo e flaxelo das esquerdas dispersadas. Se algún día se frustra o xúbilo electoral dos populares en Galicia, non debemos descartar que esa capacidade aniquilidora lle resulte útil para abortar a tentación dalgún imberbe liberal que pretenda usurparlle o cargo. Porque presenta este ferrolán maquinador un trazo frecuente nos galegos acentuados que consiste en presentir as intencións doutros individuos, renartes en similares proporcións, aos que por un casual sorprenden coa garda baixa. Así se entende que o imaxinemos nun futuro congreso do partido en Madrid, atopándose cun mozote que lle lembra camiños andados, mentres advirte nas súas maneiras aquilo que pensaba un personaxe de Bieito Iglesias cando recoñecía un galego en terra allea: “Este olláparo vén daqueles estrumes”.
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!