Energía
O xigante da conserva proxecta dúas centrais de bombeo na Groba: “Os riscos son imprevisibles e inasumibles”
Dous proxectos, un só promotor, unha mesma costa. Fonte das Mañas, en Oia, e Portocelo, no Rosal, son os nomes que a filial enerxética do grupo conserveiro Jealsa, Beltaine Renewable Energy, puxo ás súas dúas centrais hidroeléctricas reversibles de auga mariña proxectadas na Serra da Groba, en Pontevedra. Unha empresa, cómpre aclaralo, fundada polo xa falecido Jesús Alonso, histórico dirixente do PP na comarca do Barbanza.
Ámbalas dúas seguen o mesmo esquema: bombear auga do mar ata balsas construídas na parte alta do monte para despois turbinala e xerar electricidade cando conveña. Segundo a Plataforma Turonio, formada por colectivos sociais das comarcas do Val Miñor e o Baixo Miño, os dous proxectos acumulan preto de 50.000 alegacións en contra.
Dúas empresas, un deseño xemelgo
A documentación técnica revisada por colectivos como SOS Groba, o Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) e Salvemos Monteferro, xunto coas alegacións presentadas pola Plataforma Turonio, debuxan un patrón “difícil de atribuír á casualidade”.
As sociedades promotoras, Hidroeléctrica Fonte das Mañas SL e Hidroeléctrica de Portocelo SL, constituíronse o mesmo día, co mesmo socio único, Beltaine Renewable Energy. Os seus expedientes saíron a información pública con só cinco días de diferenza no Diario Oficial de Galicia; e as superficies de dominio público marítimo-terrestre que solicitan son practicamente idénticas.
Ademais, segundo denuncian as alegacións, varias das cifras técnicas que cada proxecto declara como propias —balsa superior, tubería de presión, subestación, central subterránea— coinciden decimal a decimal entre un expediente e outro, o que os colectivos interpretan como “indicio dunha reutilización documental non adaptada a cada emprazamento”.
Tramitalos por separado permitiría evitar tanto esa competencia estatal coma a avaliación conxunta dos efectos acumulativos que a lei esixiría
O documento de alegacións presentadas tamén sinala que a suma das dúas potencias declaradas —49,95 MW e 49,77 MW— supera os 50 MW que marca a Lei do Sector Eléctrico como límite a partir do cal a competencia deixa de ser autonómica para pasar ao Estado. Tramitalos por separado permitiría evitar tanto esa competencia estatal coma a avaliación conxunta dos efectos acumulativos que a lei esixiría.
As contas enerxéticas que non cadran
A costa entre Cabo Silleiro e a desembocadura do Miño está recoñecida oficialmente como Lugar de Interese Xeolóxico polo Instituto Xeolóxico e Mineiro de España, o mesmo tipo de valor que as escavacións e movementos de terra das balsas alterarían de xeito irreversible.
Doutra banda, a memoria de Portocelo recoñece a existencia de captacións de auga potable a uns 500 metros da balsa proxectada. Como resposta a un eventual risco de salinización propón unha desalinizadora de emerxencia e un aval económico cuxa cifra aparece sen cubrir na documentación exposta a información pública.
Bruno Centelles, voceiro do IEM e da Plataforma Turonio vai máis alá das alegacións administrativas para debullar a lóxica enerxética que hai detrás dos dous proxectos. Ao seu ver, tanto Fonte das Mañas coma Portocelo están conectadas, dun xeito ou doutro, coa subestación de Atios, no Porriño —a mesma á que apuntan varios dos proxectos eólicos mariños que se proxectan fronte ás costas da Guarda, o Rosal, Oia e Baiona—. “Está claro que forman parte dun megadeseño industrial interconectado do que nos van amosando pequenas pezas de vez en cando e segundo lles convén”, resume.
O que non se explica en ningures, engade, é de onde sairía a enerxía sobrante necesaria para bombear a auga. Falta saber, di, a que complexos eólicos está vinculada realmente cada central.
Centelles resume o problema con números sinxelos. Unha central de bombeo non produce enerxía, gárdaa. Cando sobra electricidade eólica, úsase para bombear auga cara arriba; despois, cando fai falta luz, solta esa auga e recupérase parte da enerxía gastada. “As centrais de bombeo funcionan cunha relación de dous; necesitan dúas unidades de enerxía para bombear auga e logo recuperar unha turbinando”, explica.
A iso hai que sumarlle outra perda, xa que un parque eólico só produce a plena potencia unha de cada catro veces, aproximadamente. Así que, para ter un megavatio dispoñible cando faga falta, hai que instalar catro de potencia eólica.
Aplicado ás dúas centrais da Groba, que xerarían uns cen megavatios entre as dúas, a conta dá vertixe: “Fai falta un parque eólico no mar para que esas dúas centrais de bombeo consigan devolver á rede cen megavatios. É un disparate”.
O voceiro de Turonio relaciona ademais a potencia declarada por cada expediente co límite legal dos 50 MW a partir do cal a tramitación pasaría ao goberno central. Por iso, sostén, ningún dos dous proxectos supera esa cifra por só uns décimos —49,95 e 49,77 MW—, o que permite que seguisen na órbita competencial da Xunta, “que curiosamente ten as competencias no litoral”.
A falta de eólica dispoñible nas proximidades para alimentar o sistema de bombeo pon de manifesto, segundo os colectivos, outra contradición de fondo. Os propios datos técnicos dos proxectos recoñecen que, para funcionar cunha orixe 100 % renovable, cada central necesitaría contar con entre o dobre e case o triplo da súa potencia en parques solares e eólicos. O problema é que esas instalacións non existen actualmente na zona.
Un risco para o abastecemento de auga potable
Os colectivos cuestionan tamén a viabilidade técnica do sistema polo uso de auga do mar nas instalacións de bombeo. “A corrosión derivada da utilización de auga salgada nos sistemas móbiles das estacións de bombeo é de difícil solución e moi custosa”, sinala Centelles. “Ademais, o seu almacenamento en altura pode provocar filtracións e danos nos acuíferos da contorna”.
O Concello de Oia tamén pon o foco no posible impacto do proxecto sobre o abastecemento de auga. Nas súas alegacións, advirte de que o municipio depende de acuíferos e microacuíferos cuxo funcionamento non está suficientemente estudado e sobre os que, segundo admite a propia alcaldesa, Cristina Correa, non se coñece con precisión como se distribúe a auga subterránea na zona.
A principal preocupación da rexedora é que a construción dunha gran balsa de auga salgada na parte alta do monte poida afectar estes recursos dos que depende o abastecemento municipal. A iso súmase a importante intervención que sería necesaria para transportar a auga desde o mar ata a balsa, nun terreo rochoso no que serían necesarias voaduras.
Para Correa, a combinación destes factores introduce un risco que o Concello non considera asumible: “As consecuencias dun proxecto destas características poderían ser imprevisibles e inasumibles. É inadmisible asumir un risco desta magnitude”.
Os colectivos ecoloxistas reclaman á Xunta que suspenda a tramitación dos dous expedientes ata aclarar se a competencia corresponde á Administración autonómica ou ao Estado.
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático ten agora que pronunciarse sobre dous expedientes presentados como proxectos independentes; pero que, segundo denuncian a veciñanza e os colectivos ecoloxistas, poderían formar parte dun macroproxecto industrial que aínda non foi avaliado no seu conxunto.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!