Elecciones
A esquerda gobernará en cinco das sete cidades galegas

As eleccións municipais en Galiza deixaron dúas sorpresas inesperadas en todas as enquisas. O Bloque Nacionalista Galego colócase como primeira forza de esquerdas na capital, Santiago de Compostela, e gobernará, con toda seguridade, co apoio do PSOE. A outra: o líder do populismo de Democracia Ourensá, Gonzalo Pérez Jácome, gaña as eleccións contra todo prognóstico e a pesar da publicación dos audios nos que se xactaba de saber como branquear diñeiro B.
En números absolutos, o Partido Popular gaña as eleccións na maior parte dos concellos galegos, pero é incapaz de gobernar as sete grandes cidades, con excepción de Ferrol. En total, o PP gañou case 50.000 votos en todo o territorio. Aínda que o gran vencedor é o BNG, que sumou outros 54.000 e 134 novos concelleiros. Por outra banda, o gran perdedor da noite é sen dúbida o PSdeG-PSOE: perde case 90.000 votos e déixase 171 concelleiros, cedendo máis espazo aínda ao BNG para as próximas autonómicas.
Xiro histórico en Santiago de Compostela
A líder do Bloque Nacionalista Galego en Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, gobernará con toda seguridade a capital de Galiza tras un xiro histórico nos comicios deste 28 de maio. O BNG ha sorpassado ao PSdeG-PSOE e colocouse como segunda forza con seis escanos, rompendo a posibilidade de gobernar do Partido Popular.
O actual alcalde e candidato á reelección, Xosé Sánchez Bugallo, anunciou a súa dimisión ao coñecerse os resultados. Non collerá a súa acta de concelleiro: “Creo que cómpre abrir unha nova etapa política en Santiago na que eu xa non estarei. A miña intención é non tomar posesión na nova corporación. Rematarei ou meu mandato o 16 de xuño”. Será a primeira vez que os nacionalistas do BNG accedan ao Goberno da capital galega, onde só actuaran como forza necesaria para os gobernos do PSOE.
Pontevedra queda en mans do BNG: o sétimo mandato de Lores
O nacionalista do BNG, Miguel Anxo Fernández Lores, seguirá sendo alcalde ata polo menos 2027, e sumará case 28 anos gobernando a cidade de Pontevedra. Do mesmo xeito que aconteceu os anteriores comicios, Lores necesitará o apoio do PSOE para gobernar. Para iso terá dúas opcións: integrar no seu Goberno local Partido Socialista ou tamén poderá pactar o apoio nos plenos municipais. Os 9 concelleiros que cultivou nestas eleccións permitiranlle de novo liderar as negociacións co PSdeG que quedará con 5 concelleiros.
Na súa comparecencia pública, unha vez terminado o reconto de resultados, Lores asegurou que os pontevedreses queren que siga gobernando a cidade, tras 24 anos á fronte de consistorio. Pero recoñece o desgate: “Queren que o faga moito mellor”. “Que estean tranquilos os cidadáns, que lles vou facer caso á súa recomendación e tentarei facelo cada vez mellor”, recoñeceu tras agradecer o apoio nas urnas.
Abel Caballero revalida a maioría absoluta, pero toca teito
Cúmprese todo o previsto na cidade máis grande de Galiza. Abel Caballero alcanza unha ampla maioría absoluta, con 19 actas, que lle permitirá volver gobernar a cidade durante outros catro anos. Con todo, o candidato socialista parece tocar teito: a súa formación cede sete puntos e un concelleiro en relación con 2019.
“Non hai precedentes en toda España dun resultado así, só Vigo fai catro anos”, manifestou Caballero ao comparecer ante a prensa entre aclamacións dos seus apoderados e apoderadas. Tras 16 anos consecutivos gobernando en Vigo, parece que o barón socialista comeza a padecer unha erosión, aínda que vigueses e viguesas volveron a apostar por el no 60% das papeletas.
A Coruña: a división sepulta aos partidos á esquerda do PSOE
A Coruña converteuse no exemplo de como non debe comportarse a esquerda. O balance é moi negativo para a esquerda transformadora na segunda cidade de Galiza. As cidadás da Coruña castigaron a división interna no espazo político liderado pola Marea Atlántica no seu momento, deixando fóra do consistorio tanto á Marea Atlántica como á coalición na que participaban os seus antigos socios de Podemos e Esquerda Unida. “Fixemos unha campaña en positivo, cun proxecto de cidade no que cremos, beneficioso para A Coruña. A cidadanía non o viu así. Os resultados son pésimos, sen paliativos, un contexto de fortalecemento dá dereita e retroceso dás forzas progresistas. Asumimos o ditame”, explicou o líder da Marea Atlántica, Xan Xove.
En cambio, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, revalida o seu mandato. Cualificou como un “aval” á xestión dos socialistas os resultados obtidos nestas eleccións municipais, cun incremento de concelleiros, de 9 a 11, e coa opción de gobernar o que lle esixirá un acordo co BNG, que pasa de dous a catro, e cun PP como a lista máis votada, con 12 edís.
Ourense premia a presunta corrupción de Jácome
Ao actual alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, non lle afectaron o máis mínimo os audios publicados nos que alardeaba de saber como branquear diñeiro en B. Democracia Ourensá, o seu partido populista de dereitas, gañou as eleccións con 10 concelleiros. Pasa de ser terceira forza a primeira subindo un total de 3 concelleiros. Un dato chave para unha lectura provincial e que pon en dúbida se o Partido Popular poderá manter ou non a Deputación de Ourense do clan dos Baltar.
Na súa comparecencia #ante os medios, Gonzalo Pérez Jácome mostrouse interesado en volver a unha segunda etapa á fronte do Concello: “Gustaríame un mandato 2023-27”. Cualificou a campaña de “tremendamente dura”, pero vangloriouse de que “Ourense gritou”. Sobre a representación na Deputación de Ourense, asegurou que subirán un deputado e pasarán de dous a tres.
Lugo mantense en mans do PSOE co apoio do BNG
A socialista Lara Méndez reterá a alcaldía de Lugo se reedita o seu pacto co BNG do seu actual tenente de alcaldesa, Rubén Arroxo. PSOE e BNG sacaron exactamente os mesmos resultados de 2019 ao lograr 8 e 5 edís, respectivamente. O que fai que o PP de Elena Candia quede ás portas de lograr o goberno ao rozar coas súas 12 actas a maioría absoluta, fixada en 13. Os populares quedan cos dous edís que perde Cidadáns, quen, con Olga Louzao á cabeza, desaparece da corporación da capital luguesa e de toda Galiza.
O Partido Popular só gobernará en Ferrol
Aínda que o Partido Popular gañou con diferenza as eleccións municipais en Galiza, só gobernará unha das sete grandes cidades: Ferrol. Polo que José Manuel Rey Varela converterase no próximo alcalde da cidade. Conseguiu a maioría absoluta con 13 concelleiros, fronte a 7 concelleiros do PSOE, 3 do BNG e 2 de Ferrol en Común. Rey Varela logrou o seu obxectivo tras dúas eleccións municipais perdidas. Agora, conta cun amplo respaldo por parte dos ferroláns e ferrolás para poder gobernar sen depender de ningún voto doutras formacións.Elecciones
Abel Caballero riega con 2,5 millones de euros a medios afines a semanas de las elecciones
Elecciones
Ourense e a gaiola conservadora
Elecciones
El alcalde de Ourense alardea en un audio de saber cómo blanquear dinero para la campaña
Elecciones
Lugo e a agropolítica: o progreso máis alá da metrópole
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!