A Tribo do Milladoiro: cando a mocidade cambia a mirada para transformar o futuro

A campaña impulsada por Agareso dá voz á mocidade do Milladoiro para desmontar estereotipos, reivindicar a diversidade e demostrar que cambiar a mirada é o primeiro paso para construír un futuro máis inclusivo.
Tribo Milladorio
Participantes do programa impulsado por Agareso.
18 jul 2026 05:30

A mocidade do Milladoiro decidiu responder aos estereotipos coa mellor ferramenta que ten ao seu alcance: a súa propia voz. Ese é o espírito de A Tribo do Milladoiro, un proxecto de comunicación participativa impulsado por Agareso en colaboración co IES do Milladoiro, que converte un grupo de adolescentes en protagonistas dun relato alternativo sobre a súa comunidade.

Tras máis de seis meses de traballo, 24 mozos e mozas elaboraron curtametraxes, campañas de sensibilización e pezas audiovisuais nas que reflexionan sobre a diversidade, a convivencia, a identidade e os discursos de odio. O proceso foi moito máis alá da aprendizaxe técnica: significou un espazo para dialogar, coñecerse, cuestionar prexuízos e construír colectivamente unha mensaxe positiva sobre o lugar onde viven.

A iniciativa culmina agora coa campaña “Se cambias a mirada, verás o futuro”, protagonizada por once integrantes da Tribo. A través de retratos de gran formato e frases creadas polas propias rapazas e rapaces, a campaña invita á cidadanía a abandonar os tópicos que adoitan asociar barrios periféricos e diversidade cultural con conflito ou inseguridade. Pola contra, reivindica que a mestura de culturas, experiencias e identidades é unha fortaleza e unha oportunidade para construír unha sociedade máis cohesionada.

Mensaxes como “A periferia está chea de vida”, “Ser diferente non é malo” ou “A mestura está en todas nós” sintetizan unha idea sinxela pero poderosa: o futuro constrúese desde a convivencia e o respecto mutuo. A campaña propón cambiar o punto de vista, mirar máis alá dos prexuízos e escoitar directamente ás persoas novas, que reclaman ser recoñecidas non como un problema, senón como parte da solución.

O proxecto nace tamén dunha reflexión crítica sobre a imaxe pública do Milladoiro. Nas primeiras fases, centos de estudantes do instituto participaron en dinámicas para analizar como se representa a súa localidade nos medios de comunicación e cal é a percepción que existe sobre ela. As conclusións serviron como punto de partida para crear contidos que ofrecen unha visión máis plural, realista e esperanzadora da contorna.

A Tribo do Milladoiro tenta demostrar así o potencial da comunicación como ferramenta de transformación social. Ao poñer a cámara e o micrófono nas mans da mocidade, o proxecto non só combate estereotipos, senón que fortalece o sentimento de pertenza, fomenta o pensamento crítico e promove unha cidadanía máis participativa.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...