Educación
Ruídos, cheiros e falta de EPIs: o profesorado do CIFP Manuel Antonio denuncia a falta de seguridade nas obras do centro
O profesorado do CIFP Manuel Antonio, o maior centro de Formación Profesional de Galiza, leva desde o inicio do curso denunciando unha situación que cualifican de “insostible”. As obras de impermeabilización das cubertas coincidiron co inicio do curso e, segundo aseguran, están a desenvolverse sen cumprir as condicións mínimas de seguridade establecidas pola Lei de prevención de riscos laborais. O equipo docente insiste en que non se opón ás reformas, mais considera imprescindible que estas se realicen “con seguridade, planificación e respecto polas condicións de traballo e aprendizaxe”.
Profesorado, alumnado e persoal non docente —preto de 2.000 persoas— traballan entre ruídos por riba do permitido, caída de escombros, po en suspensión e fortes cheiros. A comunidade educativa alerta de que a situación está a afectar a saúde, a aprendizaxe e o normal desenvolvemento da docencia práctica. “Estamos oito horas todos os días expostas a poeiras, escombros, cheiros, alcatrán... Non sabemos ben a que estamos sometidas”, resume o profesorado.
Os problemas acumúlanse: aulas pechadas, materiais estragados e equipos de laboratorio danados polos cortes eléctricos provocados pola obra. Según afirman, segue a chover en moitos puntos do edificio e calculan perdas de miles de euros en equipamento especializado. Ademais, denuncian a presenza de residuos tóxicos, como tubos fluorescentes, abandonados sen sinalización nin control.
O profesorado asegura que segue sen acceso ao plan de prevención de riscos nin ao libro de obra, dous documentos básicos para coñecer o impacto real das intervencións. Explican que foi necesario recoller sinaturas para forzar a convocatoria dun claustro extraordinario, xa que a dirección non tiña previsto informar sobre a situación. Durante esa reunión, celebrada hai tres semanas, a dirección comprometeuse a solicitar o informe de riscos, pero desde entón non recibiron resposta.
Mentres tanto, docentes e alumnado permanecen cada día nas aulas expostos a po e fortes cheiros a alcatrán, sen saber que medidas de protección deberían adoptar. Segundo afirman, non se lles está a fornecer ningún tipo de EPI, malia que os operarios da obra si empregan máscaras.
O profesorado solicita á Consellería de Educación e á Unidade Técnica responsable da obra unha avaliación urxente da situación por parte dos servizos de prevención, a entrega de toda a documentación relativa a riscos laborais e información transparente e regular sobre o estado dos traballos e os prazos previstos.
Tamén reclaman un plan alternativo que garanta o desenvolvemento das clases prácticas, así como unha dotación económica extraordinaria para reparar o equipamento danado e depurar responsabilidades polos danos causados. “Non contamos cunha previsión de onde temos que dar as aulas ao día seguinte”, explican. “A redistribución das aulas estase a facer nun espazo moi pequeno onde as aulas non están habilitadas para grupos tan numerosos”.
O vindeiro martes, 4 de novembro, está convocada unha nova concentración na entrada principal do CIFP Manuel Antonio para reclamar condicións de seguridade mínimas e transparencia sobre o avance das obras.
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!