O que nomeamos: o colexio compostelán que quere ser Almáciga

Un colexio, dous anos de proceso participativo, trece votos unánimes no Consello Escolar e once mans levantadas no pleno municipal para dicir que non. O CEIP Apóstolo Santiago de Compostela quería chamarse Almáciga, como o seu barrio. Esta é a historia de por que non puido.
Mural CEIP Apóstolo Santiago (Almáciga)
Un mural pintado nunha das fachadas do CEIP (imaxe cedida por Miguel López)
26 mar 2026 05:30

almácega (portugués)
Definición

al.má.ce.gaaɫˈmasəɡɐ
nome feminino 

tanque que recebe a água da nora ou da chuva

almáciga (español)
Definición

Del ár. hisp.almásqa,y este del ár. clás.masqāh'depósito de agua'.
f. Lugar donde se siembran y crían los vegetales que luego han de trasplantarse.
Sin.: semillero, almácigo2, plantario, vivero, hoya.

Os nomes non son só nomes. Cando se lle chama a unha rúa ou a unha praza dun xeito determinado, estase escollendo aquilo que se busca que permaneza na memoria das persoas que crucen eses mesmos lugares. Por esa razón, que nome lle damos a aquilo que nos rodea di moito de nós como sociedade.

Esta non é unha idea nova. Os pescadores adoitaban poñerlle nome ás pedras nas que sabían que había mellor peixe, ata a máis minúscula das aldeas ten un nome propio para poder atopala nun mapa, e cando se crean debates na actualidade sobre se retirar ou non o nome dun xeneral franquista das nosas rúas, estase facendo o mesmo: escoller que visión do mundo é a que queremos que se manteña no tempo e no espazo.

A unha conclusión semellante é a que chegaron tamén nun centro público de Santiago de Compostela, o que aínda leva por nome CEIP Apóstolo Santiago. Este colexio érguese nun dos outeiros que rodean Compostela polo sur, nesa parte da cidade onde os edificios van cedendo espazo ás hortas e onde semella que a urbe aínda non esqueceu que hai non moito era campo. O centro pertence ao barrio da Almáciga, un barrio que durante décadas foi o de fóra, o que quedaba máis aló do centro turístico e das rúas empedradas, esquecido como a orixe do seu nome, único en Galiza. E é precisamente este nome o que centra esta historia.

Un colexio público recuperado contra o estigma

“Este colexio vén xa de moita loita das directivas de ANPAs anteriores porque hai anos o ían pechar por falta de alumnado”. Yeya Gilino, Julio Negueruela e Xoana Almar son algúns dos integrantes da comisión polo cambio de nome da ANPA. Eles contan como este colexio estivo rodeado do estigma racista de ser “o barrio dos xitanos”, o que facía que moi poucas familias inscribiran nel ás súas fillas e fillos.

“É un barrio e un cole con moita diversidade e moita cultura. Hai familias de todo tipo, algo que é moi positivo pero que non sempre se viu así”, conta Yeya Gilino. “O que aconteceu é que, ante o estigma, comezouse a encher de familias súper implicadas na educación das súas crianzas. Como todas, non? Pero para min o que destaca neste cole é a cooperación entre as partes para buscar a mellora da educación do alumnado. Todo o que non cubre o centro por falta de medios, dende a ANPA conséguense os recursos necesarios para levar a cabo actividades e cubrir a conciliación, etcétera. Penso que moitas das persoas que escollen este cole toman a decisión por este feito”.

O traballo da ANPA deste CEIP conseguiu, tras anos de traballo, unha maior implicación das familias e unha mellora na educación en valores como o feminismo, o pensamento crítico, a importancia do galego e da cultura tradicional.

Esta apreciación é a que ten tamén o director do centro, Luís Martínez, que defende que o colexio vai cada vez mellor. “As familias están moi contentas, cada vez hai máis pais e nais que queren traer aquí as súas crianzas”, conta Martínez. “É un colexio que fai moitas cousas polo barrio”.

O traballo da ANPA deste CEIP conseguiu, tras anos de traballo, unha maior implicación das familias e unha mellora na educación en valores como o feminismo, o pensamento crítico, a importancia do galego e da cultura tradicional. A comisión conta como os nenos e as nenas chegan a pedir disfrazarse de boteiro para o entroido. Tamén destacan a celebración de actividades que xeran un forte vínculo co barrio con proxectos como o Magóstolo ou Medrando en Igualdade.

—É que ao final dende os referentes pódense traballar moitos temas co alumnado, por iso é importante pensar en que personaxes e símbolos destacamos nos centros públicos desta cidade, —comenta Xoana Almar.

—Cos referentes consegues iso, que o centro forme parte de algo máis, que se sinta o latexar da comunidade —engade Julio Negueruela.

—E tecer redes —di Yeya Gilino. —Que ao final iso é moi político porque permite coñecerse e ver que aquí hai un barrio que quere organizarse e facer cousas. E o cole é unha peza máis de todo isto.

—E de aí, en parte, vén a idea do nome —rematan.

Un nome que vén de lonxe

Dende a comisión polo cambio de nome da ANPA explican que, ao contrario do que pensan algunhas das partes que aseguran que esta foi unha decisión precipitada, en realidade a semente do cambio de nome naceu hai máis de cinco anos, xusto antes da pandemia provocada pola Covid-19.

“Hai dúas directivas da ANPA, no ano 2019, houbo un grupo motor que xa fixo un primeiro intento para cambiar o nome. Nese momento pensaron no CEIP Almáciga como un intento de resignificar o barrio e rematar co estigma”, asegura Julio Negueruela. “Fixeron un estudo e levárono ao Consello Escolar como información, pero chegou a pandemia e, entre unha cousa e outra, acabou desinchándose e este primeiro cambio quedou en nada”.

Foi despois deste intento inicial cando esta nova ANPA comezou a pensar en mudar de novo o nome do centro, alegando, entre outras cousas, que Santiago Apóstolo ten “saturación simbólica na cidade e non aporta valor distintivo nin identidade local”.

Foi despois deste intento inicial cando esta nova ANPA comezou a pensar en mudar de novo o nome do centro, alegando, entre outras cousas, que Santiago Apóstolo ten “saturación simbólica na cidade e non aporta valor distintivo nin identidade local” a un centro que quere xusto ter unha forte vinculación co lugar no que se enmarca.

Dende a comisión explican que Almáciga ten ademais varios significados posibles. A orixe máis probable do nome remite ao portugués almácega, que designa un depósito onde se recolle a auga da chuvia. A palabra viaxou polo castelán almáciga, que tamén significa sementeiro ou viveiro, e antes polo árabe hispánico almásqa, derivado do árabe clásico masqāh, 'depósito de auga'. Un significado que non é casual: no monte da Almáciga aínda existe hoxe un depósito de auga municipal. “E para un cole son significados marabillosos”, recalcan dende a comisión.

Con todo, a idea de cambiarlle o nome ao centro non naceu directamente con “Almáciga”. Durante o curso 2024-2025, a comisión da ANPA traballou nun nome combinado: CEIP da Almáciga - Luz Fandiño, que unía o topónimo do barrio co legado dunha poetisa compostelá emigrante e activista que faleceu en abril de 2024. A proposta gañou nunha asemblea da ANPA con 18 votos, pero non acadou a maioría necesaria no Consello Escolar, onde só conseguiu 5 votos de 13. Lonxe de impoñela, volveron ao principio. Abriron un novo proceso de consulta, recolleron firmas durante tres meses entre familias, asociacións veciñais e tecido asociativo do barrio, e acadaron o apoio do 70% das familias do centro. O nome que emerxeu como consenso foi simplemente Almáciga, que desta vez si saíu por unanimidade no Consello Escolar con 13 votos a favor e ningún en contra.

O Consello Escolar é o máximo órgano de participación e goberno nos centros educativos públicos. Agrupa a representantes de toda a comunidade educativa: profesorado, familias, alumnado, persoal de administración e Concello, para debater e tomar decisións sobre o centro. É o órgano democrático que representa á comunidade educativa.

“É moi importante destacar que a votación a favor no Consello Escolar foi unánime e que na ANPA tamén estaban de acordo. É que nas nosas asembleas non somos catro, a nosa ANPA é moi activa e aglutina a preto da metade das familias do cole", comenta Xoana Almar.

“É moi importante destacar que a votación a favor no Consello Escolar foi unánime e que na ANPA tamén estaban de acordo”, comenta Xoana Almar. “Nas nosas asembleas non somos catro, a nosa ANPA é moi activa e aglutina a preto da metade das familias do cole. Pero é que ademais, durante tres meses, a comisión recolleu firmas entre o resto de familias, asociacións veciñais e tecido asociativo do barrio, acadando o apoio do 70% do total. Todo isto amosou que o resto das familias tamén estaban a favor de xeito maioritario”.

Para a comisión, todo isto lle dá aínda menos sentido ao que aconteceu despois. Eles explican que cambiar de nome a un centro educativo debería ser un trámite sinxelo unha vez que existe consenso no colexio que o propón, que é a parte máis complicada. Con todo, unha vez conseguido este consenso, acadar a aprobación por parte do concello e da Consellería de Educación debería ser só un trámite. Algo que non aconteceu neste caso.

Cando o proceso transfórmase en loita política

Julio Negueruela conta que o 26 de febreiro de 2026, cando se estaba votando no pleno o cambio de nome do CEIP polo que levaban máis de dous anos traballando, el estaba vendo o proceso en directo co teléfono móbil dende un autobús coa boca aberta.

Segundo o Decreto 374/1996, o procedemento para cambiar o nome dun colexio público é claro: o Consello Escolar formula a proposta, o Concello emite un informe técnico favorable, e a decisión final corresponde á Consellaría de Educación.

Segundo o Decreto 374/1996, o procedemento para cambiar o nome dun colexio público é claro: o Consello Escolar formula a proposta, o Concello emite un informe técnico favorable, e a decisión final corresponde á Consellaría de Educación. Non hai marxe para o debate político cando o Consello é unánime. É, nas palabras do director Luis Martínez, “un trámite administrativo que debería ter sido simplemente iso”. Pero non o foi.

“O noso erro foi levar a decisión do Consello a pleno a través da nosa representante, María Rozas”, explica Negueruela. “Podiamos ter pedido un informe técnico favorable do Concello, pero ao levalo a pleno, a oposición meteuse e debateuse un nome que xa estaba decidido. O que debería ter pasado é que o Concello nos dera ese informe e de alí continuaría o trámite ata a Consellaría de Educación. Eles non tiñan que ter entrado a valorar nada”.

Unha vez no pleno, o PP utilizou o debate para presentar o cambio de nome como unha decisión política do BNG, ignorando que a proposta nacera da propia comunidade educativa e facendo unha campaña en contra en medios semanas antes da votación. Cando esta chegou, os once votos do partido que goberna Compostela foron suficientes para bloquear que o expediente chegase á Xunta. Votaron a favor o BNG, o PSOE e Compostela Aberta, dez votos en total. Os catro concelleiros non adscritos, cos que a comisión di que mantivera conversacións previas, abstivéronse.

O portavoz do PP, Borja Verea, xustificou o voto en contra apelando á identidade da cidade. A comunidade educativa, porén, non entende ese argumento.

O portavoz do PP, Borja Verea, xustificou o voto en contra apelando á identidade da cidade. A comunidade educativa, porén, non entende ese argumento. “Como se Almáciga non fose tamén un símbolo de Compostela”, di Xoana Almar. “Ademais de que a identidade desta cidade non pode depender do nome dun colexio de primaria”.

Pero foi a intervención do concelleiro non adscrito Gonzalo Muíños unha das que xerou máis controversia. No pleno, Muíños propuxo nomes alternativos para o centro, algo que para a comisión foi especialmente grave porque dá por feito que o proceso de dous anos non existiu. “Foi unha falta de respecto absoluta”, di Yeya Gilino. “E é crerse con dereito a opinar sobre como se ten que chamar un colexio cando hai un proceso exemplar detrás”, engade Negueruela.

Nunha conversa posterior con Gonzalo Muíños, este defendeu a decisión de absterse alegando que o cambio de nome non é tan importante. “Eu teño preto de cincuenta e sete anos e sempre utilicei os dous: ás veces dicía pavillón da Almáciga, outras veces Apóstolo Santiago”, comenta. “Non vexo o problema”.

Muíños cuestionou tamén a representatividade do proceso. Para el o traballo da ANPA e moi respectable e positivo, pero cuestiona que trinta e oito persoas nunha asemblea sexan suficientes para tomar unha decisión dese calado. Algo ao que a comisión respondeu chamando á representatividade tanto da ANPA como do Consello Escolar.

“Os centros públicos non funcionan mediante referendos permanentes, senón a través de órganos representativos, que é o mesmo criterio que lexitima o Pleno municipal, onde 25 concelleiros toman decisións para máis de 100.000 persoas”, comentan desde a comisión. “Ademais, como xa repetimos varias veces, si se consultou: houbo enquisas, asembleas abertas, recollida de firmas e dous cursos escolares de proceso participativo”.

Ante o cuestionamento tamén da lexitimidade do Consello Escolar por ser unha representación temporal, a resposta da comunidade é simple: toda representación democrática é temporal. Cambian os gobernos, cambian os concellos e cambian tamén os consellos escolares.

Pola súa parte, Muíños insiste en que lle dá mágoa que o maior debate dos últimos anos nos centros educativos da cidade sexan ao redor dun nome, cando hai problemas moito máis urxentes como a falta de mantemento ou de profesorado. A comunidade educativa do CEIP non lle dá a razón, alegando que levan anos buscando mellorar o mantemento e a calidade educativa do centro.

Mentres, o PP argumentou no pleno que aprobar este cambio pode abrir a porta a que se modifiquen os nomes doutros colexios. Un medo que tanto a comisión como o director do centro, Luís Martínez, non entenden.

“Hai colexios que fixeron cambios de nome, incluso co PP no goberno, e non pasou nada”, sinala Luis Martínez. “Está claro que isto tivo unha intención política”.

“Hai colexios que fixeron cambios de nome, incluso co PP no goberno, e non pasou nada”, sinala Luis Martínez. “Está claro que isto tivo unha intención política”.

Son varios os exemplos de centros que cambiaron a súa nomenclatura nos últimos anos sen maior polémica. En 2020, o CEIP Príncipe Felipe de Pontevedra, pasou a chamarse CEIP Daría González García, o nome dunha mestra republicana e galeguista. Este cambio provocou unha protesta por parte de Vox, pero a Xunta acabou aprobando o cambio. En 2023, o CEIP Nosa Señora de Lourdes de Mondariz-Balneario converteuse en CEIP Mondariz-Balneario, e o CEIP Manuel Mallo Mallo de Nadela pasou a chamarse CEIP de Nadela. En 2024, en Ponteareas, municipio gobernado polo PP con Nava Castro como alcaldesa, o CEIP Nosa Señora dos Remedios pasou a chamarse CEIP As Veigas. Todos eles, trámites administrativos que chegaron á Consellaría, que os resolveu, e que non xeraron ningún debate político.

O que quedou claro tras o pleno é que o Concello de Santiago non exerceu a función que lle corresponde por lei, senón outra distinta. Como sinala a propia comunidade educativa, o que se fixo non foi só debater e votar, senón bloquear que o procedemento chegase á instancia competente. E iso, como apuntan desde a comisión, leva a unha pregunta difícil de responder: se o nome é tan secundario como afirman, por que bloquear un trámite legal?

O cole da Almáciga, pese a quen lle pese

O 26 de febreiro de 2026 o pleno votou que non, pero a comunidade educativa do CEIP Apóstolo Santiago non interpretou o resultado como un punto final. ”Isto non morre aquí nin moito menos“, di Xoana Almar. “Se un Consello Escolar de xeito unánime decide cambiar o nome do seu centro, debería aceptarse sen máis”, engade Luis Martínez. ”Se é o que quere a xente, pois é o que quere a xente“.

O que comezou como un simple trámite administrativo converteuse nunha loita pola democracia en Compostela. E o bloqueo acabou por facer máis polo nome que calquera cambio silencioso podería ter feito.

O que comezou como un simple trámite administrativo converteuse nunha loita pola democracia en Compostela. E o bloqueo acabou por facer máis polo nome que calquera cambio silencioso podería ter feito.

Mentres, no cole, o nome xa mudou. Moitas das persoas implicadas, tanto dentro como fóra da escola, chámanlle Almáciga, mesmo as crianzas. Na manifestación do pasado 8 de marzo en Compostela, unha alumna do centro tomou o micrófono e presentouse como ”unha nena do cole da Almáciga“. Unha afirmación á que alguén engadiu: ”pese a quen lle pese". No último encontro pola lingua de Queremos Galego, tamén se mencionou ao centro como CEIP Almáciga.

O pasado 18 de marzo, a ANPA convocou unha asemblea xeral para decidir os seguintes pasos. A comunidade chega unida e con rabia, pero tamén coa seguridade de quen ten moi claro o seu proxecto.

“Ao final, non só está en xogo un nome. Está en xogo o respecto á vontade democrática dunha comunidade educativa”, din dende a comisión. “E iso non se negocia”.

Pode que o nome siga sendo CEIP Apóstolo Santiago nos papeis. Pero no barrio, nos corredores e na boca das nenas e dos nenos que o habitan cada día, o cole xa ten outro nome. Almáciga.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...