Milleiros de docentes escenifican en Galiza o “enterro” do ensino público tras cinco días de folga

Protestas multitudinarias en Santiago e Vigo forzan a Consellería de Educación a mover ficha con anuncios sobre a baixada de ratios en secundaria e a recuperación do horario lectivo, mentres o profesorado mantén a presión na rúa.
folga ensino 12/25
Manifestación en defensa do ensino público en Santiago de Compostela este mércores. Foto: CIG.
18 dic 2025 12:59

Milleiros de docentes protagonizaron este mércores en Santiago de Compostela unha multitudinaria manifestación coa que simbolizaron o “enterro” da educación pública galega, no marco do quinto día de folga desde o inicio do curso 2025-2026. A protesta partiu do Parlamento de Galiza e finalizou fronte ao complexo administrativo de San Caetano, sede da Xunta, nunha marcha marcada por unha potente escenografía fúnebre e por mensaxes que combinaron a denuncia dos recortes cun balance dos avances arrincados á Consellería de Educación logo de tres meses de mobilización sostida.

Precedidos por unha comitiva fúnebre, con féretros, velas, esquelas, crespóns negros e cabezudos do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, os manifestantes realizaron paradas simbólicas para gardar minutos de silencio “en recordo da educación pública”. Durante a marcha coreáronse consignas en defensa do sistema público e contra a política educativa do Goberno galego.

A mobilización foi convocada por CIG-Ensino e STEG e enmárcase nunha folga de 48 horas que, segundo as organizacións sindicais, está a ter un seguimento maioritario, fronte á cifra do 10,03 % facilitada pola Consellería. As protestas coinciden, ademais, co período de avaliacións, unha circunstancia que o departamento autonómico criticou duramente e que os sindicatos defenden como consecuencia directa da falta de negociación.

Avances tras a presión do profesorado

No acto final, as representantes sindicais quixeron subliñar que a presión exercida polo profesorado xa tivo efectos concretos. A secretaria nacional de CIG-Ensino, Laura Arroxo, recordou que Educación anunciou o adiantamento da negociación para a baixada de ratios en secundaria e que o próximo curso haberá novidades en relación coa recuperación do horario lectivo.

Segundo Arroxo, estas medidas supoñen unha emenda ao acordo firmado hai dous anos con organizacións minoritarias e son froito directo da mobilización. “Son avances conseguidos pola presión protagonizada polo profesorado”, defendeu, insistindo en que en apenas tres meses de protestas se logrou máis que nos dous anos transcorridos desde a firma do acordo.

O manifesto lido ao final da marcha puxo o acento na “recuperación da dignidade profesional” do profesorado, unha dignidade que, segundo denunciaron, foi erosionada por anos de recortes e desprestixio institucional. As organizacións convocantes destacaron que, aínda que ese recoñecemento aínda non chega desde a administración, si o fai desde a sociedade, especialmente desde as familias e o alumnado, que mostraron o seu apoio ás reivindicacións.

Apoio de ANPA, alumnado e unidade docente Durante as dúas xornadas consecutivas de folga produciuse unha notable presenza de ANPA nas mobilizacións, a pesar de celebrarse en horario de mañá, así como o respaldo explícito de parte do alumnado, consciente de que a protesta busca garantir unha educación e unha atención de calidade.

As representantes sindicais subliñaron que un dos principais logros deste ciclo de mobilizacións foi a unidade do profesorado. “Fomos quen de rachar as paredes dos centros para levar as nosas demandas á rúa, aos medios e ás conversas cotiás”, sinalaron, destacando que tanto para quen participou activamente como para as propias organizacións sindicais existe un antes e un despois destas folgas.

Tamén denunciaron os intentos da Consellería de dividir ao colectivo e de responsabilizalo do malestar xerado durante as avaliacións. “Por moito que lle pese á Consellería, seguimos aquí en pé”, engadiron.

Punto e seguido nas mobilizacións

Aínda que a escenificación foi a dun enterro, a mensaxe final foi de continuidade. As responsables de CIG-Ensino e STEG animaron a entender estas mobilizacións como un “punto e seguido”, tras lograr que a Consellería reaccione, a pesar de negarse a negociar coas organizacións maioritarias e optar por facelo con sindicatos minoritarios.

Lonxe da propaganda institucional e das fotos de firmas de acordos, os sindicatos defenderon que o desenvolvemento real do acordo educativo está sendo condicionado pola mobilización do profesorado “nunhas condicións moi adversas, pero coa forza da razón”.

Entre os obxectivos pendentes, enumeraron a recuperación do horario lectivo, o pago do verán ao persoal substituto, complementos salariais, fondo de acción social, licenzas por formación retribuídas, a redución de ratios e o reforzo de persoal para atender á diversidade. “Porque é de xustiza e porque garante unha sociedade igualitaria, inclusiva e diversa”, concluíron antes de pechar o acto con unhas coplas dirixidas ao conselleiro Román Rodríguez.

Protestas tamén en Vigo As mobilizacións estendéronse a outras cidades galegas. En Vigo, decenas de docentes saíron á rúa para denunciar a “emerxencia na educación pública” e reclamar máis persoal e menos ratios. Desde CIG-Ensino cualificaron de “superinsuficiente” o acordo firmado en 2023 e advertiron de que a Xunta segue “pechada en banda” á negociación, a pesar de que se trata, segundo sinalaron, da mobilización máis importante na educación pública galega dos últimos 20 anos.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...