As escolas públicas galegas, ao límite: aulas sen apoio e profesorado esgotado polos recortes

As aulas en Galiza inician o curso 2025-2026 baixo mínimos. Anpas, mestras e sindicatos denuncian “unha situación insostible”: recortes de persoal, sobrecarga de traballo do profesorado e falta de especialistas en atención á diversidade.
mani educación santiago 13 sep 2025
Manifestación en Santiago de Compostela en defensa da educación pública. Foto: CIG.

Xoel, un mozo de 17 anos con TEA e hipoacusia severa, arrinca o curso sen o apoio que tiña garantido ata agora. Durante anos contou con cincuenta minutos semanais de Audición e Linguaxe, unha axuda clave para o seu desenvolvemento comunicativo. Este setembro, sen previo aviso, o recurso desapareceu por completo. A súa familia, como outras con fillos con necesidades educativas especiais, xa presentou reclamacións á Consellería de Educación.

O caso de Xoel é só un exemplo dunha situación máis ampla. Recortes de persoal, ANPAS asumindo competencias impropias e profesorado sobrecargado conforman a radiografía da escola pública galega neste inicio de curso 2025-2026. A sección de Ensino da CIG (Confederación Intersindical Galega), ven de convocar unha folga o vindeiro 25 de setembro; e advirte que será o primeiro chanzo dun ciclo de protestas contra a política de recortes do goberno galego. As denuncias do sindicato son múltiples: prazas sen cubrir, redución de especialistas en atención á diversidade, aumento das ratios, burocratización crecente e desaparición de programas de apoio.

Prazas desertas, claustros inestables

A folga chega nun contexto no que un terzo das prazas convocadas en oposición quedaron desertas. Dende a CIG salientan que o número de docentes en Galiza permanece conxelado nos 30.424 desde hai catro anos, unha cifra que incluso está por baixo da que recibira Feijóo ao chegar á Xunta en 2009.

As consecuencias nótanse nos centros. Nerea, mestra de infantil na Costa da Morte, describe un claustro esgotado. Este ano a praza de Educación Física no seu centro pasou a ser itinerante. “Antes, a mestra desta materia tamén dedicaba parte da súa xornada a reforzos noutros grupos. Agora, o centro perdeu esas horas de apoio.” A situación agravouse coa xubilación da responsable da biblioteca. “Ou pechamos a biblioteca ou non sabemos que facer”, admite, consciente de que ningún docente dispón das cinco horas de liberación necesarias para asumir esa tarefa mentres compaxinan gardas, coordinacións e actividades extraescolares.

A carga tamén recae sobre as especialistas de apoio. Das dúas mestras de pedagoxía terapéutica que había, queda só unha para 95 nenos que, ademais, é a secretaria do centro. Á falta de profesorado súmase a burocratización crecente. O exceso de papeleo multiplica o esgotamento: rexistros diarios, actas, trámites que consumen o tempo que debería dedicarse a preparar actividades e recursos. “Eu por exemplo son titora de infantil, coordinadora de ciclo, membro do equipo de biblioteca, levo o club de lectura e tamén son a responsable de comedor.” Un cúmulo de funcións que deixa pouco espazo para o esencial: dar clase.

Ademais, a inestabilidade do profesorado é unha das queixas recorrentes nos centros. Nerea explica que os constantes cambios impiden dar continuidade aos proxectos: “É moi difícil manter actividades se cada curso cambia o cadro docente”. Unha percepción que comparte Xela Arias, secretaria comarcal da CIG-Ensino, quen alerta de que esa falta de estabilidade repercute directamente na calidade pedagóxica e está a provocar un aumento exponencial das baixas por estrés entre o profesorado.

Atención á diversidade recortada

A redución de especialistas está a deixar sen apoio a boa parte do alumnado con necesidades educativas específicas. Nerea lembra que antes había dúas profesoras de pedagoxía terapéutica que reforzaban tanto dentro como fóra das aulas. “Traballaban con nenos con discalculias, dislexias ou TDAH, que tamén precisan axuda constante”, explica. Agora só queda unha para todo o centro, obrigada a centrarse exclusivamente nos casos con discapacidade recoñecida. Os demais, di, quedan desatendidos, mesmo cando teñen adaptacións curriculares.

O problema non é illado. No CEIP A Picota, en Mazaricos, as familias denuncian que a única mestra de Pedagoxía Terapéutica está compartida con outro centro, así como tamén a mestra de Audición e Linguaxe. “Incluso compartimos a orientadora cun colexio situado a quince quilómetros”, lamenta Matilde, nai da ANPA.

En Ribeira, a concelleira de Educación, Cruz Rivadulla, alerta de que o Colexio Público O Grupo só conta cun orientador para 400 rapaces. “Están tardando ata dous anos en confirmar casos de TEA ou TDAH”, explica. “Mentres non chegan os informes, non se poden activar os protocolos e os nenos quedan á espera.”

A Confederación de ANPAS Galegas confirma que o colapso dos equipos de orientación se converteu nun círculo vicioso. “Cómprelles moito tempo sacar as diagnosis porque non teñen persoal, e aínda que as saquen, despois non hai especialistas suficientes para atender aos nenos”, resume a súa presidenta, Isabel Calvete.

Araceli, mestra de infantil, engade outro exemplo: no seu centro ten un alumno estranxeiro que non fala galego nin castelán e que debería recibir apoio de Audición e Linguaxe, pero non hai horarios dispoñibles. “Priorízanse os nenos de primaria e infantil queda relegado, cando se interviñésemos antes evitaríamos moitas dificultades máis adiante.”

A desaparición da Rede de Acompañamento e Orientación persoal e familiar de Galiza (RAOGAL) supuxo outro golpe á atención ao alumnado máis vulnerable. En municipios como Mazaricos, onde moitas persoas migrantes chegan para traballar en explotacións gandeiras, o Raogal era especialmente necesario para garantir unha acollida digna nas aulas. Para Xela, da CIG-Ensino, a perda non afecta só á calidade educativa senón ao conxunto da sociedade: “sen programas de integración no ensino público é imposible construír unha convivencia real”.

ANPAS e Concellos asumen competencias alleas

Un dos efectos colaterais máis evidentes dos recortes na educación pública galega é o impacto nas ANPAS e nos concellos, que se ven forzados a asumir competencias que, en teoría, non lles corresponden.

Maika, presidenta da Federación ANPAS Costa da Morte, lamenta que as asociacións de pais e nais se convirtan en “empresas de administración”. Vense na obriga de xestionar desinteresadamente actividades de apoio, extraescolares e outras de conciliación como o servizo de madrugadores ou mesmo monitorado en comedores.

O Concello de Ribeira subvenciona aos colexios un monitor de forma gratuíta. “Estes cartos saen das partidas municipais cando realmente non é unha competencia do Concello,” explica Cruz Rivadulla. Como exemplo do desleixo por parte da Xunta, menciona o colexio de Olveira, que necesita unha reforma integral: un edificio de tres plantas sen ascensor nin de saídas de emerxencia, con importantes deficiencias estruturais. A dirección do centro e a ANPA, co apoio do Concello, levan dous anos reclamando actuacións sen obter resposta.

Dende a Confederación de ANPAS Galegas tamén denuncian problemas recorrentes cos servizos de transporte escolar. “A semana pasada no concello de Vilalba 11 nenos quedaron tirados sen praza no bus”, afirma Isabel. Esta falta de planificación e de recursos por parte da Xunta é un reflexo da desorganización xeral que impera na educación pública galega, agravada polas constantes reducións de persoal e recortes orzamentarios.

Entre 2015 e 2022, o gasto educativo en Galiza apenas medrou un 4,8 % en termos reais, fronte a unha media estatal do 12,6 %. Ademais, Galiza é, xunto con Baleares, a comunidade que menos inviste por habitante en educación: un 92 % da media estatal.

O panorama agrávase cando se revisa a convocatoria de oposicións de 2025. Das 1.434 prazas ofertadas para o corpo de mestres, só 40 son de Pedagoxía Terapéutica e 53 de Audición e Linguaxe para toda Galiza. “Sen especialistas suficientes, moitas familias vense na obriga de acudir a gabinetes privados”, admite Isabel Calvete, quen insiste en que isto xera unha fenda cada vez maior entre quen pode pagar atención externa e quen non. “Se o ensino é un dereito constitucional, hai que esixir os especialistas necesarios. Todos os alumnos teñen que converterse en cidadáns conscientes da importancia de ter unha sociedade inclusiva”, remata.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.

Relacionadas

Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...