Culturas
Vinte proxectos culturais galegos entre a memoria mariñeira e os videoxogos na lingua propia
Dende un documental sobre a memoria migrante nun barrio coruñés ata un videoxogo que satiriza o turismo, pasando por residencias artísticas para persoas con discapacidade ou a recuperación da historia dunha muller esquecida: vinte iniciativas culturais da provincia reparten entre si 90.000 euros despois de ser seleccionadas na segunda edición dos Premios a Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social.
Das 53 propostas presentadas, un xurado quedou coas vinte que, ao seu criterio, combinan mellor calidade técnica, orixinalidade e un impacto social real sobre a xente. As contías van dos 2.250 aos 6.750 euros, repartidas en catro categorías segundo a puntuación.
Memoria, territorio e comunidade
Entre os traballos mellor valorados están Memoria migrante en movemento, de Juan Pablo Rodríguez Santiago, centrado na Agra do Orzán da Coruña; A Rede do Mar, de AAntena, que recolle a memoria mariñeira da Costa da Morte; e VIVAS, as residencias artísticas para persoas con discapacidade impulsadas pola cooperativa Artefeito. Xúntanse a estes o programa de mediación CLIC, de Culturactiva, e a proposta sonora Rupestre Sonoro, de Noente Paradise.
Un segundo grupo de proxectos, con axudas de 5.250 euros, inclúe traballos tan diversos como Cintas de cores. Contos e música para a inclusión, de María Irene Quinteiro Blanco; Arquivos Vivos, de Carmen Purificación Ripamonti Mondelo, sobre patrimonio inmaterial; unha mirada á arquitectura popular en A arquitectura sen arquitectos, do Cebreiro a W 57th st, de Arraianos Producións; a peza escénica Somos os monstros, da compañía Berrobambán, sobre a comunidade xorda; e o documental Mulleres Barbanza Arousa, de Pablo Chouza López.
Patrimonio, educación e sátira
Cun apoio de 3.750 euros cada un figuran A Pedra que fala, de Martela Films, sobre petróglifos e accesibilidade visual; o programa educativo Círculos de comunidade na escola, da cooperativa Azul Mais Verde; o videolibro Vidas de vidro, de Promove Consultoría, sobre memoria LGTBI na terceira idade; a sátira audiovisual e videoxogo O noso pasar: A nosa fantasía, de Melgo Cinema; e o proxecto participativo Alcumes, da cooperativa xuvenil A Furna.
Pechan a lista cinco iniciativas con 2.250 euros de axuda: O Demo Game Jam, de Proxecto Espiga, arredor da creación de videoxogos en galego; Soños analóxicos, de Sinsal Audio, sobre creación sonora e patrimonio inmaterial; o proxecto transmedia Cerimonias, de Cru Producións; a curta documental Canguro, de Brava, sobre maternidade e prematuridade; e A vida borrada de Margot Sponer, de Aqueladas, unha recuperación audiovisual histórica.
O xurado, presidido pola deputada de Cultura, Natividade González, valorou sobre todo o impacto social real das propostas, ademais da solvencia dos equipos e a singularidade dos traballos presentados.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!