A Sala Rebullón celebra nove anos de música, compromiso e veciñanza

A única sala de concertos en Galiza xestionada por unha comunidade de montes converteuse nunha referencia da xestión colectiva da cultura e da transformación social. Ademais, cunha das mellores condicións técnicas do país.
Rebullón Cao - 3
Cao de Mos, responsable da Sala Rebullón, fronte ao Centro Cultural As Pedriñas. Pablo Vázquez Varela
15 may 2026 10:09

O lugar de Rebullón, en Mos, sempre foi asociado na comarca de Vigo co centro psiquiátrico do mesmo nome, aberto en 1930 como colonia para nenos e nenas de familias con poucos recursos. Co paso dos anos sería un hospital militar, durante a Guerra Civil, e un centro para persoas enfermas de tuberculose. En 2016 os case setenta pacientes que alí residían foron trasladados ao hospital Nicolás Peña, cesando a súa actividade como hospital psiquiátrico.

Co seu bo facer ao longo destes últimos nove anos, a Sala Rebullón, situada xusto fronte ao antigo hospital, está a conseguir que relacionemos ese topónimo coa música en directo e cun xeito distinto de facer comunidade a través da cultura e do compromiso social. Este sábado 16 celebran o seu noveno aniversario cun xantar popular, o festival infantil e xuvenil Miúdo Fest —que cumpre a súa décima edición— e os concertos de El Nido, Guezos, Filloas e o DJ Chega na Hora.

Hai unha década, o Centro Cultural As Pedriñas, xestionado pola Comunidade de Montes de Tameiga, decidiu ampliar o edificio grazas aos fondos obtidos pola expropiación de terreos do monte para a construción da autoestrada AP-9. O que hoxe é a Sala Rebullón levantouse nun “espazo multiusos que valía para todo e non valía para nada”, en palabras de Cao de Mos, encargado da sala. O proxecto do edificio tiña xa 40 anos, pero non se levara a cabo na súa totalidade ata que chegou ese impulso económico. En lugar de crear un pequeno auditorio ou salón de actos, como é habitual nos centros veciñais, optaron por darlle a forma dunha sala de concertos profesional e acondicionar o espazo especificamente para o espectáculo.

Cao e o resto do equipo tomáronse moi en serio o labor, e decidiron contratar aos que el define como os “Leo Messi e Cristiano Ronaldo” no que a acústica se refire: Tomás Ageitos (do estudio A Ponte) e Xabi Carnota na dirección de obra. O seu traballo fai da Rebullón a que posiblemente sexa a sala galega con mellor calidade de son, unha auténtica “catedral do son” que, segundo Cao, non destaca por ter un equipamento técnico carísimo, senón por un deseño en madeira e un estudio acústico pensado para que os músicos se sintan como nun estudio de gravación.

Rebullón Cao - 2
Cao fronte á cantina da Rebullón. Pablo Vázquez Varela

Este esforzo técnico é corroborado polas propias artistas. “Sempre é un gusto acudir á Rebullón tanto de espectadora como de música. Escóitase súper ben e o trato é incrible”, di Claudia Abril, metade do dúo folk Abril. Claudia destaca que optaron pola Rebullón para presentar o seu primeiro disco Medrarporque permite compaxinar “a escoita atenta coa posibilidade de bailar”. O mesmo pensa Pablo Corbillón, quen tamén tocou alí coa súa banda Pablo y los Ciervos Dorados: “Para nós foi un salto cualitativo enorme en canto ao son. Nunca tocaramos nunha sala con tanta potencia”. Pablo lembra que o seu público lle comentou que fora o concerto onde mellor soaran nunca, algo que eles mesmos sentían desde o escenario.

Pablo destaca a existencia de camerinos, a facilidade para aparcar e, sobre todo, a flexibilidade técnica: “Atenderon en todo momento ás nosas peticións; deixaron que algúns grupos tocasen no chan da sala en lugar de no escenario para estar máis preto da xente”. Ata a pizza e a empanada que lles deron “estaba moi rica”, lembra o músico con gratitude.

“Todas as axudas son para grandes festivais, pero a música amateur e os que están empezando están completamente abandonados”, denuncia o responsable da sala

Outra particularidade da Sala Rebullón, quizais a máis salientable, é que se trata da única sala de concertos en Galiza xestionada por unha comunidade de montes. O que pode parecer unha cuestión anecdótica é un dos seus alicerces principais. Cao explica que manter unha estrutura así sería “totalmente inasumible” se fose unha empresa privada, xa que non funcionan como un pub para obter beneficios da venda de copas, senón que todo o lucro reinvístese no centro nun modelo de economía circular. Isto crea un ambiente familiar onde “a xente xa sabe onde está a fregona cando cae unha copa” e onde non se precisa seguridade privada porque o público sente o espazo como propio.

Rebullón Cao - 1
O Centro Cultural As Pedriñas por fór.a Pablo Vázquez Varela

Esta independencia permite á sala manter unha liña política e social moi clara. “Cando fas unha aposta pola música galega xa estás facendo política”, afirma o responsable da sala. A sala promove o galego e mantén liñas vermellas contra propostas machistas, homófobas ou fascistas, chegando a vetar bandas israelís que formaban parte de xiras internacionais. “Penso que todas as cousas que levan detrás un traballo colectivo sempre axuda a que as iniciativas sexan máis poderosas”, di Claudia. Esta particularidade ten moitos puntos positivos, mais algúns negativos: custoulles máis do normal que as administracións os tomasen en serio. Con todo, en 2023 conseguiron o Premio Martín Códax da Música como a mellor sala de Galiza.

Ademais, Cao denuncia o abandono institucional da base: “Todas as axudas son para grandes festivais, pero a música amateur e os que están empezando están completamente abandonados”. Tras nove anos, a Sala Rebullón segue a ser unha anomalía necesaria: un espazo onde conviven nenos no parque infantil, xente maior na cafetería e unha notable proposta de música en directo para públicos de todas as idades.

Medio rural
A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Mentres varios proxectos industriais tentan privatizar e destruír os ecosistemas galegos, algúns grupos de veciños e veciñas organizadas fan oposición social construíndo alternativas comunitarias. Ás veces, tamén gañan ao xigante.
Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...