Culturas
‘Samplear’ a música tradicional para dar un salto na electrónica

A idea é crear un contexto favorable para que a música galega tradicional sexa cada vez máis empregada en creacións de electrónica. As produtoras ou un produtores que se enfrontan á creación dunha base para que unha persoa rapee por riba, ou para a propia elaboración de música electrónica, e queren incorporar sons da tradición galega atópanse sempre co mesmo problema: non hai rexistros adecuados nin de ritmos nin de instrumentos que podan extrapolar o samplear.
A iso mesmo viñéronse enfrontando os produtores crnds (Alberto Cernadas) e máis Juait (Adrián Blanco) ao longo da súa traxectoria e por iso decidiron dar o paso para crear o primeiro sample pack deste estilo na historia da música electrónica galega. É dicir, un banco de recursos e mostras de son que xiran arredor da música tradicional galega. Esta primeira edición foi unha colaboración con Xabier Díaz, un dos grandes artistas da escena tradicional, e céntrase na pandeireta galega. A entrega inclúe unha selección dos patróns rítmicos máis representativos co obxectivo de ofrecer un recurso valioso para a produción musical.
Segundo explican, en conversa con O Salto, o paquete incorpora derivacións xeradas a partir do procesamento das mostras interpretadas por Xabier Díaz, así como os arquivos dos grooves asociados aos patróns rítmicos. “Isto permite ampliar as posibilidades creativas e experimentais”, afonda Cernadas. Esta iniciativa responde, din, á necesidade de dispoñer dun banco de sons de calidade para o seu uso libre de dereitos, “xa que ata o de agora non existía un recurso semellante en Galiza”. O proxecto aspira a cubrir esta carencia e a converterse nunha ferramenta de calidade para produtoras e produtores interesados en integrar elementos vencellados á música tradicional galega nas súas composicións.
Ademais, ambos rachan co que se viña facendo neste sentido que, ata o de agora tiña tres vías. Podían coller un son dun tema histórico de Milladoiro ou Luar na Lubre e samplealo para crear un novo —legalmente complexo, mais cunha grande aceptación na música urbana—. Tamén existe a posibilidade de que o produtor “roube” do seu propio banco de gravacións vellas a o anaco do que gosta —tampouco é o mellor en canto á propiedade intelectual—. E por último, o máis axeitado a nivel de relación cos músicos: gravar un son ad hoc para cada peza. Aínda que explican que este tipo de sons tamén so poderían usar en directo, din brincando: “Xabier dinos, e ten razón, que insistamos en que isto nunca vai substituír a unha persoa música”, engaden Juait e crnds.
Preguntados por se este tipo de bancos pode favorecer a creación case industrial ou desarraigada de música que hibride o tradicional co electrónico sen contexto, ambos recoñecen que “o perigo existe”, pero que o que fai, en esencia, e dotar dun abano de recursos de calidade para músicos e músicas realmente interesadas na tradición da música galega.
.jpg?v=63924226178 2000w)
Un proxecto co que aspiran recoller as singularidades do ‘tradi’
Esta primeira achega fai parte dun proceso de elaboración máis longo no que aspiran a ir documentando e creando un banco máis amplo coas singularidades da música tradicional galega. “A idea é ir tecendo colaboracións con outros músicos e músicas do panorama para ir explorando cada unha das especificidades”, explican. Por exemplo, xa están a traballar con outro tipo de pandeiretas con Fransy González e logo xa teñen en mente ir ampliando os instrumentos de percusión como o pandeiro.
O vindeiro sábado 13 de setembro ás 12h presentarán o proxecto ao público en Santiago de Compostela na na Sede Afundación no marco do WOS Festival.
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!