Centros de menores
O ataque racista ao centro de menores de Monforte revela a estratexia política da Xunta para a acollida de migrantes
.jpg?v=63925857630 2000w)
O recente ataque racista contra o centro de menores migrantes previsto en Monforte de Lemos sacou á luz a estratexia política da Xunta de Galiza para afrontar a chegada de nenos, nenas e adolescentes migrantes non acompañados. Galiza debe facerse cargo de 326 menores en virtude do Real Decreto 2/2025 aprobado polo Goberno central, que reparte solidariamente a estes mozos solicitantes de asilo entre as comunidades autónomas en apoio a Canarias e Ceuta.
Con todo, a resposta do Executivo galego, dirixido polo PP, foi moi distinta á doutras comunidades. En lugar de activar novos recursos de acollida, optou por recorrer a normativa ante o Tribunal Constitucional e concentrar en Monforte o primeiro centro específico para menores migrantes da comunidade, con 80 prazas. A elección da localidade, gobernada polo socialista José Tomé —tamén presidente da Deputación de Lugo—, foi interpretada, segundo fontes socialistas, como unha manobra política para trasladar alí “un potencial conflito”, ao considerar que esa manobra “está lonxe de propiciar unha integración sólida”.
Críticas desde a oposición e a sociedade civil
Esquerda Unida denunciou o “boicot” da Xunta e a saturación do sistema galego de protección á infancia, que xa funciona con prazas sobreocupadas. Segundo o seu coordinador, Lino Costas, o Goberno autonómico “en lugar de abrir novos recursos, dedica os seus esforzos a xudicializar o decreto, externalizando a atención a entidades privadas e abandonando as súas responsabilidades”.
Desde o BNG, acúsase ao Executivo de querer “meter aos menores en guetos”, mentres que o PSdeG fala de “posturas racistas e xenófobas” e de “conivencia coa extrema dereita”. Na mesma liña, Sumar denuncia que a creación de centros específicos para migrantes é unha estratexia “segregadora e discriminatoria” que “sembra racismo e aporofobia”.
A extrema dereita mobilízase
O contexto deu ás a Vox, que acaba de nomear a Miguel González Lemos —excandidato do PP en Monforte— como coordinador comarcal. Lemos non oculta a súa lectura na que cre que a apertura do centro pode ser un “catalizador” para o crecemento do partido na zona e mesmo planteja unha visita de Santiago Abascal para capitalizar o descontento veciñal.
A resposta da Xunta
A conselleira de Política Social, Fabiola García, defendeu que a apertura do centro responde a unha “imposición” do Goberno central. Cun ton irónico, replicou ao alcalde de Monforte: “Se sempre demostrou ser unha persoa solidaria, debería dar as grazas”. Unha declaración que se suma á tensión da relación institucional, xa deteriorada tras a denuncia do propio Tomé de que non houbo diálogo previo co Concello.
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!