A Xunta aproba a gratuidade das licenzas de caza para menores e persoas con discapacidade

A Federación Galega de Caza celebra a concesión de Alfonso Rueda mentres que os colectivos animalistas, como a Fundación Franz Weber tachan a medida como “o enésimo agasallo” da Xunta ao ‘lobby’ que cada vez conta con menos apoio social.
Rueda caza
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Se vives en Galiza e tes 16 anos non poderás votar, pero si disparar unha escopeta e matar a un animal. Ademais, a partir de agora, sairache de balde. Os gastos da emisión de licenza correrán a cargo da Xunta desde o 31 de decembro de 2025, día en que se publicou no Diario Oficial de Galicia. É unha das medidas estrela do Goberno galego de Alfonso Rueda para cumprir coas esixencias do mundo da caza en Galiza. De feito, a Federación Galega de Caza (FGC) pedíralle ao Partido Popular exactamente iso. Así mesmo, a gratuidade da licenza estenderase tamén ás persoas que poidan acreditar unha discapacidade superior ao 33%. Estas concesións á FGC van acompañadas dun aumento do tempo de validez da licenza, que agora se fixará en cinco anos.

Na Fundación Franz Weber, pioneira na defensa dos dereitos dos animais en Europa, a noticia, publicada coa nocturnidade dun 31 de decembro, foi interpretada como “o enésimo agasallo ao lobby da caza en Galiza, tendo en conta ademais que é un colectivo que se debilita no social ano tras ano, con cada vez menos licenzas activas”. En conversa con O Salto, o seu portavoz, Rubén Pérez, lamenta que a dirección da Xunta neste ámbito siga sendo a facilitación e non a limitación: “Agora estamos a falar de licenzas que se expiden por cinco anos, e nós entendemos que isto pode afectar gravemente á seguridade cidadá, en tanto que a Xunta non verificará en cada exercicio as capacidades das persoas que teñan esta licenza”.

“Parécenos terrible o incumprimento das Observacións dos organismos internacionais en relación á exposición de persoas menores de idade á violencia que se exerce sobre os animais nestas actividades e vemos como a Xunta, en lugar de velar pola infancia e a adolescencia, agasallará cunha licenza gratuita a quen a pida”, recalca Pérez.

Como detallan desde a Fundación Franz Weber, a Lei de Caza segue sen regulamento 13 anos despois e isto “non supuxo problema algún para o PP, que modifica a norma de xeito sistemático empregando a tramitación dos Orzamentos ano tras ano”. A falta dun decreto regulador implica, por exemplo, que non exista a realización de controis de alcolemia con rangos definidos ou que non se adaptara a norma ás disposicións relativas ao benestar dos cans que utilizan para cazar.

Pola súa parte, A Federación Galega de Caza celebra a inclusión destas melloras, solicitadas no seu día polo ente federativo en beneficio do colectivo, pero pide aínda máis: “Lamentamos que non se tivesen en conta outras reivindicacións, tales como a autorización para que os deportistas poidan adestrar con fins competitivos en épocas de máxima sensibilidade”.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...