Caza
A Xunta anuncia un plan de axudas á caza co pretexto dos estragos dos incendios

A Xunta de Galiza acaba de anunciar un paquete de axudas que, baixo o paraugas da recuperación tras os devastadores incendios forestais deste verán, destinará unha parte dos fondos á caza. Non concretou aínda canto diñeiro. O Goberno galego xustifica estas subvencións como unha vía para “recuperar hábitats e terreos cinexéticos” danados polo lume, en lugar de priorizar a restauración dos ecosistemas naturais no seu conxunto e non enfocados á caza de fauna silvestre.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, comunicou esta medida durante unha visita ao tecor (terreo cinexéticamente ordenado) de Dozón (O Castro, Lalín), un couto de caza afectado polas chamas. Alí detallou que as axudas articularanse en dúas liñas: unha dirixida aos tecores —os coutos de caza— e outra aos concellos e comunidades de montes con infraestruturas danadas en espazos naturais protexidos.
No caso dos coutos, a Xunta subvencionará a sementeira de cereais para alimentar fauna silvestre e así “recuperar os hábitats cinexéticos”. Tamén cubrirá a reposición de refuxios, bebedoiros, comedoiros e cercados destinados á práctica da caza. A segunda liña, máis orientada ao público, permitirá reparar sendas, miradoiros e pasarelas en áreas recreativas ou de uso turístico.
Os incendios como escusa para reforzar a caza
A decisión xerou axitación. En lugar de concentrar os recursos na rexeneración da biodiversidade perdida e en medidas preventivas contra futuros incendios, refórzase para enfocalo, en parte, á caza. As organizacións ecoloxistas xa alertaron en ocasións anteriores de que a Xunta privilexia os intereses cinexéticos fronte á conservación integral dos montes.
Os incendios forestais en Galicia, que cada ano arrasan miles de hectáreas, afectan gravemente a solos, fauna e masas forestais. Con todo, a resposta do Executivo galego, especialmente a primeira aparición pública en plena vaga de incendios da conselleira do ramo, prioriza aos tecores, entidades privadas que xestionan a caza, poñendo en dúbida se se trata realmente dunha estratexia ambiental ou dun novo impulso encuberto a esta actividade. O paquete de medidas, anunciou, será aprobado no próximo Consello da Xunta.
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!