A Fiscalía leva ao TSXG o aviso de que o vertido de Altri podería xerar un gas tóxico no Ulla

Bruxelas “toma nota” da posible euxinia en Portodemouros, un fenómeno que podería converter os sulfatos do vertido en sulfuro de hidróxeno no fondo.
Altri Non Repor  - 7
A porta dunha das vivendas máis cercanas á zona cero. Lourdes Jiménez

En xuño, a Comisión Europea recibiu un aviso sobre un posible risco ambiental no encoro de Portodemouros, no río Ulla, onde Altri prevía verter as augas residuais da súa celulosa de Palas de Rei. O 2 de xullo respondeu cunha carta na que di que toma nota. Case catro meses despois, en outubro, a Fiscalía Superior de Galicia abriu un expediente que incorpora esa carta e a envía á Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), o tribunal que resolve o recurso de Ulloa Viva contra o arquivo do proxecto.

A Fiscalía limitouse a deixar constancia da documentación e a remitila ao tribunal “para os efectos oportunos”. A documentación á que tivo acceso este medio xira arredor dun gas tóxico, o sulfuro de hidróxeno, que podería formarse no fondo do encoro a partir dos sulfatos do vertido. O nome técnico do fenómeno é euxinia.

A carta de Bruxelas

A Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea respondeu a unha mensaxe do 5 de xuño dirixida á comisaria de Medio Ambiente, Jessika Roswall, que lle pediu que contestase no seu nome. O texto, asinado pola xefa de unidade Claudia Olazabal, afirma que a Comisión tomou nota das preocupacións polo proxecto de Greenfiber e polos seus posibles efectos no Ulla. 

Ademais, cita expresamente as observacións do remitente sobre a posible euxinia e as súas implicacións para dúas normas europeas: a Directiva Marco da Auga, que obriga a previr a deterioración das masas de auga e a protexer e mellorar o seu estado ecolóxico e químico, e o principio de non causar un prexuízo significativo ao medio ambiente, coñecido polas siglas DNSH, cuxo cumprimento é un requisito para acceder a determinados fondos europeos.

A carta non declara ningún incumprimento. Lembra que velar polo dereito ambiental europeo é responsabilidade principal dos Estados membros e das súas autoridades, e anima o seu destinatario a seguir levando o asunto ante as autoridades españolas competentes para que todos os elementos necesarios se teñan en conta en todas as avaliacións.

O que fixo a Fiscalía

O decreto de incoación da Fiscalía Superior de Galicia recolle que recibiu un escrito acompañado de documentación sobre o proxecto de Greenfiber. Entre ela figura unha comunicación atribuída á Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea e material explicativo sobre os posibles efectos dos vertidos no encoro de Portodemouros. O remitente aludía ao recurso contencioso-administrativo que a plataforma Ulloa Viva presentou contra o arquivo acordado pola Xunta.

A Fiscalía incoou un expediente gobernativo para a “constancia, exame e valoración” da documentación, incorporouna a el e remitiuna á Sala do Contencioso Administrativo do TSXG “para os efectos oportunos”. O decreto precisa que non implica pronunciamento sobre o fondo das cuestións suscitadas.

O recurso de Ulloa Viva, que pide que o proxecto non só se arquive senón que se denegue de forma expresa, foi admitido a trámite polo tribunal o 30 de setembro.

O risco que describe o dossier

Un dossier da campaña Altri Non ao que este medio tivo acceso explica que, cando o fondo dun encoro queda sen osíxeno, certas bacterias aliméntanse do sulfato e producen sulfuro de hidróxeno. Segundo o texto, o gas é velenoso para peixes e invertebrados e é corrosivo. Tamén podería afectar a calidade do aire e as captacións de auga. O dossier sostén ademais que, nas condicións de Portodemouros, onde o exceso de nutrientes favorece a proliferación de algas e consome o osíxeno da auga, o fenómeno non sería só posible, senón “un feito”.

Un proxecto arquivado pola falta de conexión eléctrica

O 10 de xullo a Xunta comunicou a Altri o arquivo definitivo da súa celulosa. O motivo oficial foi a falta de conexión eléctrica, xa que a subestación que precisaba quedara fóra da planificación do Goberno central. A conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, lembrou que a DIA ten catro anos de vixencia, dos que xa pasara un.

Dez días antes, Altri defendera o proxecto cun informe da certificadora Bureau Veritas sobre o cumprimento do DNSH, que a compañía vinculaba ao selo europeo STEP, concedido en novembro. Ulloa Viva replicou que esa certificadora avalou a navegabilidade do Prestige e cuestionou a independencia dun informe pagado pola propia empresa.

Este medio enviou un correo á Consellaría de Medio Ambiente da Xunta para coñecer a súa posición sobre o risco no encoro e se este fora avaliado na declaración de impacto ambiental (DIA), pero ata o momento desta publicación, non obtivo resposta.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...