Altri
A denegación da subestación eléctrica deixa a celulosa de Altri pendente dun fío

O futuro da macrocelulosa de Altri e Greenalia en Palas de Rei (Lugo) acumula un novo buraco tras a negativa do Goberno español do PSOE e Sumar de autorizar a subestación e a conexión eléctrica que a empresa portuguesa reclamaba como condición indispensable para poñer en marcha a planta. A decisión, adiantada de xeito inusual na SER polo secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, supón de facto a exclusión do proxecto da planificación eléctrica 2025-2030 e coloca á multinacional ante un escenario crítico: sen enerxía, non hai fábrica.
Besteiro falou dun “triplo non” do Executivo: sen axudas do Perte de descarbonización, sen fondos europeos extraordinarios de 250 millóns e agora sen acceso á rede eléctrica. Aínda que matizou que non facía un anuncio oficial, a reunión prevista entre Xunta e Ministerio este martes servirá para oficializar a decisión.
A resposta política non se fixo esperar. O BNG celebrou a noticia como unha vitoria social e ambiental. A súa portavoz nacional, Ana Pontón, deixouno claro: “Unha maioría social rexeita que nos coloquen unha bomba ambiental no corazón de Galiza”, e subliñou que o país “non necesita máis eucaliptos nin macrocelulosas, senón un monte ordenado e multifuncional”.
Na mesma liña, as plataformas veciñais Ulloa Viva e en Defensa da Ría de Arousa valoraron “moi positivamente” o anuncio, aínda que con cautela á espera da resolución definitiva. Os seus portavoces recordaron que a clave estará na redacción dos argumentos socioeconómicos e medioambientais, dos que dependerá a solidez xurídica da decisión e a eventual capacidade de recurso por parte da empresa.
Fronte ao aplauso ecoloxista e nacionalista, a Xunta acusou ao Goberno de “politizar” un asunto que, segundo insiste, debería resolverse con criterios técnicos. A decisión de colocar a macrocelulosa no corazón de Galiza non foi, con todo, técnica, senón política e empresarial.
O presidente Alfonso Rueda reprochoullle que fose Besteiro, “un deputado do terceiro partido en Galicia”, quen revelase a exclusión de Altri antes de que o Executivo central notificase oficialmente á administración autonómica.
O pulso entre Moncloa, Xunta, oposición e movementos sociais mantén aberto o debate sobre o modelo industrial e forestal en Galiza. Mentres Altri contempla que facer cun proxecto que perde osíxeno por minutos, a pregunta de fondo é se Galiza debe apostar por grandes factorías de celulosa dependentes do eucalipto ou, como reclaman cada vez máis voces, por alternativas de menor impacto ambiental e maior diversificación económica.
Altri
Morre o empresario José María Castellano, unha das persoas clave na celulosa de Altri e Greenalia
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!