Altri
A concesión de augas da Xunta a Altri chega aos tribunais: comeza a guerra xudicial contra a celulosa

O conflito pola solicitude de concesión de augas da multinacional Altri ao seu proxecto de celulosa dá unha nova volta. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) anunciaron a interposición dun recurso contencioso-administrativo contra a denegación do recurso de alzada que pedía o arquivo do expediente de concesión. En paralelo, a Confederación Intersindical Galega (CIG) presentou unha demanda propia polo mesmo motivo.
As tres organizacións denuncian que a Xunta de Galiza desoíu as miles de alegacións cidadás contra a concesión e permitiu que o procedemento se prolongase alén do prazo legal. Segundo o Regulamento do Dominio Público Hidráulico, a administración dispón dun máximo de 18 meses para resolver solicitudes deste tipo. No caso de Altri, que aspira a captar 46.000 metros cúbicos de auga diarios, o prazo tería expirado o 30 de maio de 2024, tras publicarse o anuncio inicial no BOP da Coruña en novembro de 2022.
En febreiro deste ano, as entidades solicitaron á directora de Augas de Galicia que declarase a caducidade do expediente. Ao non recibir resposta en tres meses, acudiron a un recurso de alzada, que foi desestimado o pasado un de agosto pola presidenta do organismo autonómico. A resolución sostén que a superación do prazo permite considerar a solicitude desestimada, pero non obriga a arquivar o expediente, o que abre a porta a que a concesión poida aprobarse fóra de prazo.
Adega, PDRA e CIG rexeitan este criterio, ao que acusan de xerar inseguridade xurídica e de prexudicar o interese público. Argumentan que a auga solicitada debería destinarse a fins ambientais e de abastecemento, no canto de á produción industrial da pasteira.
O Servizo de Tramitación de Concesións xustificou a demora na “complexidade do procedemento”, alegando que isto non ocasiona prexuízo a terceiros. Porén, os colectivos aseguran que a propia cidadanía, con miles de alegacións presentadas, é a directamente afectada. Con estas accións legais, o pulso social e xudicial contra o proxecto de Altri en Galicia entra nunha fase decisiva que se suma ao revés recibido hai apenas uns días por parte do Ministerio de Industria denegándolle a subestación eléctrica que esixía a empresa e a Xunta.
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!