Altri
Altri di que a súa exclusión da rede eléctrica é “política” tras negociar durante meses a súa celulosa con Feijóo

A multinacional portuguesa de produción de pasta de papel, Altri, dixo que é unha decisión “puramente política” a exclusión da planificación da rede eléctrica da macrocelulosa que proxecta para Palas de Rei (Lugo) e avisou de que non renunciará a empregar “todos os mecanismos de recurso administrativo ao seu alcance” para conseguir os seus obxectivos.
A través dun comunicado emitido por Greenfiber, a sociedade instrumental creada polo grupo portugués xunto coa galega Greenalia para promover a fábrica, a empresa sinalou que “non se recibiu comunicación oficial sobre a inclusión ou exclusión de 'Gama' [nome comercial da celulosa] en dita planificación”. “Cando se notifique a decisión, procederase a analizar detalladamente os argumentos técnico-económicos aplicados e estudiarase a posibilidade de presentar alegacións seguindo o curso administrativo habitual unha vez a planificación de rede se eleve a público”, engade.
En calquera caso, non se queda corta en descalificar a decisión do Goberno central: “De producirse a exclusión, todo apuntaría a que se está ante unha decisión puramente política, que non está baseada en criterios técnicos, como debería ser”, dando a entender que a creación dunha enorme fábrica de celulosa no corazón territorial de Galiza con todas as afeccións ecolóxicas que suporía é unha sorte de destino técnico.
Baixo a mesma retórica da multinacional papeleira, que segue facendo serios esforzos de propaganda na prensa galega, tamén tería sido técnica a negociación durante meses co Goberno galego do entón presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo —presentaron xuntos o proxecto—; sería técnica a decisión de absorber 46 millóns de litros de auga ao día, devolvela ata tres graos por riba da temperatura media do río Ulla, expropriar as terras agrarias de veciños e veciñas da Ulloa, crear unha sociedade público-privada ad hoc e, por suposto, aspirar a recibir 250 millóns de euros de diñeiro público. Cara ao final do comunicado, o xiro discursivo torna sinuoso: “A potencial exclusión do proxecto da planificación eléctrica suporía obrigar ao territorio a renunciar a unha instalación que contribuiría á súa descarbonización”.
Altri
Morre o empresario José María Castellano, unha das persoas clave na celulosa de Altri e Greenalia
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!