Manifestación Fuerzas Armadas - Vigo 30/05/2026 - 2
Dous neonazis tíranse fotos con simboloxía de extrema dereita fronte á manifestación contra o desfile das Forzas Armadas en Vigo. Miguel Núñez

A manosfera ‘forocochera’ en reacción: cando o acoso se organiza contra os feminismos

A análise dun ataque coordinado contra o Observatorio de Machismo Dixital revela como a manosfera española mobiliza discursos misóxinos, acoso organizado e desinformación para desacreditar políticas de igualdade.

Agantro, Gets-it, Universidade de Vigo


Universidade de Vigo

Universidade de Vigo

3 jun 2026 05:30

Un ecosistema dixital marcado pola identidade misóxina

O termo manosfera fai referencia a un entramado internacional, organizado cunha intenacionalidade común de carácter política a través de foros, redes sociais, canles de vídeo, comunidades de xogadores e outras plataformas dixitais onde participan persoas usuarias que comparten unha determinada visión da masculinidade. Aínda que estes espazos son diversos, adoitan coincidir nun ideario colectivo común: a percepción de que os homes están discriminados, a oposición ao feminismo e, a miúdo, a difusión de discursos misóxinos (Kaiser 2022; Bates 2020; Horta et al., 2021; Ging e Siapera, 2018). Estes contidos e a súa difusión, xunto con outras causas e dentro dun fenómeno máis complexo, están provocando unha fenda política e afectiva que pode acabar afectando ás relacións de xénero e á convivencia.

Un dos elementos que caracteriza (e fai posible) este fenómeno é o anonimato. A posibilidade de participar sen revelar a propia identidade facilita a expresión de opinións extremas sen afrontar responsabilidades consecuencias directas. A isto súmase a capacidade de difusión global e a permanencia dos contidos na rede, que amplifican o impacto destes discursos. Ademais, os algoritmos das plataformas tenden a priorizar contidos polarizantes e emocionais, favorecendo a viralización destas mensaxes. Tamén inflúen os mecanismos de moderación das plataformas que resultan insuficientes e pouco sensibles a estas cuestións. A falta de transparencia e supervisión humana nestes sistemas, xunto cun modelo de negocio baseado en maximizar a interacción e a viralidade, contribúen igualmente á expansión destes contidos. A todo isto engádense campañas coordinadas de desinformación que reforzan e amplifican narrativas anti-feministas (Piñeiro-Otero e Martínez-Rolán, 2021; LLYC, 2025, 2026).

A maiores, a comunicación na manosfera adoita adoptar formas aparentemente lixeiras, como o humor ou a ironía, pero que agochan mensaxes ofensivas ou deslexitimadoras. A chamada “cultura do zasca” —respostas rápidas, contundentes, que buscan ridiculizar e a miúdo con insultos e agresivas— funciona como mecanismo de cohesión interna e como ferramenta de ataque. Aquí dáse tamén unha curiosa operación simbólica pola que o anti-feminismo aparece como unha proposta subversiva, a pesar de ser desde onde se reinvidica manter a orde patriarcal, e o feminismo parece perder capacidade comunicativa para trasladar os seus discursos e prácticas transformadoras.

Un caso paradigmático: o ataque coordinado desde Forocoches

Un exemplo claro dun ataque por parte da manosfera forocochera produciuse en xuño de 2021 contra unha iniciativa de política pública de igualdade. Trátase do Observatorio de Machismo Dixital, impulsado pola Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo. Un recurso creado xustamente co obxectivo de analizar a misoxínia dixital e ofrecer datos para o seu tratamento. Un labor que vén realizando desde fai anos, rexistrando a prevalencia da violencia machista facilitada pola tecnoloxía e os ataques a mulleres con presenza pública.

A reacción ante a posta en marcha do Observatorio de Machismo Dixital foi inmediata. Apenas dúas horas despois da súa presentación pública comezou a circular un fío en Forocoches que animaba á participación dun ataque en masa. En poucas horas participaron 147 perfiles diferentes, a maioría concentrados no inicio, o que evidencia unha mobilización rápida, reactiva e organizada.

O resultado foi contundente: o sistema de recollida de denuncias do Observatorio quedou bloqueado debido á avalancha de interaccións. O seu obxectivo non era debater, senón inutilizar a ferramenta; e quizais intimidar ás impulsoras desta iniciativa. Este comportamento exemplifica un paradigma de relacións de poder no que atacar ou obstruír se converte nun mecanismo para manter o control e a visibilidade, substituíndo o diálogo e a participación por estratexias de presión e dominación que silencian voces críticas, como as do feminismo, e reforzan dinámicas de desigualdade (Gómez et al. 2024).

Os discursos do ataque. Charos chareando cos teus impostos?

A análise das mensaxes publicadas permite identificar unha serie de patróns que se repiten e que son característicos da manosfera española, e en particular, que se agocha en Forocoches. En concreto, foi analizado un fío de 161 mensaxes publicadas o 24 de xuño de 2021, entre as 14:39 e até as 21:41 horas. Froito dunha etnografía dixital sobre este caso, imos ir intercalando algúns fragmentos literais recollidos neste fío de Forocoches, que exemplifica a narrativa dos atacantes...

1. Victimismo masculinista

Preséntase aos homes como vítimas dun sistema que favorece ás mulleres. O feminismo aparece como unha ameaza ou unha forma de opresión inversa:

“¿Para cuándo el femitrol para las cuentas que atacan de forma sexista al hombre o que directamente hablan abiertamente del exterminio de los hombres? Piden perdón por ser hombre. Decenas de miles de informáticos españoles cualificados, jóvenes y sin trabajo o con contratos precarios de 600€ Ellas son la cabeza visible, luego subcontratan una ingeniería que subcontrata informáticos por 1 subcontrata informáticos por 1000€ al mes”.

2. Crítica ás políticas públicas de igualdade 

As iniciativas feministas institucionais son descritas como “chiringuitos” financiados con diñeiro público, insinuando que carecen de utilidade real e que só benefician a quen participa nelas.

3. Negación da violencia machista

Ponse en dúbida a existencia ou a importancia da violencia de xénero, ou ben minimízase o seu impacto. Tamén se desacreditan os datos e as entidades que traballan neste ámbito.

4. Deslexitimación das mulleres no ámbito tecnolóxico

Aparecen comentarios que presentan ás mulleres como incompetentes en cuestións técnicas, reforzando estereotipos de xénero:

“Veo la foto... Hackeando el patriarcado, pero si esas no saben ni recuperar un archivo de la papelera de reciclaje! Si tienen más cara de desconectar el cable del router con la    fregona que de informáticas!(…) Decenas de miles de informáticos españoles cualificados, jóvenes y sin trabajo o con contratos precarios de 600€ y estas hijas de LA GRANDISIMA ***** de 50 a 60 años que no saben ni encender un maldito ordenador   puestas a dedo cobrando un pastizal haciendo cosas innecesarias que nadie pide que hagan.ME va a estallar la puta CABEZA(…). Joder tienen cara de que ni entre todas te saben guardar un Word en Pdf (…) Que empiecen por mi, A FREGAR”.

5. Ataques persoais e estéticos

Moitas intervencións céntranse no aspecto físico das mulleres implicadas, utilizando insultos e comentarios degradantes como forma de desacreditalas.

Estes elementos non aparecen de maneira illada, senón que forman parte dun marco narrativo coherente que reforza a identidade do grupo e lexitima o ataque:

“Joder que pena la rubia esa, la única que se salvaba de esa manada de orcos. Buena basura humana esa de las fotos (…)Joder, entre todas no hacen una guapa (…)Joder cada cual más fea. Charos chareando con tus impuestos”

Máis alá do caso concreto

O sucedido non é un feito illado; senón, que responde a unha tendencia máis ampla que transforma malestares diversos en reacción antifeminista, especialmente no ámbito dixital. Este tipo de accións encaixa no que algúns estudos denominan gendertrolling, é dicir, o acoso organizado en función do xénero.

Nalgúns casos, estas prácticas poden ir máis alá e incluír accións como a difusión de datos persoais co obxectivo de intimidar (doxxing), o que incrementa o risco e o impacto sobre as persoas afectadas.

O que resulta especialmente relevante é que estas dinámicas non son espontáneas. A rapidez coa que se organizan e a intensidade das respostas indican a existencia de redes activas, con códigos compartidos e capacidade de mobilización.

A expansión desta manosfera formula interrogantes importantes sobre o funcionamento do debate público en internet. Por unha banda, evidencia as limitacións dos mecanismos actuais para xestionar o acoso e os discursos de odio que enturbian os espazos dixitais e tratan de expulsar ao. Por outra, mostra como determinados grupos con intereses particulares poden influír e condicionar iniciativas públicas pensada para contribuír a formar sociedades máis xustas e igualitarias. Estes ataques insértanse nun contexto internacional actual marcado pola desdemocratización e o uso estratéxico da desinformación , onde plataformas dixitais amplifican narrativas antifeministas e antixénero; estes procesos, propios dun ecosistema de posverdade e polarización, operan mediante arquitecturas organizadas de influencia e microsegmentación que intensifican a violencia simbólica e a exclusión política das mulleres, contribuíndo ao debilitamento dos dereitos humanos e a calidade das democracias contemporáneas (Engeli, 2020; Levitsky e Ziblatt, 2021; Llyc, 2025; 2026; Paternotte e Kuhar, 2018).

Referencias
Btes, L. (2020). Men Who Hate Women. Simon & Schuster Ltd.

Engeli, I. (2020). Gender and sexuality research in the age of populism: lessons for political science. European Political Science, 19, 226-235. https://doi.org/10.1057/s41304-019-00223-3

Gómez, Á., Vázquez, I. e Fernández, M. (2024). La “Manosfera Forocochera” en reacción: Un estudio de caso paradigmático en el contexto español. Masculinidades y cambio social, 13(3), 226-244. https://doi.org/10.17583/MCS.13524

Ging, D. e Siapera, E. (2018). Gender hate online:Understanding the New Anti-Feminism. Londres: Palgrave MacMillan

Horta, M., Blackburn, B. B., De Cristofaro E., Stringhini, L. S. e Greenberg, Z. S. (2021). The Evolution of the Manosphere across the Web. Proceedings of the International AAAI Conference on Web and Social Media, 15(1), 196-207. https://doi.org/10.1609/icwsm.v15i1.18053

Kaiser, S. (2022). Odio a las mujeres. Inceles, malfollaos y machistas modernos. Katakrak.

Levitsky, S. e Ziblatt, D. (2021). Cómo mueren las democracias. Ariel.

LLYC (2026). Informe Espejismo de la Igualdad: sesgos de género en la IA.https://llyc.global/espejismo-de-igualdad/   

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...