Imputada unha concelleira do Goberno de Caballero por un posible homicidio imprudente nunhas festas populares

O xuíz imputa tamén ao empresario dono do ‘saltamontes’ que provocou o accidente e sinala que Patricia Rodríguez tiña o deber “ineludible” de ordenar o cesamento da actividade ou precintar a atracción que acabou coa vida de Iván C.H., de 36 anos.
Abel Caballero Patricia Rodríguez
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, canda a súa concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez.
7 may 2026 18:25

xulgado de instrución número 3 de Vigo puxo fin á fase de instrución do caso Saltamontes e acordou continuar a causa contra dous imputados: a concelleira de Seguridade do goberno local, Patricia Rodríguez Calviño, e o propietario da atracción, Genaro Manuel M.D.S. Ambos responden por se os feitos puidesen ser constitutivos dun delito de homicidio imprudente, en concurso cun delito menos grave de lesións por imprudencia grave.

O xuíz acordou, pola contra, o sobresemento respecto ao resto dos investigados: o presidente da Comisión de Festas de Matamá —parroquia onde ocorreu o accidente mortal—, Cristian G.M.; o xefe do servizo de Seguridade do Concello de Vigo, Antonio V.M.; e o xefe da Policía Local da cidade. As acusacións particulares e a Fiscalía dispoñen agora dun prazo de dez días para solicitar a apertura de xuízo oral e formular os seus escritos.

O procedemento xudicial arrinca do accidente ocorrido na madrugada do 3 de agosto de 2024, cando un dos brazos do Saltamontes se desprendeu e un mozo, Iván C.H., de 36 anos, sufriu as lesións que lle causaron a morte.

A concelleira, obrigada a actuar

No auto, o instructor sinala que a Concellería de Seguridade “non comprobou” que a atracción estaba a desenvolver a súa actividade sen estar autorizada, nin ordenou precintala. O xuíz subliña que a competencia municipal para inspeccionar e controlar este tipo de actividades “está doblemente confirmada, tanto en la ley como en su reglamento de desarrollo”, e que Patricia Rodríguez, como titular da área competente, ostenta unha posición de “garante” cun deber que non emana “dunha mera obrigación xenérica”, senón das competencias específicas que lle atribúe a normativa administrativa.

Nese sentido, considera que a concelleira, “al tener conocimiento fehaciente de que la atracción podría operar de forma irregular y, por tanto, sin las garantías de seguridad exigibles, tenía el deber jurídico ineludible de adoptar las medidas necesarias” para neutralizar ese “riesgo”, o que implicaba ordenar o cese inmediato da actividade ou o precinto da atracción. O envío dun correo electrónico á Policía Local informando das atraccións sen autorización, apunta o auto, “sin el respaldo de un acto administrativo formal y ejecutivo”, resultou ser “una medida manifiestamente insuficiente e ineficaz, constituyendo una omisión de la diligencia debida”.

O xuíz deixa claro que a Policía Local e o xefe de Seguridade carecían de competencias para ordenar ese precinto: “La Concejalía decide y la Policía Local ejecuta”, recolle a resolución, que engade que “no consta acreditado que existiera una orden o resolución administrativa de precinto”. Por ese motivo acordouse o sobresemento respecto a estes dous investigados e tamén respecto ao presidente da comisión de festas, quen tiña responsabilidade na organización do evento mais non era autoridade pública nin podía actuar como garante da seguridade.

O dono da atracción, coñecedor da prohibición

Respecto a Genaro Manuel M.D.S., o xuíz destaca que, sabendo que o Concello lle denegara a autorización para instalar o Saltamontes, “operó en las fiestas sin título habilitante”. Como propietario, “debió supervisar que la atracción se adaptaba a los requisitos e innovaciones técnicas existentes, debiendo mantenerla en condiciones aptas para desarrollar la actividad a la que estaba destinada”. O auto sinala ademais que o investigado se acolleu ao seu dereito a non declarar durante a instrución e que, polo tanto, “no ofreció ninguna versión alternativa ni aclaró ninguno de los extremos controvertidos”. A omisión das súas obrigas supón, en todo caso, “una grave infracción del deber de cuidado que le era exigible”.

O sinistro causou, ademais do falecemento de Iván, lesións a dúas testemuñas: a súa moza, que viaxaba con el na atracción e resultou con policontusións e estrés postraumático, e outra moza que padece trastorno de estrés postraumático.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...