A plataforma en defensa dos medios públicos alerta da manipulación na TVG de cara á campaña electoral

Máis de 40 entidades preparan unha gran mobilización e o persoal denuncia privatizacións e 110 vacantes sen cubrir.
Manifestación CRTVG 30N 2024 - 5
Unha das protestas contra o control político da CSAG en Compostela. Elena Martín

A plataforma en defensa dos medios públicos de comunicación avisa de que a deriva informativa da TVG e da Radio Galega se intensificará coa campaña das eleccións xerais. “Estas prácticas antidemocráticas vanse agravar aínda máis no período electoral”, sosteñen as organizacións que a integran, convencidas de que basta prender a televisión ou a radio cinco minutos para comprobar que estes medios “non son obxectivos” e que toman partido “descarada e burdamente”.

Nacida en 2022 ao fío da manifestación do 6 de novembro en Compostela, que pedía unha CRTVG “ao servizo do pobo”, a plataforma traballa agora nunha nova mobilización para reclamar unha radiotelevisión pública que, na súa opinión, deixe de estar secuestrada polo PP e responda a toda a cidadanía.

As organizacións que a integran falan dunha “manipulación insoportable” e denuncian que o uso partidista da TVG e da Radio Galega a favor do PPdeG dura xa anos, choca coa lei reguladora da Corporación de Servicios Audiovisuales de Galicia (CSAG) e contravén a obriga de distinguir entre información e opinión. A data da convocatoria decidirase despois da folga xeral do 11N e das eleccións do 29N.

O chamamento partiu do Comité Intercentros da CSAG, que xa alertou o pasado setembro do agravamento do problema ao arrancar a programación de outono-inverno e que convocou entón as organizacións da plataforma. Esta reúne sindicatos como CCOO, CGT, CIG, CUT, UGT e o Sindicato Labrego Galego, partidos como o BNG e o PSdeG-PSOE, entidades culturais e lingüísticas como a Mesa pola Normalización Lingüística, Defende a Galega ou a Asociación de Escritores en Lingua Galega, e colectivos como Adega ou a Plataforma SOS Sanidade Pública.

Opinión disfrazada de información

Segundo denuncian desde o Comité Intercentros da CSAG, a dirección non rectificou ante a sostida demanda interna contra a manipulación, senón que a profundou. O comité fai unha análise “desesperanzadora” da nova grella e fala dunha “editorialización espúria dos informativos”.

O exemplo máis claro, din, é o espazo de arranque do informativo Bos Días, na TVG, presentado pola xornalista María Cheda. Alí, segundo o comité, reprodúcese cada mañá como pura opinión o argumentario político do PP, case sempre contra a oposición; estatal ou galega. A mesma práctica, engade, esténdese ás Claves do día de Luis Ojea, na Radio Galega e aos faladoiros que salpican a programación, onde xa “non hai pluralidade de voces”. O comité sostén que iso vulnera a lei da corporación e os códigos deontolóxicos do xornalismo.

A plataforma vai máis aló e afirma que o aliñamento co discurso do PP é xa “total” en todos os programas. Sinala que se incumpre así o dereito de acceso que, sobre o papel, protexe a participación de grupos sociais, políticos e sindicais representativos. Nos faladoiros, nas noticias e nos programas non hai espazo, denuncian, para as voces que a dirección, seguindo directrices da Xunta, considera disidentes.

“Non hai unha opinión discordante”

Raquel Lema, presidenta do Comité Intercentros, concreta o sesgo nos faladoiros. Nos do informativo matinal da TVG “non hai unha opinión discordante”, asegura, e o mesmo ocorre en O Termómetro, unha coprodución cuxa dirección e redacción están externalizadas.

Segundo Lema, as intervencións coinciden en criticar o Goberno de Pedro Sánchez e apoiar Alberto Núñez Feijóo. Cando o foco se achega a Galiza, a Xunta de Alfonso Rueda recibe loas, mentres a oposición aparece pouco e case sempre en negativo, con atención aos problemas dos concellos que gobernan BNG e PSOE.

O que máis indignación provocou este ano, relata, foi a apertura do informativo matinal: unha editorial “pura e dura e impropia dun medio público”. Para Lema, esa sección confunde información con opinión e está “absolutamente aliñada co argumentario do Partido Popular”, sexa o de Feijóo ou o de Rueda segundo o asunto. Do Termómetro cita a cobertura de Ceuta, co relato de que “nos están invadindo”; e coa “mesma traca hiperbólica” todos os días e en sintonía co que defenden PP e Vox. “É gravísimo”, resume.

Privatización e perda de persoal propio

Á editorialización, o comité suma o avance da externalización. Denuncia a creación paseniña dunha redacción paralela que controla os espazos informativos e que o resto da grella está en mans de produtoras que traballan “ao ditado” da dirección, de modo que case non quedan minutos de radiotelevisión pública libres de inxerencias.

Lembra que o persoal respondeu o ano pasado á privatización de O Termómetro con varias xornadas de folga, ao entender que o fin era favorecer a manipulación, e sostén que o tempo lle deu a razón. A dirección aproveita este formato de infoentretemento, afirma, para colar na axenda cidadá as estratexias do PP contra a oposición e crear un estado de opinión próximo á ideoloxía conservadora do partido que goberna na Xunta e aspira a gobernar en España.

Na nova temporada mantense a externalización do programa deportivo radiofónico A Penaltis. Na Radio Galega, as mañás de fin de semana perderon produción propia coa chegada de Galicia viaxeira e En boa onda, feitos por produtoras externas, que substitúen o histórico Galicia por diante fin de semana. O emblemático Diario cultural quedou relegado aos sábados e domingos de sete a oito da mañá. Na TVG non está previsto recuperar o volume de retransmisións de eventos nin a presenza en directo nas rúas, que tampouco se espera na Radio Galega.

O persoal propio, maioritariamente molesto e mobilizado contra estas prácticas, diminúe ademais cada ano. A empresa non cobre as prazas que quedan baleiras por falecementos e xubilacións, que xa suman 110 sobre un cadro de 831 persoas e, segundo o comité, seguirán aumentando.

Con este panorama, o comité considera necesaria unha reacción do conxunto da sociedade para rescatar a CSAG, como a de 2022, cando máis de 40 colectivos e organizacións se uniron en Compostela. A plataforma tamén promoveu a iniciativa lexislativa popular Liberemos a Galega!, que defendía un cambio de modelo de medios e que en setembro de 2025 tumbou no Parlamento a maioría absoluta do PPdeG. Chegou o momento, sosteñen, de volver saír á rúa para poñer o foco no que consideran un “secuestro antidemocrático” dos medios públicos.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...