Opinión
Centro de menores estranxeiros de Monforte: acoller ben para previr lumes

Houbo tempo para preparar a acollida e abrir novos recursos. A Xunta optou por separar “o problema”, cun discurso xenófobo e racista.
Fabiola Monforte
A conselleira de Política Social, Fabiola García, nunha visita ao centro de menores incendiado. Foto: Xunta.
Responsable de Política Institucional de Esquerda Unida.
24 sep 2025 15:30

As imaxes de crianzas africanas, envoltas en mantas vermellas no peirao de Arguineguín, pasaron de impactar a sociedade a anestesiar ou armar discursos de odio nunha parte dela.

A pesares de que a ruta migratoria está a mudar e non chega a España xa exclusivamente por Canarias, abríndose outras vías como a das Baleares, entre outras razóns polos conflitos bélicos de territorios de paso en África e o labor do propio Frontex europeo, que sufraga centros de retención en determinados lugares do norte do continente, Canarias segue sendo a comunidade na que se concentrou en maior medida o número de menores migrantes non acompañados, xunto con Ceuta e Melilla, nos últimos anos en España.

Esta situación tensou profundamente o sistema de protección á infancia e está a conducir a un posible colapso ao sistema de acollida a menores migrantes nestes puntos xeográficos. Baixo esta premisa, o Goberno de España decidiu adoptar medidas urxentes para un reparto solidario interterritorial destes menores, que culminou coa aprobación do Real Decreto 2/2025. No desenvolvemento deste decreto, as comunidades autónomas gobernadas polo PP negáronse, en reiteradas ocasións, a sentar nas mesas da conferencia sectorial co ministerio.

A Xunta de Galicia, coñecedora desde hai máis dun ano da súa participación nesa acollida solidaria, en lugar de preparar o seu sistema de protección, xa sobrecargado —isto é, con máis nenos acollidos ca prazas concertadas en centros—, negouse a negociar co Ministerio, e o desentendemento entre as partes foi tal que a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, ante as primeiras solicitudes de acollida, improvisou unha “solución” rápida e excluínte: o anuncio da apertura dun macrocentro para 80 prazas en Monforte de Lemos, cando é probable que o número de menores que cheguen triplique ou cuadriplique a súa capacidade.

Fabiola García anunciou que vai empregarse o edificio da entidade Prodeme, aínda sen asinar o contrato nin a xestión, como centro exclusivo e “urxente” para estes menores migrantes. É insultante e falaz alegar urxencia e falta de medios, cando houbo tempo para preparar esta acollida e abrir novos recursos. Separar e non acoller en condicións de igualdade a estas nenas e nenos é ir en contra da Convención dos Dereitos da Infancia. Con esta actitude de rabecha infantil da conselleira, ponse de manifesto que o goberno da Xunta prefire desprotexer a infancia para confrontar o goberno do Estado antes que amparar e defender os dereitos da mesma. Decide separar “o problema”, cun discurso xenófobo e racista.

Desde Esquerda Unida vimos denunciando desde hai meses esta situación, reclamando á Xunta a necesidade de dotar de máis recursos a un sistema completamente sobrepasado, con cada vez máis nenos e nenas con problemáticas de saúde mental ás que non se lles dan resposta desde o Sergas nin desde a Consellería de Educación, e en moitos casos rematan no sistema de protección.

A falta tamén de maior investimento nos Servizos Sociais municipais fai que moitos casos de risco que poderían terse atallado desde o eido local rematen en desamparo. A ausencia de centros e programas propios tamén é evidente, estando a xestión externalizada en practicamente toda a súa totalidade, tanto no acollemento residencial como na xestión dos programas de acollemento familiar, o que supón unha mostra máis da deriva privatizadora do sistema público de atención ás necesidades básicas da infancia deste goberno da Xunta de Galicia.

Con todo, en troques de abrir novos recursos ante a inminente chegada de menores migrantes a Galicia, o goberno da Xunta presentou un recurso de inconstitucionalidade.

Desde a nosa organización fixémonos eco das demandas, neste tempo, tanto de asociacións en defensa dos dereitos da infancia como de voces implicadas no propio sistema de protección, sinalando a urxencia de abrir novos centros de acollida residencial, como as casas de familia; procurar, formar e seleccionar familias acolledoras e contratar persoal preparado; coordinar recursos sociais, educativos, xurídicos e de mediación cultural, ademais de incrementar o persoal dos equipos técnicos de menores.

Nestes días, Alfonso Rueda sinalaba que non había prazas na rede de protección: a confesión pública de que non só non puxo remedio en todo este tempo á precaria situación na que actualmente está, senón que isto lle serve como escusa para negarse a esta acollida solidaria.

Tal e como vimos advertindo, a integración masiva sen unha previa planificación pode colapsar o sistema de protección galego, e se hoxe o sistema está desbordado é porque a Xunta non considerou a infancia unha prioridade en ningún momento. Desde Esquerda Unida levamos tempo reclamando a necesidade da creación dunha mesa intersectorial para planificar e deseñar a acollida destes nenos e nenas migrantes e garantir a protección dos seus dereitos.

Planificar esta acollida debería ter pasado necesariamente por estudar a problemática en orixe  e favorecer o intercambio de información entre centros de saída e de destino. Isto significa estudar, nun diálogo que nunca existiu entre a Xunta e o Ministerio de Infancia e Xuventude, os recursos sanitarios, educativos, sociais, culturais, laborais e contorna coa que contamos e conxugala coas necesidades e características destes menores desprazados, as súas etnias, idiomas, orixes, idades, relixións, posibles discapacidades ou patoloxías, situacións familiares, proxectos migratorios…

A apertura dun macrocentro, como o que anunciou a conselleira para Monforte, vai en contra da boa praxe en materia de protección á infancia. O discurso do odio xa está sementado e o gueto preconstruído, e alimentar o odio e a guerra partidista implica criminalizar unhas crianzas e adolescentes que queren vir a gañar a vida, fuxir da guerra, dunha ablación ou da miseria, e cando algún político ávido de votos, como o candidato de Vox por Monforte, recoñece que a apertura dese centro lle vai supor moitos votos, a mecha xa está prendida, e na madrugada do sábado 19 de setembro alguén prende, literalmente, o lume.

Señora conselleira, que recursos pensa ofrecer para estes rapaces que teñen xa parte da casa queimada antes de pousar o seu macuto na cama?

A chegada destas crianzas e adolescentes é inminente, pero aínda estamos a tempo de acoller ben.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.

Relacionadas

Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...