Teatro
O FIOT ante o colapso: teatro para imaxinar novas realidades
“Cando todo cae, vén ao teatro”, esa é a invitación que o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) fai este ano na súa 35ª edición. Desde o 23 de setembro e ata o 31 de outubro, Carballo convértese na capital das artes escénicas cunha programación que xira arredor da idea do colapso. Un total de 43 espectáculos, con oito estreas absolutas e nove estreas en Galiza, procedentes de oito comunidades autónomas e de Portugal, ademais dunha vintena de actividades conviven durante estes meses.
“Nós partimos do colapso non como un punto final, senón como un principio”, explica Alberto Sueiro, director do FIOT, quen reflexiona e reivindica o papel da arte dramática fronte á era dixital: “O teatro leva 2.500 anos acontecendo e hoxe é unha alternativa máis viva ca nunca. Fronte ás pantallas e a virtualidade, obriga a unha experiencia física e colectiva”.
Desde o seu inicio catro semanas atrás, obras de gran renome como a Odisea da Companhia do Chapitô, ICTUS (Anatomía de “A derradeira leición de Castelao”) de Chévere, Las gratitudes con Gloria Muñoz ou Libres!!! protagonizada por Alba Flores acabaron co público en pé nas catro actuacións.
Precisamente, Libres!!! reuniu o sábado un auditorio cheo. Escrita pola dramaturga galega Esther F. Carrodeguas e coa produción de Teatro del Barrio e do Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en Libertad, a peza inspírase en Mujeres Libres, unha organización anarcosindicalista que defendeu a igualdade, o antifascismo e a revolución social. A proposta adopta a forma dun cabaré que combina música, humor e cancións para recuperar a memoria daquelas mulleres e reflexionar sobre a vixencia das súas reivindicacións.
O festival afronta unha nova semana e, entre as propostas máis agardadas desta recta final, destaca Vendrán los alienígenas y tendrán tus ojos, de María Velasco, Premio Nacional de Literatura Dramática en 2024. Escrita e dirixida pola propia autora, a peza explora o amor e os vínculos afectivos desde unha mirada que mestura humor, autoficción e ciencia ficción, abrindo a porta a observar as relacións humanas desde territorios tan cotiáns como insólitos.
“Hai moita expectativa por ver a obra Vendrán los alienígenas y tendrán tus ojos. E, por suposto, por ver a El Brujo, unha figura que atrae moitísima xente”, sinala o director do festival, quen prevé novas salas cheas para a recta final.
Será El Brujo quen pechará a programación coa estrea en Galiza de La segunda venida de Cristo o el yoga de Jesús, un arriscado monólogo que mestura humor, palabra, improvisación, música en directo e reflexión. “Esperamos que o remate sexa como o inicio, con moita afluencia”, agarda Sueiro.
OTNI: cando o teatro desafía as formas tradicionais
Máis alá das propostas de sala máis aclamadas, o FIOT volve dar espazo ás linguaxes híbridas e aos formatos fóra do convencional. O OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) é unha liña de programación concibida como un laboratorio de innovación e risco escénico que este ano acolle seis funcións. “O OTNI é aquela parte do festival que dedicamos ás propostas máis alternativas e arriscadas. Buscamos creadores que teñan miradas diferentes, tanto en formatos como en linguaxes non tan convencionais”, explica Sueiro. “Estamos moi contentos porque, despois de tantos anos, partimos sempre coa expectativa de que os principais espectáculos van encher as salas porque xa temos a experiencia doutras edicións, pero este ano estamos a observar moitísima afluencia en todas as actuacións”, destaca Sueiro.
O director do FIOT lembra as orixes do ciclo: “No seu día puxémoslle ese título un pouco como un farol: ollo, mira onde te estás metendo porque probablemente atopes unha función diferente ou de teatro moi contemporáneo. Naquel momento pasaban por ser propostas moi minoritarias, pero hoxe en día xa ten o seu propio público. É como unha especie de festival de teatro paralelo”.
Unha mostra deste éxito de acollida puido verse xa o domingo 11 de outubro con Yo nací en un surco de judías, da compañía Almealera (Premio Fetén 2026), un exercicio de teatro documental arredor do mundo rural que reuniu a cento oitenta e seis persoas na sala. “Unha afluencia moi grande para este tipo de propostas. Estamos moi contentos porque aí é onde normalmente podes atopar esas pequenas xoias e descubrimentos cos que ao mellor non contabas porque teñen menos promoción ou creadores menos coñecidos, e aí é onde se atopan as propostas máis gratificantes”, salienta Sueiro.
A sección arrancou o xoves 1 de outubro con Ninguén tira fotos nos enterros, a autoficción sobre a memoria e a morte coa que debutou a compañía de Carlota Mosquera despois de acadar o premio á mellor interpretación no Certame de Micro-Escenas M² de 2023. O xoves 15 de outubro o artista e investigador galego Álvaro Corral Cid presentou Asoballada por fentos, unha peza entre o concerto e a conferencia performativa desenvolvida no marco das Residencias Paraíso 2026 que revisita a memoria folclórica galega e a instrumentalización das tradicións durante o franquismo.
O venres 16 de outubro estreouse en Galiza Cosas pequeñas, da compañía catalá PSiRC, que combina circo contemporáneo, teatro de obxectos, microcinema e poesía visual para reflexionar sobre a humanidade nun mundo dominado polos algoritmos.
O OTNI continuou a súa programación o domingo 18 de outubro con Doce metros cuadrados de piel, de La Rueda Teatro Social, unha experiencia de creación interxeracional que aborda sen tabús o desexo, a sexualidade e o pracer ao longo da vida. A proposta contou coa participación da veciñanza de Carballo nun proceso de mediación previo. O ciclo pechará o domingo 25 de outubro con Solo quería bailar, de Olalla Hernández, unha traxicomedia sevillana de espírito punk dirixida por Alberto Velasco que mestura monólogo, humor e danza para retratar a precariedade e as estruturas de exclusión a través da historia dunha bailarina no cárcere.
Teatro para todas as etapas da vida
Se algo define ao FIOT, alén da calidade dos seus espectáculos, é a súa vocación de chegar a toda a sociedade. A transversalidade e a diversidade xeracional son piares fundamentais da súa filosofía, deseñando propostas que abranguen desde a primeira infancia ata a terceira idade.
O festival busca de xeito moi consciente aos máis pequenos a través do FIOTiño, unha liña deseñada para a infancia e o público familiar que introduce as artes escénicas desde o berce. Pero tamén dedica esforzos específicos á adolescencia, ese tramo complexo entre os 15 e os 18 anos no que a afición ao teatro adoita decaer.
Dentro do FIOTeen, enfocado no público mozo, prográmanse obras con temáticas e linguaxes actuais como Caballito de mar (de Flyhard Produccions), unha reflexión sobre a transexualidade e as realidades sociais contemporáneas que raras veces teñen cabida nos circuítos convencionais. Paralelamente, o festival achega actuacións directamente ás residencias de maiores, logrando unha transversalidade real que conecta desde a infancia ata a terceira idade.
Esta capacidade para conectar con públicos de todas as idades reafírmase como unha das grandes virtudes do festival. E nun contexto marcado pola incerteza e a dixitalización, o teatro mantén a súa esencia máis pura. Como resume Sueiro, seguindo nesta liña de pensamento sobre o colapso: “O teatro segue vivo, está aí. O acto de vir ao teatro, de vir ao FIOT, supón case unha pequena resistencia”.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!