O legado de Feijóo na sanidade galega: 91 días de espera para unha cirurxía e 120 concellos sen pediatra

A Plataforma SOS Sanidade Pública atribúe o deterioro asistencial aos recortes e á falta de planificación, mentres a Xunta responsabiliza das demoras ás folgas médicas.
Nuñez Feijóo Hospital Álvaro Cunqueiro Vigo
Alberto Nuñez Feijóo no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo canda o exconselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.

Quen entra hoxe na lista cirúrxica do Servizo Galego de Saúde (Sergas) agarda de media 91,1 días para operarse, segundo os datos de xuño do propio Sergas. Son 55.348 as persoas que agardan, case 8.500 máis ca hai un ano.

Para a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (Agdsp), a orixe está nunha política de recortes que arrincou en 2009, co Goberno de Alberto Núñez Feijóo, hoxe presidente do PP, e que continúa co de Alfonso Rueda.

Esperas que medran

O Ministerio de Sanidade rexistraba 55 días de tempo medio de espera para unha cirurxía en Galiza en 2012. En decembro de 2025, a espera ascendía a 73 días. Tamén hai menos camas: 10.581 en 2009 e 9.452 en 2023, segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE).

O deterioro tampouco é igual en todas partes. A área de Santiago-Barbanza ten a espera máis longa para unha cirurxía, 116,1 días, e concentra 339 dos 504 pacientes que levan máis dun ano agardando.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, recoñeceu que os datos son malos, pero atribúeos ás folgas médicas contra o Estatuto Marco do Goberno central. O Sergas, consultado por este medio, sostén que a tendencia era positiva antes dos paros. A 30 de novembro de 2025 facíanse 4.263 operacións máis ca un ano antes. No primeiro semestre de 2026 fixéronse un 14,2 % menos, e os paros suspenderon uns 215.000 actos asistenciais, 5.000 deles cirurxías, segundo o relato do órgano dependente da Consellería de Sanidade.

Sanidade engade que as operacións urxentes subiron un 10,8 % e que os casos de prioridade 1 esperan 22,2 días, por baixo do límite de 30. Defende tamén que, antes das folgas, Galiza estaba moi por baixo da media estatal e que os concertos non chegan ao 6 % do orzamento.

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública contradí ese relato. Xosé María Dios Diz, membro da Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia e secretario da asociación, lembra que as listas de agarda deberían publicarse catro veces ao ano e só se publican dúas. “A transparencia brilla pola súa ausencia”, denuncia.

Recorda tamén que a Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias fixaba 45 días para unha primeira consulta ou unha proba e 60 para a cirurxía. Prazos que, sostén, incumpren “sistematicamente”.

Sobre os paros, é tallante. A folga dos médicos “é de onte para aquí”, mentres que as listas excesivas “prodúcense practicamente desde que empezou a gobernar o Partido Popular, hai 18 anos”. Dios Diz insiste en que os paros non son o factor fundamental. A raíz, di, é a falta de profesionais, con soldos base que cualifica de “miseria”, e unha xestión que busca escusas para “seguir engordando a privada”.

O diñeiro que vai á privada

O Consello de Contas recolle que en 2024 o Sergas adicou 249,5 millóns á asistencia con medios alleos —87,7 deles a Povisa— e advirte de que segue a contratar directamente con entidades privadas, sen concorrencia, mediante autorizacións de uso temporal.

Segundo os últimos datos dispoñibles no Portal de Transparencia da Xunta, só no mes de maio de 2026 o Sergas aprobou unha modificación orzamentaria para pagar a atención sanitaria que se presta con medios alleos na Área de Vigo: 1.600.000 euros para concertos con entidades privadas.

O gasto do Sergas chega en 2026 aos 5.536 millóns, 670 máis ca en 2023, pero segundo a análise da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública, case a metade, 2.640 millóns, acaba en mans privadas entre concertos, farmacia e material sanitario.

A poboación galega é a que máis paga do seu peto, 659 euros por persoa, e un de cada cinco fogares sofre exclusión ligada á saúde por motivos económicos. Así mesmo, Galiza é das comunidades que máis financiación pública dá aos hospitais privados concertados, un 40,1 % fronte á media do 17,6 %.

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública denuncia tamén que o complemento de exclusividade impulsado por Rueda permite a dobre dedicación dos xefes de servizo, designados, di, por procesos “amañados”, e que admisión ten a orde de derivar os pacientes menos complexos e máis rendibles.

Unha primaria que non aguanta

O problema non empeza no quirófano. O Consello de Contas estipula que o Sergas destina á atención primaria o 12 % do gasto sanitario, fronte ao 14 % da media estatal e ao 25 % que recomenda a OMS.

O órgano consultor tamén sinala que 120 concellos non teñen pediatra e outros 96 o comparten. En 2023 o 28 % do persoal tiña contrato temporal e, a setembro de 2025, aínda non se nomearan 271 prazas de médico de familia.

Tampouco se garante o relevo: para manter os médicos actuais habería que ofertar unhas 515 prazas en 2027. E en Ferrol e Pontevedra-O Salnés só entre o 34 % e o 40 % das citas con medicina de familia se atenden en menos de 48 horas, o obxectivo do Sergas.

Dios Diz eleva a 200 os concellos sen pediatra e di que o máis importante do informe é o “deterioro xeral” que describe. Dende a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública enumeran as causas que atribúen ao desastre: a política de recortes iniciada en 2009, responsables da Consellaría nomeados por afinidade política e non por formación, xefes de servizo designados mediante procesos que cualifican de “amañados” e autorizados a traballar na pública e na privada, hospitais que aproveitan só media xornada os quirófanos e medios diagnósticos mentres derivan pacientes a centros concertados, e a ausencia dunha política de persoal que incentive o traballo no sistema público.

En 2022, co último orzamento de Feijóo, a asociación xa advertía de que a Atención Primaria baixaba do 13,7 ao 13,4 % do gasto e denunciaba colas e esperas de máis de dez días nalgúns lugares. Daquela criticaba que as prioridades anunciadas por Feijóo fosen baixar impostos e crear unha Área Sanitaria Virtual, mentres o gasto hospitalario público quedaba conxelado e o farmacéutico hospitalario subía un 20,4 %.

Os números do propio Sergas retratan unha sanidade pública que agarda máis e atende peor. É aí onde a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública sitúa a herdanza de Feijóo: recortes desde 2009 e cada vez máis diñeiro público fóra do sistema.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...