Sanidad pública
SOS Sanidade Pública volve á rúa en Vigo para esixir a reconstrución da área sanitaria
A plataforma SOS Sanidade Pública volve mobilizarse hoxe en Vigo ás 19h desde a praza dos Cabalos. A convocatoria, anunciada a principios da semana pasada, ten como obxectivo reclamar a “reconstrución” da área sanitaria da cidade, un proxecto que os seus impulsores defenden como plenamente viable. “É posible ter outra sanidade pública. Non é unha utopía”, subliñaron.
O portavoz da plataforma na área sanitaria de Vigo, Manuel González Moreira, foi o encargado de presentar a protesta e de describir o que considera un deterioro da asistencia na cidade. Entre os exemplos citou a coexistencia dun hospital privado que, segundo as súas cifras, atende a unhas 100.000 persoas, e o Álvaro Cunqueiro, centro no que, nas súas palabras, o sistema público está “de aluguer”.
Cobertura pública e falta de profesionais
González Moreira considerou “fundamental” reconstruír a área para que o 100% da cidadanía quede cuberto por centros de titularidade pública. Ao seu xuízo, isto pasa tamén por facer máis atractiva a cidade para os profesionais sanitarios, xa que “cada vez é máis difícil que queiran traballar en Vigo polas condicións ás que están sometidos”.
O portavoz animou os vigueses a saír á rúa, convencido de que a situación pode reverterse mediante “decisións políticas”.
Críticas aos orzamentos da Xunta
Preguntado polo proxecto de orzamentos da Xunta de Galiza, González Moreira asegurou que as contas “non recollen” a “sobrefinanciación” que ao seu entender precisa a área viguesa para a súa reconstrución, e tampouco inclúen un plan específico para a cidade.
Respaldo do BNG e Fronte Ampla
Na presentación, a plataforma estivo acompañada por representantes políticos. Por parte do BNG de Vigo asistiu o seu portavoz, Xabier Pérez Igrexas, mentres que Fronte Ampla estivo representada por Verónica Martínez Barbero, portavoz de Sumar no Congreso e candidata desta formación.
Martínez Barbero cargou contra o Partido Popular, ao que acusou de ter levado a sanidade a “converterse nunha sanidade practicamente privada”. “Non temos un hospital público. Temos unhas listas de espera longuísimas”, afirmou. A dirixente sostivo, ademais, que os populares pretenden que a cidadanía dependa de seguros privados: “Hai un obxectivo de fondo (...) que é que teñamos que acudir a sistemas privados”, asegurou, antes de reclamar unha maior investimento na sanidade pública.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!