We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
O Salto Galiza
O presidente da Xunta coloca á curmá de Feijóo como subdirectora na Consellería de Política Social
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, confirmou este luns o nomeamento de Eloína Núñez Masid, curmá do expresidente galego e líder do Partido Popular de España, Alberto Núñez Feijóo, como a nova subdirectora xeral de Envellecemento Activo e Prevención da Dependencia e Innovación Sociosanitaria da Consellería de Política Social.
En rolda de prensa, o xefe do Executivo autonómico defendeu o nomeamento de Eloína Núñez e a súa idoneidade para o cargo, sinalando que ao longo dos anos ocupou postos de “responsabilidade importante e, polo tanto, atesourou experiencia importante tamén” como funcionaria pública.
Política
Redes clientelares Así evita os concursos da Xunta a empresa da irmá de Feijóo: cinco millóns en 1.311 facturas
“Todo o mundo ten dereito a optar aos postos”, afirmou o mandatario galego, destacando que, aínda que probablemente había outros candidatos que cumprían os requisitos, Eloína Núñez conta con “méritos para esta designación”.
“Eu non vou caer en dicir que hai persoas que baixo ningún concepto poden optar a postos”, subliñou Rueda, engadindo que menos aínda cando a persoa en cuestión ten os méritos para o posto, o cal está reservado para funcionarios de carreira, lembrou.
De dirixir a área sanitaria de Santiago aos despachos da Xunta
A curmá de Feijóo tivo unha gran carreira de ascensos en postos de libre designación na Xunta de Galiza. Núñez Masid tivo un ascenso meteórico na súa carreira sanitaria apenas uns días despois de que o seu primo fose investido presidente da Xunta en maio de 2009. Non importou que xa ostentase cargos dentro do Partido Popular de Galiza ou mesmo unha concellaría (Ourense) baixo a súa cor política.
Eloína Núñez foi ascendida polos fíos da Consellería de Sanidade até dirixir a xerencia de todo o complexo hospitalario da provincia de Ourense só un pouco máis dun mes despois de que o seu primo fose investido presidente. A comezos de 2017, a mesma consellería volveu ascendela, colocándolle a batuta de todos os hospitais públicos da área sanitaria de Santiago de Compostela.