We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
Medio rural
A Escola dos Pobos chega a Lugo para reivindicar un mundo rural con futuro

A Escola dos Pobos, un proxecto colectivo que busca fortalecer a vida no rural e recuperar os saberes tradicionais, presentarase este mércores 7 de maio en Lugo, no Centro Social Madia Leva!. A iniciativa chega á cidade da man do Sindicato Labrego Galego e outras entidades afíns, tras superar a primeira fase da súa campaña de financiamento colectivo na plataforma goteo.org, con máis de 500 persoas mecenas.
Este espazo formativo e comunitario, que terá a súa sede en Quecedo de Valdivielso (comarca das Merindades, Burgos), é impulsado por Memoria Viva de los Pueblos, a Revista Soberanía Alimentaria, Biela y Tierra e a Universidade Rural do Cerrato, e conta xa co respaldo de máis de 50 organizacións de diferentes territorios.
A Escola busca crear un lugar de encontro onde formar “promotores e promotoras de vida”, persoas comprometidas coa revitalización dos territorios e a defensa dunha vida digna no rural. Ademais, pretende fortalecer as relacións entre o mundo rural e o urbano, fomentando o respecto mutuo e a cooperación como base para a supervivencia de ambas realidades.
Co obxectivo de acadar os 90.000 euros necesarios para iniciar a rehabilitación do edificio —actualmente en ruínas—, a campaña de micromecenado ofrece recompensas como rutas guiadas de montaña, talleres artísticos, experiencias de pastoreo ou enoturismo, e obras de arte doadas por artistas comprometidos co proxecto.
A Escola dos Pobos combinará formación técnica en agroecoloxía, gandaría extensiva, oficios tradicionais ou saúde comunitaria, cunha perspectiva crítica e reflexiva sobre as causas do abandono rural, a perda de medios de vida e a erosión das culturas locais.
A campaña culminará co Festival da Memoria, un evento participativo que servirá para celebrar e dar visibilidade a esta aposta pola vida no rural.