Axentes de paisano agrediron e identificaron un mozo na manifestación por Palestina que desbordou Compostela

A Policía Nacional puido ter infiltrado polo menos 17 axentes na mobilización.
inflitrados santiago
Agentes infiltrados en la manifestación por Palestina en Santiago de Compostela.

Cando menos nove axentes da Policía Nacional participaron na retención dun mozo durante a manifestación que ateigou o pasado domingo as rúas compostelás en apoio a Palestina fronte ao xenocidio. Segundo explicou nada máis ser liberado, viu unha lea e tratou de intervir para apazugala, ignorando que varios dos implicados eran axentes de paisano que estaban practicando unha detención.

A manifestación, convocada pola Coordenadora Galega de Solidariedade coa Palestina co apoio de máis de 200 entidades sociais, sindicais e culturais, saíu ás 12 da Alameda e reuniu máis de 80.000 asistentes procedentes de toda Galiza segundo as organizacións convocadoras. Ao seu paso pola rúa do Doutor Teixeiro, varios policías de paisano actuaron con violencia ao remate do bloque da Asociación Galego Arxentina pola Memoria (AGAMA), que portaba unha gran pancarta de arrastre cos nomes de máis de 60.000 palestinos asasinados polo Estado de Israel.

Unha testemuña do ocorrido declara para O Salto que a esa altura se situaba o baby block, no que se agrupaban varias familias con nenos, e que sospeitou da premeditación dunha intervención por parte de axentes de paisano antes de producirse: “Iamos preocupados desde a praza de Galicia porque dous dos infiltrados levaban toda a rúa do Doutor Teixeiro indo por cadanseu lado da rúa entre o baby block e o grupo seguinte, intercambiando acenos”.

De acordo co seu testemuño, os axentes abalanzáronse sobre a faixa do baby block sen motivo aparente: “Xusto o momento previo perdino por facer caso ás crianzas, pero dous segundos antes estaba todo normal e os do grupo de atrás ían tranquilos tamén. Non me pareceu ver nin oír nada diferente. Foi xirar a cabeza e ver como saltaban. Estabamos tan pegados que ata levaron golpes algúns dos pais do grupo”.

O Salto tivo acceso a un vídeo no que se observa como varios infiltrados reducen un manifestante, pero o tumulto que se forma a continuación permítelle escapar. Outro manifestante, que segundo as súas palabras descoñecía que se trataba de axentes policiais e interpretou que estaba producíndose unha pelexa, procurou separar os contendentes e calmar a situación, pero resultou el o único retido polos policías.

Nos vídeos gravados nese momento obsérvase que cando menos dous axentes ían armados con porras extensibles e as aplicaron contra el, mesmo cando outro dos policías o está agarrando do pescozo para reducilo. Segundo narrou para O Salto, ata o instante no que recibe o primeiro broucazo el non vira ningunha porra, e o golpe que recibiu na perna estragoulle o móbil que levaba no peto. Froito da violencia da redución declara que quedou cun brazo dorido.

Oito infiltrados
Nove axentes infiltrados participaron no dispositivo que retivo un mozo durante a manifestación. Fran Pérez

Seguidamente foi conducido a un portal próximo para a súa identificación e acordoado por un dispositivo policial. Ducias de manifestantes concentráronse perante o dispositivo reprochándolle ao Corpo Nacional de Policía a súa actuación ao berro de “estas son as nosas armas”. Cando o liberaron, o rapaz retido declarou que a Policía lle comunicara que non o levaban detido debido á xente que se amoreara en fronte, pero que lle chegaría unha citación.

Infiltrados praza Galicia
Grupo de 14 presuntos policías infiltrados dos que poden identificarse seis (rodeados de branco) nos vídeos do dispositivo policial da rúa do Doutor Teixeiro. Cedida.

Nunha fotografía tomada na praza da Galicia durante a manifestación pode verse un grupo formado por 14 persoas das que polo menos seis poden identificarse como axentes infiltrados no vídeo da retención, ademais doutros tres que participaron tamén de paisano no dispositivo. Isto apunta a que, como mínimo, houbo 17 infiltrados policiais na mobilización galega secundada por PSdeG - PSOE, BNG e Sumar.

Compostela Palestina 80.000 persoas
Máis de 80.000 persoas manifestáronse este domingo en Santiago de Compostela en apoio a Palestina. Sara Garchi
Pancarta Palestina AGAMA
Pancarta de arrastre elaborada por AGAMA cos nomes de máis de 60.000 persoas palestinas asasinadas por Israel. Fran Pérez
Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.

Relacionadas

Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...