Os 'nosos' populistas, entre a orde e o medo ao cambio

Unha análise dos populismos que levan gobernando na Galiza dende a Transición. Repasamos os perfís de Fraga, Paco Vázquez, Baltar Pumar e os actuais Caballero e Jácome.
@Ian_dpaso
12 oct 2023 06:00

Julio Gil Pecharromán e Luiza Iordache Cârstea identifican no Reino de España tres variantes populistas, dúas no campo da dereita: o populismo neoliberal, partidario del Estado mínimo e do goberno dunha elite tecnocrática; e a dereita radical populista, ultrapatriótica e xenófoba, herdeira (e modernizadora) da vella cepa franquista. Outra na esquerda, que denominan “social-populismo poscomunista”, xurdida do 15M e as mobilizacións antisistema.

Contemplado como “estilo político”, “formato de comunicación”, “discurso”, “construción dun imaxinario colectivo” ou “expresión da política contenciosa” é doado atopar trazas de populismo na maioría dos partidos. Nuns como fundamento e noutros como consecuencia da contaminación cruzada que favorece a mediatización da política. Con todo, o populismo sometido a escrutinio crítico, con vontade de proscrición política, é esencialmente o populismo de esquerdas por ser o que impugna —e aspira superar— o Réxime do 78.

A cruzada contra o populismo impulsada desde 2014 polos medios conservadores edulcorou o populismo neoliberal e mais o da ultradereita

A cruzada contra o populismo impulsada desde 2014 polos medios conservadores edulcorou o populismo neoliberal e mais o da ultradereita. En El populismo en España. Claves de identificación y presencia en los partidos políticos (Dykinson, 2003), Juan Manuel Burgos e Santiago Leyra-Curiá confeccionaron un índice do grao de populismo dos partidos. Os autores están vivamente preocupados pola emerxencia da razón populista de esquerdas e o resultado da súa investigación non deixa de ser tan chocante como choqueiro. De maior a menor grao de populismo: Unidas Podemos: 8,8; ERC: 8,2; PNV: 7,1; PSOE: 6,9; Vox: 5,8; PP: 4,4; e Cs: 3,8.

Dóelles o populismo da esquerda. Na Galiza, porén, os populismos máis duradeiros estiveron historicamente —e están, na actualidade— entroncados co PP e o PSOE —Fraga, Paco Vázquez, José Luís Baltar, Abel Caballero…— ou foron utilizados como solución extrema para encorar o cambio político (Pérez Jácome).

Fraga, o populismo autoritario

Nun vídeo electoral de 1977, Fraga afirmaba con rotundidade que Alianza Popular era “unha forza populista” e teimaba: “Somos unha forza populista que vimos do pobo e imos ao pobo, contra os vellos e novos caciques”. O relatorio do III Congreso de AP, redactado por el en 1979, definía o partido como populista, conservador e reformista. No seu libro Ideas para la construcción de una España con futuro (Planeta, 1980), avoga por “un verdadeiro populismo (...). Nin podemos renunciar a el, nin actuar de modo incongruente con esa idea; na que caiba todo o pobo, toda a sociedade real”. Para Fraga o populismo non era unha idea pasaxeira.

Fraga non foi quen de atopar unha fórmula populista triunfante que o levase á Moncloa. Logrouno en Galiza. En 1981 arroupou, como presidente de Alianza Popular, a campaña de Xerardo Fernández Albor co lema “Galego coma ti”. En 1989, presentouse ás autonómicas cun slogan rotundo: “O presidente para un gran Pobo”. Carlos Calvo definiu o fraguismo como un “proxecto hexemónico á vez regresivo e modernizador, impulsado por un populismo autoritario que se abalanzou sobre o galeguismo histórico como fonte de lexitimación democrática”. Unha exitosa estratexia que, “a través da piratería simbólica da expropiación e a confiscación dos referentes galeguistas”, permitiu á dereita crear un “novo galeguismo desactivado de toda carga soberanista e que conseguiu facerse tremendamente popular”. Na matriz, un populismo autoritario que tiña moito en común co populismo neocon de Margaret Thatcher.

A oposición afeará o seu populismo abaixado como folclorismo. Bautista Álvarez denunciará o seu “populismo gastronómico” e salientará que “é a través da gastronomía onde tradicionalmente se practica o clientelismo” e “onde se reparte o pastel”. Camilo Nogueira critícalle que “o seu populismo é a negación da democracia, da política auténtica, da seriedade, da imaxinación e do rigor”. Xosé Manuel Beiras vaino sinalar como “un populista que manipula o pobo, como Perón”. Na polémica, Fraga non renegará do seu populismo. Retrucará con retranca a Beiras que “non hai que ser ruso para ser un bo populista” e reafirmarase na idea de que “populista é simplemente o home que cre no pobo”. Emendará a Nogueira: “O populismo é unha das máis nobres palabras da historia do pensamento político”.

Os seus resultados: un réxime de partido ultradominante e a institucionalización Autonomía galega como unha construción conservadora

O ideario de Fraga definirá un complexo —e moitas veces contraditorio— mix de conservadorismo autoritario e neoconservadorismo, con trazas de democracia cristiá, populismo, rexionalismo galeguista forte e, mesmo, un keinesianismo confiado na intervención determinante da Xunta. Contraditorio, afirmándose no seu elitismo e, ao tempo, nunha política de proximidade á que lle acaen eventos masivos e de feitura popular. Hiperliderado e autoridade omnipotente e omnipresente como expresión personalista dunha revolución conservadora pasiva e desde arriba. Os seus resultados: un réxime de partido ultradominante e a institucionalización Autonomía galega como unha construción conservadora.

Francisco Vázquez, o localismo populista

Con todo, na Galiza, o populismo comezou antes a destilarse como localismo por mor da disputa pola capitalidade. A designación de Compostela sede das institucións autonómicas foi duramente contestada polas forzas vivas da Coruña que entenderon que se vulneraban os dereitos históricos da cidade. A indignación cidadá traduciuse en mobilizacións masivas e nunha posición política unánime das agrupacións coruñesas da UCD, Alianza Popular e PSdeG.

O coruñesismo cristalizou, inicialmente, como reacción á frustración pola elección de Compostela como sede do autogoberno e, despois, como materia para a imaxinación populista dunha nova identidade na cidade. Un coruñesismo transversal que sería hexemonizado por Francisco Vázquez. Nas municipais de 1983 só obterían actas os partidos que apoiaran a capitalidade da Coruña e Vázquez logrará a súa primeira maioría absoluta, revalidada despois en 1987, 1991, 1995, 1999 e 2003. O seu “longo mandato” suma 22 anos, 10 meses e 1 día.

O vazquismo formatará o PSdeG como un complemento subalterno do PP, desentenderase do autogoberno galego

O principio activo do coruñesismo regresivo de Vázquez axuntou localismo con abondosas doses de vitimismo populista e conservadurismo —abeirado na pantalla progresista do PSOE—, cada vez máis escorado cara ás posicionamentos antigaleguistas. Co tempo, o coruñesismo mutou politicamente en vazquismo: poder local ilimitado e un peso determinante no PSdeG para definir a súa estratexia, directamente como secretario xeral (1980-1982 e 1994-1998) ou indirectamente até a chegada de Pérez Touriño. O vazquismo formatará o PSdeG como un complemento subalterno do PP, desentenderase do autogoberno galego e investirá no municipalismo como o seu espazo de poder. Os seus efectos máis persistentes serían a desconexión da Coruña de todo proxecto de país e a desactivación do PSdeG como alternativa real ao Partido Popular.

O compoñente populista da acción de goberno de Vázquez foise rebaixando a medida que se convertía nun broker das principais corporacións económicas e mediáticas da cidade. Puente Ojea, que tamén exerceu como embaixador no Vaticano, cualificouno con crueza: “Paco Vázquez só é un home de negocios”. A Vázquez préstalle máis presentarse, aínda hoxe, como o abandeirado do “coruñesismo invicto”.

Baltar Pumar, caciquismo popular e populista

O xornalista Víctor Rodríguez resumiu a biografía de José Luís Baltar Pumar nunha frase: “Un historial político marcado polo populismo”. El prefería definirse como un “cacique bo”. Un historial político de éxito, en todo caso. Antes de se integrar no PP, a súa liñaxe política empata co centrismo ao que deu vida Eulogio Gómez Franqueira, en connivencia co desenvolvemento do cooperativismo (UTECO, COREN) e a creación da Caixa Rural de Ourense. Da UCD a Centristas de Ourense e a Coalición Galega (CG). Centristas de Galicia en 1985, tras o cisma de CG. Á fronte do novo partido dous homes de Franqueira: Victorino Núñez, presidente, e José Luís Baltar, secretario xeral. Núñez, presidente da Deputación desde 1979; Baltar, alcalde de Nogueira de Ramuín desde 1976 e sucesor seu na Deputación a partir de 1990.

Nas baronías e cacicatos da dereita galega é doado diferenciar dúas castes, unha patricia e outra plebea. Baltar, adornado de galeguismo mol e ourensanía, encarnou a súa expresión máis popular e populista. Desde a Deputación teceu unha rede clientelar de fidelidades e de favores, desenvolvendo unha sorte de Estado de benestar bastardo que aseguraba empregos, servizos e axudas aos leais. Politicamente pouco cauteloso e bocalán ensuciou as campañas electorais con acusacións falsas e gorentosas promesas. Avogou por un caciquismo sen escrúpulos e o recurso das peores prácticas: “Buscar os votos onde sexa, convencer a quen sexa e roubarllos a eles ou a quen sexa”. Na súa idea, o éxito electoral lavaba toda mancha.

Desde a Deputación teceu unha rede clientelar de fidelidades e de favores, desenvolvendo unha sorte de Estado de benestar bastardo que aseguraba empregos

Nas retesías partidarias bateu con Fraga, xa no seu crepúsculo, e arrepúxose as inxerencias de Feijóo no seu feudo político. Retirouse en 2012 e cedeullo en herdanza dinástica a seu fillo, Xosé Manuel Baltar Blanco. Dous anos despois foi condenado por realizar máis dun cento de contratos irregulares de traballadores na Deputación, moitos deles compromisarios no Congreso do PP de Ourense no que se elixiu a Baltar Blanco como sucesor. A continuidade dinástica crebouse en 2023. Tras esquivar distintos escándalos, X. M. Baltar veuse obrigado a renunciar os seus cargos ao ser imputado nun delito de condución temeraria. Retirouse mansamente e foi premiado cun posto de representación autonómica no Senado.

Abel Caballero, un populista neroniano

A sociedade viguesa de orde envexou durante décadas á Coruña, devecía porque Vigo tivese un Paco Vázquez, un alcalde que achegase un localismo solvente e autoridade, e que, ao tempo, deixase mans libres para facer da cidade un monopoly con moitos beneficios e moi poucas regras. En 2007, Corina Porro, alcaldesa do PP, ficou a 2.500 votos da maioría absoluta. BNG e PSdeG acordaron un goberno de coalición e Caballero foi elixido alcalde. En 2011, recuncou na alcaldía cun novo pacto co BNG que xa non faría parte do goberno local. Despois sumou maiorías absolutas en 2015, 2019 e 2023.

Combina un viguismo defensivo —de queixa e protesta— cunha identidade positiva e orgullo de cidade

Vigo é arestora unha sorte de Cidade-Estado na que Caballero concentra todo o poder. Combina un viguismo defensivo —de queixa e protesta— cunha identidade positiva e orgullo de cidade. Sen marcas ideolóxicas fortes, garda as distancias, se é preciso, co PSdeG. Alenta un antagonismo avivecido contra a Xunta e explota de xeito vitimista os agravios orzamentarios coa cidade. Abusa dun hiperliderado histriónico, saturado de egocentrismo, hiperbólico en emocións e narcisismo.

Un populismo neroniano que engorda con políticas de proximidade e o achegamento informal aos cidadáns. Incansable, é un alcalde stakhanovista, en campaña electoral permanente. O seu é un populismo de orde, pragmático, moi competitivo e adaptado ás esixencias dunha democracia de audiencias sempre á procura a viralidade e o maior impacto no público. Un triunfo populismo como política-espectáculo.

Pérez Jácome, un populismo grotesco

En 2003, Gonzalo Pérez Jácome, xestor dun cativo negocio familiar de instrumentos musicais, creou Democracia Orensana (DO), un proxecto político personalista, ideoloxicamente desdebuxado, “nin de esquerdas, nin de dereitas, de Ourense”. Jácome imita os 'empresarios políticos' do primeiro populismo como Jesús Gil ou Ruiz-Mateos cos que comparte trazos psicolóxicos e políticos: narcisista, extravertido, audaz, destemido, provocador, malhumorado, grotesco, pero tamén carismático e popular.

Jácome prosperou acabalo da antipolítica e un caudillismo desbocado

Jácome aumentou o seu crédito cidadán a base de impugnar o réxime caciquil do baltarismo e os límites estreitos do bipartidismo e a política convencional. Prosperou acabalo da antipolítica e un caudillismo desbocado. A súa política antagonista e contenciosa, denunciando a discriminación de Ourense, achicou o espazo das forzas políticas de cambio e, nas municipais de 2015, Democracia Orensana converteuse na segunda forza política na cidade. E sería, de feito, a oposición ao alcalde do PPdeG, o exconselleiro de Educación, Xesús Vázquez, desbordando coa súa iniciativa a PSdeG e Ourense en Común.

Non houbo sorpasso de DO ao PP nas municipais de 2019. O PSdeG favorecido polo efecto Sánchez foi a lista máis votada. Retrocederon PP e DO. A correlación de debilidades das dúas dereitas ourensás facilitou a solución máis impensable. Co apoio recíproco, Baltar ocupou a presidencia da Deputación e Jácome a alcaldía. DO deixou de ser alternativa para ser complemento. Xermolou o descontento polo autoritarismo mesiánico de Jácome. A lealdade de Baltar durou pouco e impulsou un motín no seu grupo municipal. Jácome sobreviviu ao cisma de Democracia Ourensana.

Nas eleccións do 28M, os partidarios da Orde aspiraban a normalización do concello impedindo un novo mandato de Jácome e eivando a súa capacidade para decidir a presidencia da Deputación. Normalización que esixía minimizar electoralmente a anomalía populista (ultra)conservadora de DO. A operación de acoso e derrubo de Jácome divulgando audios, nos que se acreditaban malas prácticas e se acumulan indicios de delito, arrebatos autoritarios e unha grotesca personalidade, non erosionaron os seus apoios e favoreceron a súa vitimización.

O pasado 23M, Democracia Orensana converteuse na primeira forza política no Concello de Ourense, sumou máis dun terzo dos votos e 10 concelleiros. Coma en 2019, á dereita conservadora valeulle a dereita populista como solución de emerxencia para acorar as forzas do cambio e impedir a democratización do goberno municipal e a Deputación de Ourense.

Elecciones
Ourense e a gaiola conservadora
Para que haxa un cambio o 28M, PSdeG, BNG e Agora Ourense necesitan fidelizar os seus apoios das xerais e autonómicas e mobilizar os electores máis novos.
Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.

Relacionadas

Cargando relacionadas...
Cargando portadilla...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...