Política
As chaves da moción de censura en Ribeira: presións, ameazas e ofertas desde a Xunta
Durante case catro décadas, Ribeira foi un dos bastións máis sólidos do Partido Popular en Galiza. Dende 1987, a formación gobernou sen interrupcións esta localidade de case 27.000 habitantes da ría de Arousa. Porén, as eleccións municipais de 2023 romperon esa tradición: o nacionalista Luís Pérez Barral (BNG) logrou arrebatarlle a alcaldía á dereita co apoio do PSOE e do Partido Barbanza Independente (PBBI), unha escisión do PP encabezada por Vicente Mariño de Bricio.
Mais a finais de setembro de 2025, o PP presentou unha moción de censura xunto a catro edís do PBBI para recuperar a alcaldía. A moción foi o resultado de meses de axitación política, negociacións ocultas e tensións internas.
Dous concelleiros do PBBI —Tania Redondo e Juan Luis Furones— denunciaron presións e coaccións para sumarse á operación. Tan só dez días despois da presentación da moción de censura, Tania Redondo comparecía ante a prensa para renunciar á súa acta de concelleira e pasar ao grupo de non adscritos. Redondo aseguraba que a moción foi “froito de meses de negociacións” e temía represalias persoais, mesmo contra o negocio familiar, se non apoiaba a moción: “Se hai que pechar Baldomero, péchase”, concluía en referencia ao bar que teñen seus pais na localidade. Pola súa parte, Furones, que dende o primeiro momento se negou a avalar o cambio de goberno, admitiu ante medios locais que “houbo presións, igual que despois das eleccións de 2023”.
O resultado das manobras foi claro: o 13 de outubro, Mariola Sampedro, sucesora de Manuel Ruiz —exalcalde de Ribeira e actual senador do PP—, converteuse na nova rexedora grazas aos votos do PP e de tres concelleiros do PBBI: Vicente Mariño de Bricio, Herminia Pouso e Fernando Abraldes.
No pleno da moción de censura, o propio Luís Pérez denunciou a existencia de “ofertas económicas enriba da mesa para impedir un acordo de investidura co Bloque Nacionalista Galego” tralas municipais de 2023. Na súa intervención, Pérez Barral lembrou que Fernando Abraldes e Vicente Mariño fachendeaban de ter audios de Diego Calvo —actual conselleiro de Presidencia— ofrecendo cartos e prevendas para rachar co acordo de goberno.
O exalcalde describiu ademais como o PP e parte do PBBI comezaron a manobrar despois de coñecer unha enquisa que situaba ao BNG en clara alza electoral. Segundo Pérez Barral, Mariola Sampedro, daquela traballadora da Consellería do Mar, contou coa colaboración do propio departamento autonómico —do que depende Portos de Galicia— para provocar un conflito artificial arredor das festas patronais: “A señora Sampedro pediulle a Portos que, despois de 40 anos con Ribeira facendo as festas no mesmo sitio, lle impedise a súa realización”. Para Pérez Barral, aquela manobra non tiña outro obxectivo que crear unha escusa mediática que xustificase a moción de censura e o retorno do PP ao poder.
Este medio contactou coa alcaldesa de Ribeira, Mariola Sampedro, e co portavoz do PBBI, Vicente Mariño de Bricio, para solicitar declaracións sobre as supostas presións denunciadas por membros do seu grupo, así como para coñecer a súa versión sobre os motivos que levaron á presentación da moción de censura. Ningún deles respondeu ás cuestións formuladas ata a data de publicación deste artigo.
O fundador do PBBI, Vicente Mariño, xa formara parte das listas do Partido Popular en anteriores eleccións locais, mentres que Herminia Pouso fora deputada do PP durante o mandato de Feijóo. Na primavera de 2023, o líder do PBBI sostiña que calquera apoio a Ruiz e ao seu equipo “sería unha traizón ao noso discurso e votantes”. Dous anos despois, esa afirmación volveuse na súa contra: o PBBI acabaría sendo o socio que devolvería ao PP a alcaldía mediante unha moción de censura.
A residencia de maiores
Cinco días despois de que Mariola Sampedro recuperase a alcaldía para o PP, a Xunta de Galicia anunciou o desbloqueo do proxecto da residencia de maiores de Ribeira, paralizado durante meses pola Consellería de Política Social.
“Unha vez estivemos no goberno, axilizamos todos os permisos que eran necesarios. Só quedaba pendente o informe de Augas de Galicia, e foi aí cando se paralizou todo”, relata Pérez Barral. En maio de 2025, a conselleira de Política Social, Fabiola García —antiga concelleira do PP de Ribeira—, anunciou ante a prensa que solicitara ao Concello unha nova ubicación para a residencia, argumentando que, tras a dana, o Ministerio para a Transición Ecolóxica prevía revisar as condicións de construción en zonas con risco de inundación.
Esa revisión, porén, limitábase a unha consulta pública previa aberta polo Ministerio, mais non establecía ningunha modificación concreta da normativa vixente. O Concello recibiu unha carta oficial da conselleira instando a buscar outro emprazamento. “Respondemos solicitando unha reunión entre os equipos técnicos da Consellería e do Concello para coñecer cales eran os impedimentos legais reais, pero nunca obtivemos resposta”, afirma Barral.
O agora exalcalde sostén que a decisión de frear o proxecto non tivo base técnica, senón política. “Cando comezaron as negociacións con Vicente Mariño para a moción de censura, comezaron tamén as mensaxes e os contactos. Dixéronme cousas como ‘se queres que as cousas da Xunta saian adiante, xa sabes o que tes que facer”.
A residencia permaneceu bloqueada ata que o PP recuperou o poder municipal. Segundo Furones, “a residencia mencionouse como un risco político”. Para el, os populares “crean problemas de xeito artificial para despois presentarse como salvadores: coa falta de profesorado, coa sanidade, coa residencia e mesmo coa axuda no fogar”.
O regreso do PP tamén veu acompañado dun reaxuste nas retribucións municipais. No último pleno, o goberno aprobou un novo cadro de dedicacións, entre as que destaca a do concelleiro Abraldes —un dos asinantes da moción—, que percibirá 18.112 euros brutos anuais por unha dedicación parcial como responsable de Mar, Promoción do Litoral e Festexos. O nomeamento causou malestar na oposición: Abraldes non tiña dedicación retribuída no anterior mandato e, ademais, as áreas que agora encabeza —Mar e Promoción do Litoral— son competencias autonómicas, non municipais.
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!