Venancio columna
Venancio no seu tractor.

Morren os ‘venancios’

Aínda se notan algúns dos fíos que el teceu entre veciños, o que non se sabe é canto tempo pasará antes de que a tea de araña que sostén á comunidade xa non se renove tras cada vasoirazo do sistema neoliberal que arremete.
23 ago 2026 05:30

Non morreu un veciño. Morreu un venancio. Cando chegamos a esta aldea dunha vintena de persoas nós sumamos dous, porén, aos poucos meses, cando morreu Venancio, perdéronse moitos máis. Non morreu só un veciño, morreu aquel que coñecía os montes e facía a matanza, o que daba a hora ao pasar saudando co seu tractor, o que che cortaba a leña para o inverno, o que empregaba a dous obreiros e nunca quedaba coa súa plusvalía. Morreu tamén o que lle traballaba a terra a quen non podía, o que se encargaba de traer as castañas e mercar o licor para o magosto. Morreron todos e cada un deles, nun mesmo día, hora, segundo. Nun mesmo instante. E aínda así, o censo, eses fríos números sen corazón, nin sentimento, nin fame, nin padecemento, só baixaron un punto.

Na España que se baleira, morren os venancios. Venancio era un piar, un deses que sostén a comunidade, que entrega e nunca pide, porque ten fe nela. Fai falta moita fe para seguir loitando por unha terra que se baleira. Erguíase cada día para levarlle cabazas aos seus porcos celtas, raza autóctona que unicamente se cría se se fai con suficiente liberdade. Aproveitaba entón para acudir á súa cita diaria na que tomaba un café coa súa irmá, non unha de sangue, senón de terra, porque cando habitas un territorio no que podes contar os veciños cos dedos das mans, o sangue espesa e del medra familia.

Morreu Venancio e todos o choran. O seu primo, as súas cabras, a súa horta e ata os dous acabados de chegar que notan que non só morreu Venancio, senón que morreu, un pouco máis se cabe, a aldea moribunda, a España baleirada, e sobre todo, a comunidade que mantén viva a terra que nos alimenta.

Para Venancio ter obreiros non se trataba de facer cartos. Compartir a faena dos campos e a madeira, o xantar na única casa de comidas que queda e a cervexa ao anoitecer no poio da súa casa, era moito máis; é a cura para esa epidemia de soidade que tanto sofre a poboación urbana, a rutina que lle dá sentido ao día, é coidar a vida, iso tan prezado e que estamos deixando morrer.

Os venancios sábeno, saben que coidar a vida é o que lle dá sentido a ter una, aínda que se acurte demasiado pronto como lle aconteceu a este venancio. Eles non ven diñeiro no tempo porque saben que o tempo non ten prezo, que as horas que el botaba axudando aos seus veciños valían moito máis do que eles podían gastar.

Nunha comunidade, concepto estraño nalgúns ámbitos, non podes pedirlle ao teu veciño aquilo que non pode dar, iso fano os empresarios porque non lle miran á cara nin aos seus traballadores, nin aos compradores de bens básicos. Venancio non era capitalista, pero movía moito diñeiro. Movía a economía do val, aínda que non se baseaba na teoría do derrame. Como un bo nativo, desa economía que el movía, collía só o que precisaba para seguir vivindo. Si, movía moito diñeiro e seguía sendo humilde como o son os seus antigos obreiros ou os seus vellos clientes, pois aquí non é necesario explicar como se viviría si decrecésemos.

E a pesar de non ter riqueza, o val gozaba de abundancia porque tiña a un venancio que mantiña esa rede de contactos e sabedorías. Venancio era un “conseguidor” pese a que a única comisión que cobraba era a amizade e o aprecio. Aínda se notan algúns dos fíos que el teceu entre veciños, o que non se sabe é canto tempo pasará antes de que a tea de araña que sostén á comunidade xa non se renove tras cada vasoirazo do sistema neoliberal que arremete.

Achegámonos a unha fervenza que desemboca nunha gran crise, un colapso que non pode ser descrito debido á incerteza que o opaca. O único seguro é que se te colle o colapso, que sexa sendo membro dunha comunidade na que hai un venancio, un ou moitos, porque os venancios morren e chóranse, mais do seu sangre de terra e das bágoas dese baleiro que deixan, aos venancios cultívaselles. Eles, antes de irse, sempre sementan.

Los artículos de opinión no reflejan necesariamente la visión del medio.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...