Opinión
Arquitecturas do posible

O anuncio da primeira cooperativa de vivenda en cesión de uso expande o noso imaxinario e confirma que outros modos de habitar e outros réximes afectivos deixan de funcionar como futuros abstractos para se converteren en prácticas concretas.
agrocuir 2025
Iris Justo Souto do Caracacho no Agrocuir 2025.

Profesora na UDC e escritora.
@xela.paris

7 dic 2025 05:30

Descoñezo como o entendes ti, que estás a ler este artigo, mais para min o queer vai moito máis alá do xénero ou da sexualidade. O queer é posibilidade, ferramenta coa que observar os andamios cos que se decidiu construír o mundo e a orde que o sostén, aquilo que me fai camiñar sabendo que nada do que se nos presenta como natural o é realmente, que todo foi erguido por un sistema cunha intención clara. Esa consciencia da realidade como unha ficción modelada é, antes de nada, profundamente liberadora.

Desde esa mirada que abre fendas na aparencia do inevitable, o queer convértese en verbo, acción, co que interrogar de maneira permanente a norma e os seus límites. Queerizar o mundo significa darlle a volta a un sistema que se beneficia da desigualdade e que non dubida en esmagar o que non encaixa. Nesta liña, queerizar non perguese a felicidade, un concepto tan desbordante de cisheteronorma, senón algo moito máis radical: a tranquilidade, a vida vivíbel.

Desde esa perspectiva, convido a celebrarmos o anuncio da primeira cooperativa de vivenda en cesión de uso en Galiza. Esta nova expande automaticamente o noso imaxinario e confirma que outros modos de habitar e, polo tanto, outros réximes afectivos, deixan de funcionar como futuros abstractos para se converteren en prácticas concretas. O porvir deixa de ser unha promesa difusa e tórnase nun xesto que racha coa lóxica da propiedade privada e da familia nuclear.

Interpretar estas cooperativas como algo moderno ou como unha innovación importada sería esquecer que na Galiza o común ten raíces fondas

Con todo, que a celebración non nos faga perder o foco. Non se trata de romantizar unha solución que segue a estar atravesada polas desigualdades materiais. Que existan cooperativas non significa que este modelo sexa accesíbel para a maioría nin que resolva a precariedade estrutural, senón que a imaxinación política pode ser posta en práctica, que existen fracturas reais no muro do inevitábel.

Alén disto, interpretar estas cooperativas como algo moderno ou como unha innovación importada sería esquecer que na Galiza o común ten raíces fondas. Os montes veciñais en man común, espazos gobernados colectivamente e transmitidos ao longo das xeracións, lembran que habitar xuntes non é unha excentricidade, senón parte da nosa memoria. Recuperar modelos cooperativos é, tamén, un acto de xustiza histórica e de reivindicación dunha tradición que o capitalismo nos roubou. Quizais os novos modelos de vivenda non sexan tanto unha novidade como unha volta ao común.

Na miña experiencia, sempre xorde o debate sobre as non-monogamias ou a abolición da familia como aposta política, aparece con frecuencia unha sensación profunda de desasosego. Pensar formas de vida que descentralicen a parella parece, a miúdo, utópico ou irrealizábel. E non é estraño que así sexa: aquilo que nos ensinaron como vida adulta está noutro lugar, e quen se afasta dese guión enfróntase a miúdo á soidade e á percepción de estar indo contra corrente. As amigas poden apoiar o discurso, pero “á hora da verdade” a maioría acaba nun proxecto de vida parellocentrista. Que pode facer, entón, quen non quere vivir así?; que opcións ten quen escolle a soidade non como tránsito, senón como destino? O mercado inmobiliario afoga e empurra a escollas impostas, afastadas dos desexos reais.

Se estes proxectos nos parecen fráxiles, arriscados ou improbábeis é porque vivimos instaladas nun único modelo e confundimos hábito con seguridade

Porén, abolir a familia non significa privar a ninguén dun fogar ou dun tecido afectivo. Ben ao contrario, significa liberar a vida dunha estrutura presentada como natural, única, posible. Por iso, o máis próximo á abolición da familia é, xustamente, un edificio onde as persoas comparten espazos, responsabilidades e afectos sen depender da lóxica do sangue nin da parella. As non-monogamias levan tempo lembrándonos que o amor pode ter múltiplos centros e a vivenda cooperativa dinos agora que a casa pode converterse nunha paisaxe afectiva construída entre moites.

Se estes proxectos nos parecen fráxiles, arriscados ou improbábeis é porque vivimos instaladas nun único modelo e confundimos hábito con seguridade. Educáronnos na pedagoxía do medo: medo ao común, ao colectivo, e a todo aquilo ao que non poidamos poñerlle un pronome posesivo. Un edificio cooperativo móvese, medra, muda: existe algo máis queer do que iso?

Quizais o verdadeiro escándalo non sexa imaxinar outras formas de vivir, senón aceptar que só hai unha. Cando unha casa se abre ao común a pregunta xa non é se isto é viábel, senón: como poderiamos permitirnos non facelo?

Los artículos de opinión no reflejan necesariamente la visión del medio.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...