Opinión socias
Un encontro, toda unha herdanza
Son as 03:23 da mañá dun venres que aínda non sabe como comezar. Eu tampouco sei como abordar este texto. Non sei que escribir nin para quen. Supoño que, como bo galego, acabarei recorrendo á retranca: depende. Esa aparente inconsistencia que nos atribúen aos nativos desta aldea gala esquecida no curuto da península ibérica. Ou quizais sexa a intuición de que todo muda inexorablemente e de que o cambio é a única constante.
Onte, Galiza quedou un pouquiño máis orfa. Ou non. Depende. O falecemento de Beiras deixa unha herdanza inmensa, pero tamén unha responsabilidade: evitar que quede convertida nunha reliquia do pasado. Cómpre asumir as súas leccións, actualizalas e procurar que, cando nos chegue a derradeira hora, alguén tome o testemuño. Todo por esa Alba de Gloria que observamos no horizonte do mar de bravú.
O meu primeiro recordo do Mestre é velo erguerse do escano no Parlamento galego para recriminarlle á cara a un bisoño Feijóo. A televisión pública galega, aquela coa que amenciamos na casa para comezar o día, retrataba a Beiras como un tolo, alguén que non debía ocupar un lugar tan nobre como o hemiciclo parlamentario. O seu momento xa pasara; tocaba xubilarse. Mentres, a mesma televisión gababa a enteireza de Feijóo, o seu saber estar. O motivo daquel arrebato de Beiras, a súa crítica? Silencio.
No colexio, a mensaxe tamén chegaba. A caricatura do tolo, do provocador, reproducíase nas aulas mediante imitacións e burlas. Esa infancia que a bancada conservadora insiste en manter allea á política xa estaba politizada. A mensaxe era clara: o nacionalismo era cousa de xente que non estaba ben.
Pasaron os anos e cheguei ao vestíbulo da Facultade de Económicas da Universidade da Coruña. Nun dos bancos, á altura dos ollos, había un cadro de Alexandre Bóveda, un pensador avanzado ao seu tempo, tamén no ámbito fiscal. A súa preocupación pola distribución dos recursos e polo trato inxusto ás comunidades periféricas segue a interpelarnos. Como dicía Castelao, a vaca galega ten o pesebre en Galiza e os tetos en Madrid.
Un apuntamento: o asasinato de Bóveda polos franquistas, o 17 de agosto de 1936, debería ocupar un lugar central na nosa memoria colectiva. O Día da Galiza Mártir merece ser lembrado como unha data nacional para non esquecer de onde vimos.
Volvamos ao vestíbulo. Preguntábame se aquela facultade que exhibía a figura de Bóveda como referente do galeguismo traballara academicamente sobre o seu pensamento. Non atopei apenas nada. Aquel cadro semellaba máis un exercicio de postureo refinado ca un compromiso intelectual.
Cando chegou o momento de escoller tema para o traballo de fin de grao, decidín estudar a evolución do sector primario desde unha perspectiva económica nacional, discretamente galeguista. O traballo non foi ningunha fazaña e non escribo isto para presumir del. Quero compartir outra cousa: aquela decisión levoume a un segundo encontro con Beiras. Esta vez, coa súa obra.
A imaxe preconcibida do ser volcánico, cos cables pelados, esnaquizouse. Detrás dela descubrín unha voz lúcida, capaz de transmitir ideas con precisión, punzante cando cumpría e retranqueira cando o humor axudaba a rebaixar a intensidade dos argumentos.
O punto de partida foi ese tótem que é O atraso económico da Galiza. Lembro entrar nunha libraría do barrio coruñés de Catro Camiños e comezar a devorar as páxinas. Subliñaba, anotaba nas marxes —espero que os bibliófilos máis puristas me perdoen a ousadía— e atopaba unha voz cómplice, capaz de verbalizar sentimentos e ideas que eu apenas conseguía ordenar. Case cincuenta anos despois da súa publicación, aquel libro seguía a falar do presente.
Así comecei a considerar amigo a alguén coa quen nunca tivera trato.
Ata que ocorreu. A Facultade de Educación, e non a de Económicas, organizou unha charla con Daniel Raventós e Beiras sobre a fraternidade republicana e a renda básica. Alí estaba o Mestre, rodeado de xente moza, escoitando con empatía e atención, disposto tamén a aprender das perspectivas dunha xeración que ten moito que achegar. E alí estaba aquel silencio sepulcral do público, consciente de estar asistindo a unha lección que podía mudar o seu xeito de pensar.
Unha imaxe inesquecible.
Ao rematar, pedinlle que me asinase un libro. Accedeu con xenerosidade e aproveitei para falarlle do meu traballo de fin de grao. A ledicia e as palabras de ánimo coas que me recibiu seguen a resoar hoxe. Aquel encontro permitiume descubrir a persoa máis alá da referencia galeguista, máis alá do mito que, por outra banda, el mesmo rexeitaba: un home xeneroso, humilde, perspicaz e disposto a revisar as propias ideas. Todo cun horizonte compartido: esa Alba de Gloria que desexamos ver algún día.
Quizais este texto non deba publicarse. Quizais fale demasiado de min. Escribo un obituario ou intento acougar os recordos que galopan pola miña cabeza? Depende.
Pero sei que estas palabras son unha reflexión, unha despedida e, sobre todo, un agradecemento.
Grazas, Mestre, por deixar unha obra que non nos permite acomodarnos no pasado. Por lembrarnos que pensar Galiza tamén implica interrogarnos sobre o seu futuro. E por demostrarme, nun encontro breve, que a grandeza intelectual non está rifada coa humildade.
Que a terra che sexa leve!
Este es un espacio para la libre expresión de las personas socias de El Salto. El Salto no comparte necesariamente las opiniones vertidas en esta sección.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!