We can't find the internet
Attempting to reconnect
Something went wrong!
Hang in there while we get back on track
O prelo
Superguerreiras, moscas robóticas e 'playlists' máxicas: unha estética do desfase
“As moscas enchían a praia das Lapas. Chegaran polo mar, mentres ti agardabas no límite entre a area e as ondas. [...] Desde o descubrimento das cinco pedras, co posterior auxe das superguerreiras, até os menos asisados ventaban a nosa vitoria. [...] Con motivo de semellante efeméride, a intro de Dragon Ball Z resoaba en cada un dos recunchos da cidade.”
Sete anos despois desta batalla na Torre de Hércules, as superguerreiras volven enfrontarse ao seu inimigo. En Lapislázuli: o regreso das superguerreiras, primeira novela para adultos de Alba Rozas (autora xa experimentada en literatura xuvenil e relato breve), atopamos o retorno das protagonistas: cinco mozas con cadansúa pedra de poder que lles outorga habilidades vencelladas aos cinco sentidos. Rozas aproveita os poderes das superguerreiras tamén como recursos narrativos: asistimos a escenas do pasado por medio da capacidade de Eire de traer os recordos a flote, e desfrutamos da banda sonora grazas á súa capacidade de reproducir música á vontade. Na construción da novela vese un coñecemento profundo dos motivos dos xéneros da fantasía e a ciencia ficción, que son deconstruídos, parodiados e homenaxeados.
“― Aghárrate! ―O berro de Coralia reverberou agudo contra as ondas―. Aghárrate que fondeamos!
Sen querer, Alecrín bailaba a muiñeira sobre a cabeza escorregadiza do kraken. Entrementres, a ametista, cos pés firmemente chantados na gomosa masa visceral da criatura, repetía a única orde que o lapislázuli non lograba obedecer.”
Xa na contracapa do libro nos anuncian a inspiración variada detrás de Lapislázuli: Naoko Takeuchi, China Miéville, Robert E. Howard, Emily Rodda, Adrezj Sapkowski, Akira Toriyama… A mestura de referentes e xéneros provoca que a obra posúa unha estética do desfase que, se ben innovadora no panorama literario galego, non é para todo o mundo. A autora non se pregunta en ningún momento se as protagonistas deberían ir montadas nun polbo xigante. Claro que deberían. Neste sentido, venme ao recordo a película Sucker Punch (Zack Snyder, 2011), filme que provocou opinións polarizadas pero que, sen dúbida, levou ata as últimas consecuencias o cruzamento entre a mente e o videoxogo. Tamén o videoxogo está presente en Lapislázuli por medio dos subtítulos das partes da novela (“Cargando…”), algúns temas da playlist creada por Eire (que se pode escoitar mediate un código QR ao final do libro) e unha mestura de realidade e ficción que trae unha certa xogabilidade á interpretación des lectores.
Na novela de Alba Rozas aparecen lugares reais da Galiza (coma a Torre de Hércules, o Faro de Burela ou a Catedral de Santiago) e personaxes baseadas en persoas reais (coma Meiga-i). A pegada do fanfic na literatura está cada vez máis presente, e distingo algo dela no desenvolvemento de Lapislázuli. Alecrín, a protagonista, é unha moza que ten que lidiar co tribunal da tese de doutoramento e almorza leite con cereais nunha casa okupa coas súas amigas. Certo que ten unha espada máxica e un mozo robot, pero quen non se meteu en cousas raras na universidade?
“―Que tal a cea de onte? ―preguntou mentres sentaba directamente no chan.―Produtiva, se temos en conta que nos revelou as principais posicións das moscas dentro e fóra da parte vella, [...]. Infamante se atendemos a que Coralia se lle declarou varias veces, despois de acabar a botella, alegando que o seu rotacismo e a súa gheada eran puros. Explicoulle tamén como os teus desapareceron en canto te viñeches a Santiago para te licenciar e te asentaches na cidade. O tal cambio disque denota a falta de personalidade e enteireza que ao teu irmán lle sobra.”
En Lapislázuli hai tamén un gran traballo lingüístico. Rozas dota a cada personaxe dos trazos dialectais propios do seu lugar de orixe, o que pon de manifesto un esforzo por dignificar a diversidade dialectal do galego. Lemos, por exemplo, como unha das superguerreiras máis fortes, Coralia, berra “Vinde, desghrasadas!” a unha ducia de robots asasinos. Falando de diversidade, e aínda que isto debería ser o habitual e non algo destacable, quero tamén sinalar a naturalidade coa que a autora introduce personaxes do colectivo LGBTIQA+. A mesma Coralia é trans, e as dúas superguerreiras que aínda non mencionei (Eire e Mor) son parella. A orientación e identidade non son elementos centrais na historia, senón que se establecen coma un trazo máis das protagonistas, o que é importante a nivel de representación.
A novela de Alba Rozas é unha obra innovadora na nosa literatura. Frenética, válese de saltos temporais, referencias e cambios de perspectiva para trasladar aes lectores unha historia que, ao final, nos fala do que supón conservar (ou non) a humanidade. Editada por Boadicea, demóstranos que este selo non ten medo ás apostas arriscadas, como xa demostraran con Gastrulación (Boadiceda Editora, 2023), de Pablo Pesado. É bo saber que a novela fantástica galega segue sorprendendo e entrando en diálogo con outros sistemas literarios.