Unha explotación mineira a menos de 40 metros dun núcleo rural en Laxe: a loita contra a mina de Coéns

Un novo proxecto mineiro prevé a extracción de caolín durante tres décadas no municipio coruñés. A veciñanza denuncia a opacidade no procedemento e alerta das afeccións medioambientais do proxecto.
Lagoa da Mina en Coéns
Lagoa da Mina en Coéns, foto da Plataforma Contra a Mina de Coéns.

“Se isto sae adiante, teremos unha mina practicamente no medio das casas. En Gundar, o oco mineiro quedaría a uns 35 metros das vivendas; en Coéns, a uns 70”. Así resumen dende a Plataforma Contra a Mina de Coéns a principal preocupación da veciñanza ante o proxecto de explotación mineira de caolín —unha arxila branca— previsto no concello coruñés de Laxe.

A tranquilidade dos núcleos rurais de Coéns e Gundar podería verse alterada pola apertura de dúas minas a ceo aberto promovidas por Caolines de Vimianzo S.A.U. (Cavisa). Segundo o Estudo de Impacto Ambiental, redactado en xaneiro de 2022, a explotación permitiría extraer 264.808 toneladas de caolín ao longo de tres décadas, cunha produción anual aproximada de 9.000 toneladas. Porén, a poboación afectada denuncia que o documento minimiza os impactos reais da actividade e carece de información clave.

Un dos puntos que máis alarma á veciñanza é a proximidade da explotación ás casas. Nas alegacións presentadas pola Plataforma Contra a Mina de Coéns sublíñase que os dous ocos mineiros —de 64.114 e 14.790 metros cadrados respectivamente—  estarán a escasos metros das vivendas e “nunha contorna totalmente humanizada con actividade agropecuaria e forestal”. 

A Plataforma critica que o proxecto non concrete as distancias reais nin estableza medidas de protección eficaces para a poboación residente. “As únicas medidas preventivas propostas no proxecto son o rego dos camiños para reducir a suspensión de partículas e o aproveitamento das pantallas vexetais para diminuír o ruído e a presencia de po”, denuncian. 

Un ecosistema ameazado

A historia do caolín en Laxe non comeza agora. A antiga mina, explotada pola empresa Kaolines de Laxe, S.L. entre 1930 e 1982, deixou como legado unha lagoa que, tras máis de 40 anos de abandono, conformou un ecosistema completamente naturalizado. Este espazo, precisamente, atópase agora no centro da polémica ambiental.

A recente catalogación da lagoa Redondelo no Inventario de Humedais de Galicia pon en evidencia unha das principais debilidades do estudo de impacto ambiental do proxecto mineiro: a súa desactualización respecto ás figuras de protección do territorio.

“Falamos dun humedal que temos a obriga de conservar e protexer”, sinalan dende a asociación ecoloxista Contramínate. Segundo explican, a súa recente inclusión no inventario autonómico cambia por completo a visión do conxunto natural que forman o Val do Aplazadoiro, os Penedos de Traba e o Val de Traba, tres espazos que consideran ameazados polo proxecto.

A organización denuncia que non se avaliaron correctamente os posibles impactos sobre este entorno. “No estudo ambiental o promotor di que non é necesario facer un informe específico, pero a lei obriga a facelo”, afirman.

Ademais, lembran que a zona ten un alto valor para a fauna. A lagoa de Coéns é lugar de paso e cría de aves migratorias, está incluída nunha área de xestión do lobo e nelas son habituais os avistamentos de mamíferos como o corzo.

Contaminación atmosférica

O propio Estudo de Impacto Ambiental do proxecto mineiro, ao que este medio tivo acceso, recoñece que a actividade estaría catalogada como “potencialmente contaminadora da atmósfera”. Nas alegacións presentadas, a veciñanza alerta de que tres décadas de explotación dunha mina a ceo aberto suporían “unha elevada emisión de po e outras substancias nocivas, con efectos directos sobre a saúde das persoas e dos animais”. 

A estas emisións súmanse os gases procedentes da maquinaria pesada, como retroescavadoras, camións e palas cargadoras. “Nos días de vento non imos poder abrir unha ventana, colgar a roupa fora a secar, ou poder facer vida no exterior”, denuncian dende a plataforma veciñal.

Nas súas alegacións advirten ademais da contaminación acústica debida ao impacto constante dos motores, sistemas de bombeo, o paso continuo de camións e o rozamento dos pneumáticos co terreo. As voladuras tamén xeran especial preocupación, xa que, malia que a empresa asegurou publicamente que non estaban previstas, a Plataforma Contra a Mina de Coéns sinala que o propio proxecto recolle a realización de explosións periódicas.

A xestión hídrica é outro dos aspectos máis cuestionados polos veciños. "No proxecto contemplase que non afecta a Augas de Galicia, malia que Rego de Gundar se atopa a 600 metros e o Rego de Soesto a 380 metros”, denuncian.

Ademais, advirten de que o proxecto non contempla as fontes nin os pozos que existen na zona. Esta omisión é especialmente grave nunha área onde moitas vivendas dependen de pozos e mananciais propios para o abastecemento. 

Cando a Plataforma contactou con Augas de Galicia, o organismo respondeu que non tiña constancia do proxecto, unha circunstancia que, segundo denuncian, evidencia a “falta de transparencia” no procedemento administrativo.

Opacidade administrativa

A Plataforma Contra a Mina de Coéns vén de presentar un escrito ante a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático no que denuncia a falta de información pública sobre o proxecto. Segundo sinalan, a iniciativa non foi publicada no Diario Oficial de Galicia, malia tratarse dun procedemento con impacto ambiental, nin se realizou ningún trámite de consulta nin comunicación previa ás persoas potencialmente afectadas.

Para a Plataforma, esta ausencia de publicidade e de información directa á veciñanza supón unha vulneración dos principios de transparencia e participación pública recollidos na lexislación vixente. “A nós non nos chamou nin a empresa nin o Concello para darnos información”, denuncian.

Segundo explican, o alcalde tiña coñecemento dos traballos previos, xa que se realizaron catas, movementos de terra e melloras en pistas de acceso. “Para facer máis de vinte sondeos, no Concello tiveron que estar ao tanto, pero din que non saben nada”, aseguran.

Doutra banda, nas alegacións presentadas, a veciñanza advirte do risco que o proxecto supón para o patrimonio histórico e cultural da zona. Entre os elementos afectados figuran dous cruceiros de Coéns protexidos como bens patrimoniais, o xacemento arqueolóxico do Monte do Castro, o conxunto etnográfico de Gundar xunto aos batáns de Mosquetín e o dolmen da Fornela dos Mouros. Tamén sinalan a posible afección á estación de arte rupestre da Pedra Xestosa, na Biqueira, á Pedra do Avión e a outras rochas singulares que conforman unha unidade paisaxística e xeolóxica cos Penedos de Pasarela e Traba, así como ás igrexas de Sarces, Nande e Traba.

Fronte á promesa de tres empregos durante 30 anos, a veciñanza defende un territorio vivo, cunha economía diversificada baseada na agricultura, a gandaría e o turismo sustentable, e cun patrimonio natural e cultural que consideran irrenunciable.

Este medio intentou contactar coa Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia para coñecer o estado actual do procedemento, así como tamén co Concello de Laxe, pero non obtivo resposta ata a publicación deste artigo. 

Minería
Os señores da mina: así paga a Xunta o greenwashing do lobby mineiro
Unha rede de empresarios, políticos e asesores a soldo de mineiras estranxeiras recibe centos de miles de euros da Xunta para fomentar a minaría metálica en Galiza.
Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...